O conselleiro de Sanidade incumpre o seu compromiso co colectivo investigador galego

Denuncian a súa precariedade laboral e advirten de que “sen ciencia non hai futuro”
Nacional - 18 Nov 2020

O pasado 5 de novembro unha representación do colectivo investigador concentrouse no Álvaro Cunqueiro, aproveitando unha visita ao hospital do Ministro de Sanidade, Salvador Illa e o conselleiro, Julio García Comesaña e conseguiu forzar unha entrevista na que o titular de Sanidade asegurou que “nos próximos días” terían a data da seguinte xuntanza. A día de hoxe seguen sen resposta algunha para seguir negociando o convenio e dignificar a profesión. O colectivo lembra que sen investigadoras e investigadores non hai avances científicos e que “sen ciencia, non hai futuro”.

Primeiro convenio

As Traballadoras e Traballadores das tres Fundacións de Investigación Sanitaria de Galiza, Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS), Fundación Profesor Nóvoa Santos (FPNS), Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), que engloban a grande parte do colectivo investigador e de xestión a nivel hospitalario en Galiza (agrupadas no colectivo PLAGTIS), denuncian que as negociacións do que sería o seu primeiro convenio colectivo están paralizadas.

Lembran que as negociacións se iniciaron formalmente en maio do ano 2019 e que, ano e medio despois, conseguiron pechar 5 capítulos completos, “non sen antes algún intento de veto por quen está a “fiscalizar” estas negociacións”. Porén, o inicio da pandemia supuxo unha nova paralización e o intento de que as negociacións quedaran adiadas sen data de reinicio, aínda que conseguiron retomar con reunións por videoconferencia.

Mais este reinicio do traballo quedou novamente suspendido no verán do 2020 debido ao período vacacional e ao tempo necesario para a constitución do novo goberno galego, tempo xa dabondo para que isto non serva de escusa para retomalas.

Estabilidade laboral

Os temas pendentes agora na negociación son cruciais: estabilidade laboral, réxime retributivo e a garantía de que o ámbito de aplicación atinxa á totalidade das persoas contratadas a través das fundacións.

A composición inicial da mesa de negociación viuse alterada posto que o representante dunha das Fundacións era Julio García Comesaña, actualmente Conselleiro de Sanidade, que debe nomear neste momento ao seu substituto/a na mesa negociadora.

Os Comités de Empresa atópanse así pois á espera dunha data de reunión para a reactivación da mesa pola que a día de hoxe seguen agardando, por máis que se compremetera o conselleiro hai case dúas semanas a fixala “nos próximos días”.

O seu máximo interese é reiniciar con novas forzas e completar o ciclo de negociacións necesario para acadar o mellor Convenio Colectivo posible para o persoal das fundacións de investigación sanitaria o antes posible, de maneira que poida entrar en vixencia a finais deste ano ou principios do 2021.