O conflito en Ucraína como expresión do cambio de época

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 13 Out 2022

Eurasia avanza na construción de instrumentos de cooperación e integración sen inxerencia estadounidense e utilizando formas e métodos que non pretenden o asoballamento e o subdesenvolvemento ao mesmo tempo que garanten a paz a partir do respecto á autodeterminación e a soberanía

Durante a miña recente visita a Arxentina e Uruguai, as institucións auspiciadoras da miña viaxe organizaron unha xira na que houbo 14 presentacións do libro ‘La OTAN contra el mundo’ que escribimos xunto a Jorge Elbaum. Así mesmo, realizáronse 7 charlas e conferencias sobre o tema. En non poucas delas, os asistentes reiteraron a consulta acerca de por que o libro ten o subtítulo que agora uso neste artigo: “O conflito en Ucraína como expresión do cambio de época”, e pedían que se abundase sobre o asunto.

 Precisamente, para Jorge e para min, foi prioritario dar a coñecer no libro algúns apuntamentos que explicaban porque chegaramos á conclusión de que máis aló dos resultados que se obtivesen do desenvolvemento bélico do conflito, en realidade o máis transcendente era que a principal consecuencia deste era a verificación do inicio daquel cambio de época do que falou o expresidente ecuatoriano Rafael Correa hai uns anos atrás.

 Da mesma maneira, asumimos que esta consecuencia era a que lle daba carácter global á confrontación, tendo en conta que as súas secuelas ían impactar en todo o planeta. Así, o transo era moito máis que un enfrontamento de Ucraína contra Rusia e mesmo de Estados Unidos e a OTAN contra Rusia.

 Neste sentido, a diferenza da segunda guerra mundial cando Estados Unidos esperou até o final por unha desfeita da Unión Soviética fronte ao exército nazi antes de irromper a mediados de 1944 cando era indiscutíbel e categórico o resultado final do conflito tras a vitoria soviética en Stalingrado en febreiro de 1943, agora o “novo Desembarco de Normandía” expresado como apoio ao golpe de estado en Ucraína en 2014, foi o detonador dunha guerra de expansión que xa dura 8 anos.

 No transcurso, Estados Unidos non só apoiou o exterminio da poboación ruso falante do leste de Ucraína, senón que cooperou no descabezamento das forzas armadas dese país para transformala nun órgano de execución baixo mandato das organizacións nazis que, co apoio do goberno dese país, comezaron a “otanización” dese compoñente armado para convertelo nun ariete da expansión da OTAN, estrutura militar terrorista que ameaza a toda a humanidade.

 A obrigada resposta rusa en salvagarda da integridade física dos habitantes dos territorios oprimidos engadiu ademais como obxectivos a desnazificación e a desmilitarización de Ucraína, emulando desa maneira os obxectivos acordados polas potencias triunfantes na segunda guerra mundial respecto de Alemaña, cando se reuniron na cidade alemá de Potsdam entre o 17 de xullo e o 2 de agosto de 1945.

 Ao finalizar a xuntanza, o presidente de Estados Unidos apresurouse en regresar a Washington para -só 4 días despois- ordenar o lanzamento dunha bomba atómica na inerte cidade de Hiroshima cando xa Xapón se rendera. Desa maneira, subordinou -por vía do feito máis horríbel acontecido na historia da humanidade- o imperio xaponés rendido e desarmado, que até hoxe permaneceu axustado ao dispositivo militar e político dos Estados Unidos.

 Con Europa, Estados Unidos foi máis sutil: recorreu á compra das vontades das elites europeas creando para iso o chamado Plan Marshall, instrumento máis susceptíbel que a bomba atómica para ser divulgado por Hollywood como expresión dos “valores cooperativos” estadounidenses. Mais a finalidade foi a mesma, así Europa transformouse en ferramenta útil do afán de Washington por dominar o mundo.

 O sistema que se comezou a configurar despois da derrota nazi en Stalingrado, e que se acordou nas conferencias cumes de Teherán (1943), Yalta, Unión Soviética e Potsdam (1945) tivo o selo do sinal estadounidense a partir de Hiroshima e Nagasaki. A arquitectura financeira do mundo da posguerra acordouse en Dumbarton Oaks (Estados Unidos) no verán de 1944 mentres que o sistema político viu luz en San Francisco, tamén nos Estados Unidos en outubro de 1945.

 Este é o mundo que se está derrubando agora porque non foi capaz de garantir paz, equidade nin xustiza para todos os pobos do planeta. Ao contrario, foi incapaz de evitar que aínda haxa 2.800 millóns de pobres, o 35% da poboación mundial, ao mesmo tempo que 2.200 millóns de cidadáns (27,8%) non teñen acceso á auga e 1.800 millóns (22,7%) carecen de vivenda. Todo iso nun mundo que gasta anualmente 2,11 billóns de dólares en armas, dos cales o 46,4% corresponden aos Estados Unidos.

 Tales recursos abondarían para solucionar esas tres secuelas existenciais da humanidade (carencia de alimentación, auga e vivenda) que, así e todo, foron consagradas como dereitos na Carta da ONU. Nin sequera foi posíbel coordinar esforzos para combater a pandemia da COVID, un inimigo unificado que afectou e atacou a toda a humanidade. Primaron os intereses capitalistas de lucro, ganancia e riqueza como valor absoluto, mesmo superior á salvagarda da propia vida humana. Un sistema destas características non debe seguir existindo, debe ser suprimido e superado.

 Desde hai cinco séculos, o Océano Atlántico e en particular Europa foi o espazo onde se concentrou o poder mundial. A irrupción de Estados Unidos como potencia con vocación imperialista a finais do século XIX comezou a redimensionar este dominio. Nas dúas beiras do Atlántico Norte estabeleceuse o lugar onde se tomaban as decisións. Iso quedou definitivamente constituído tras a compra de Europa por Estados Unidos como se dixo antes.

 Mais a diferenza dos ámbitos político e económico nos que pareceu terse chegado a un consenso na posguerra, no militar e de seguridade non o houbo polo que os Estados Unidos crearon a Organización do Atlántico Norte (OTAN) en 1949 que significou a ocupación militar de Europa por vía pacífica e a obriga dos países do Vello Continente de lle pagar Washington para que fose este quen lles dese seguridade. Nos feitos, Europa transformouse nun continente ocupado polas Forzas Armadas de Estados Unidos. Así permanece até hoxe.

 Mais tras a desaparición da Unión Soviética, Estados Unidos -e o seu instrumento a OTAN- non detivo os seus ímpetos de dominio mundial e comezou a expandirse primeiro cara ao leste de Europa e máis recentemente ao Asia-Pacífico e América Latina usando para iso o territorio colombiano, tras o desastre que significou para Washington a fin do control da Zona da Canal de Panamá e o desmantelamento do Comando Sur nesa área en cumprimento dos acordos Torrijos-Carter que o obrigou a retirar os seus soldados do istmo como moi tarde o 31 de decembro de 1999.

 Ese proceso de expansión, control e dominio mundial, que xa sen o contrapeso da existencia da Unión Soviética se executou sen pausas durante as tres últimas décadas, sufriu un atranco cando Occidente ameazou directamente a seguridade de Rusia, outra potencia nuclear que non podía permitir que o estabelecemento da OTAN nas súas fronteiras, a transformación de Ucraína -dirixida por un goberno nazi sionista- en ferramenta punzante desa política e a intención de instalar armas atómicas neste territorio, puxese en perigo a súa integridade e a súa soberanía. Para cumprir a tarefa encomendada por Washington, o goberno ucraíno abocouse a exterminar a poboación ruso falante que habitaba nos territorios lindeiros con Rusia e que rexeitou o golpe de estado de 2014 iniciando unha guerra de resistencia en favor da súa supervivencia sen que Europa, a ONU nin o “sistema internacional” manifestase ningún rexeitamento ao que evidentemente era un xenocidio.

 A inevitábel resposta do 24 de febreiro deste ano por parte de Rusia terminou de configurar a dinámica xerada polos feitos acontecidos a partir de 2014 cando a OTAN comezou a crear as condicións para unha guerra contra Rusia. Como represalia, Occidente acordou oito roldas de sancións a pesar de que, xa desde as primeiras, se produciron peores repercusións para os sancionadores que para os sancionados.

 É neste contexto en que se está configurando a nova época e o novo mundo do que falamos. En primeiro lugar, o principal ámbito de poder mundial está a deixar de ser o Atlántico Norte para comezar a estabelecerse no gran espazo terrestre euroasiático no que Estados Unidos non ten influencia. Tentouno en 2001 ao invadir militarmente Afganistán co subterfuxio da “guerra contra o terrorismo” mais tras 20 anos de ocupación dese país viuse obrigado a fuxir derrotado de forma vergoñenta, do mesmo xeito que en Vietnam 46 anos antes. Máis recentemente pretendeu dar un golpe de estado en Kazakhistán en abril deste ano e fracasou da mesma maneira que cando utilizou similar método en xaneiro de 2021 en Kirguizistán. Agora, encirra os conflitos entre países que pertenceron á Unión Soviética que non se preocuparon de delimitar con precisión os seus límites cando formaban parte do gran Estado euroasiático.

 Malia iso, Eurasia avanza na construción de instrumentos de cooperación e integración sen inxerencia estadounidense e utilizando formas e métodos que non pretenden o asoballamento e o subdesenvolvemento ao mesmo tempo que garanten a paz a partir do respecto á autodeterminación e a soberanía. Instrumento emblemático foi a Ruta e o Cinto da Seda, pero tamén a Unión Económica Euroasiática (UEE), o Foro Económico do Oriente, o Corredor Internacional de Transporte Norte-Sur (INSTC) no económico; así como a Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) e a Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC) no ámbito da seguridade, e a Comunidade de Estados Independentes (CEI) no político. En ningunha delas ten presenza Estados Unidos, mentres que a máis abranxente de todas, a Ruta da Seda, xa está integrada por case 100 países de todos os continentes.

 Nun contexto máis amplo, os BRICS (que xa teñen un PIB superior ao do G-7, o conglomerado que agrupa as 7 maiores economías capitalistas) recibiron peticións de 11 países para se incorporaren, varios deles importantes aliados de Estados Unidos, incluíndo Turquía, país membro da OTAN. Neste sentido, Estados Unidos nin sequera puido obter unha resolución de rexeitamento á operación militar rusa en Ucraína no seo da reunión ministerial do G-20 realizada en Bali (Indonesia) durante o pasado mes de xullo, que concluíu sen declaración final como expresión da división existente nesta organización case controlada por Estados Unidos no pasado.

 Por outra banda, varias nacións aliadas de Estados Unidos, algunhas con peso político e/ou económico importante a nivel global como Brasil, Exipto, Indonesia, Araba Saudita, Turquía, Malaisia, Catar, os Emiratos Árabes Unidos e México, entre outras, negáronse a acatar a política de sancións de occidente contra Rusia.

 Se cadra, como noticia relevante de última hora que expresa este cambio de época, habería que sinalar que Rusia e Arabia Saudita chegaron a un acordo para contrarrestar o límite de prezos do petróleo decidido pola Unión Europea (UE) por mor do cal a OPEP+ recortará a produción en 2 millóns de barrís diarios para aumentar o prezo e así compensar ese tope decretado pola UE como parte do seu oitavo paquete de sancións contra Rusia polo seu operativo militar en Ucraína.

 Como mostra da incapacidade de Washington por seguir sentando as bases de funcionamento do planeta cómpre citar a declaración do goberno de Estados Unidos en resposta ao feito antes referido: “O presidente [Biden] está decepcionado pola decisión curta de miras [sic] da OPEP+ de recortar as súas cotas de produción mentres a economía global está a lidar co continuo impacto negativo da invasión de Putin en Ucraína”.

 Sobran as palabras, mentres Biden se decepciona e os pobos de Europa sofren polas consecuencias das sancións que os seus gobernos acordaron contra Rusia, o mundo avanza cara a unha nova configuración. Unha vez máis, como na segunda guerra mundial correspondeulle a Rusia asumir a principal responsabilidade de tal feito, unha vez máis o pobo ruso -nos campos de batalla- está a sacrificar a vida dos seus mellores homes e mulleres para salvar a humanidade do fascismo, o nazismo e a expansión imperialista.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 7 de outubro de 2022]