O conflito de Vitrasa volve ás rúas de Vigo tras a proposta insuficiente da dirección

Centos de persoas percorreron o centro da cidade en manifestación para reclamar un convenio xusto e un servizo de transporte urbano digno
Vigo - 15 Dec 2023

O conflito laboral aberto dende hai varios anos no servizo de transporte urbano do Concello de Vigo estase a intensificar nos últimos tempos pola intransixencia da dirección de Vitrasa á hora de negociar un convenio colectivo digno e unha vez que apostou por unha política represiva, con sancións e expedientes a traballadores/as e membros do comité de empresa. De xeito que o cadro de persoal continúa coa folga indefinida iniciada o pasado 25 de novembro e coas mobilizacións, como a manifestación que esta tarde percorreu as rúas da cidade.

Dende a representación sindical lamentan que na xuntanza coa compañía que tivo lugar o pasado mércores a única intención de Vitrasa fose negociar sobre a proposta realizada días atrás e que o comité xa cualificara de “totalmente insuficiente”.

Así que o encontro rematou sen acordo unha vez máis a pesar de terse producido un achegamento de posturas inicial, “no que ambas as partes cediamos un pouco ás necesidades da parte contraria para chegar a un consenso que permitise iniciar a negociación; mais a empresa, tras un receso, cambiou radicalmente a súa postura, volvendo ao momento inicial”.

Vitrasa, aínda contando cun próximo reequilibrio económico por parte do Concello (ao que hai que sumar as compensacións anteriores e varias subidas do prezo do billete), di que segue en perdas, polo que as súas únicas propostas de convenio supoñen para o cadro de persoal unha perda de poder adquisitivo superior ao 16% respecto ao IPC, así como unhas peores condicións laborais.

Por iso dende o comité reiteran que a empresa “atópase cómoda” coa folga e non ten necesidade de darlle unha solución ao conflito, tal e como demostrou nos últimos tres anos negándose a negociar a pesar de que o propio alcalde asegurou hai meses que o reequilibrio económico estaba en marcha”.

Responsabilidade do alcalde

Fan fincapé en que agora, coa metade de autobuses circulando os que hai van cheos e a súa rendibilidade aumenta considerablemente. “O deficiente servizo que se está prestando, (con frecuencias escasas, atrasos importantes e aforos completos) non lle preocupa en absoluto a unha empresa cuxa única prioridade é a rendibilidade”.

Neste senso, consideran que o único que pretende agora Vitrasa é que os traballadores/as desconvoquen as mobilizacións durante o Nadal, “cando nós amosamos a nosa disposición a suspendelas mentres se producisen as conversas sempre e cando queden sen afecto as sancións e os expedientes abertos, xa que non se pode negociar con medidas represivas enriba da mesa”.

Ao mesmo tempo, inciden na responsabilidade do alcalde na solución á problemática aberta nunha concesionaria municipal e reclámanlle que obrigue a Vitrasa a chegar a acordos que permitan desbloquear o conflito. “Mais o rexedor está a amosar un deixamento absoluto, sendo incapaz de propoñer solucións nin de dar unha explicación coherente á situación na que nos atopamos tanto as persoas usuarias como as traballadoras”.