O Consello de Contas non desbota irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello de Vigo

Arquivou dúas denuncias dos bombeiros da CIG pero considera necesario abrir unha investigación
Vigo - 13 Xul 2021

A sección sindical da CIG nos bombeiros de Vigo lémbralle ao alcalde que o Consello de Contas arquivou dúas denuncias da central por supostas irregularidades no uso de fondos públicos por parte do Concello non porque non existan irregularidades, senón porque non se acreditan suficientemente. De feito, no propio informe xurídico do organismo autonómico alúdese á necesidade de abrir unha investigación.

Dende a CIG saen ao paso deste xeito das declaracións feitas o pasado venres polo rexedor vigués tras coñecerse o arquivo das denuncias nas que reclamaba a dimisión dos delegados sindicais. “É algo inaudito, tendo en conta que unha das funcións dos representantes sindicais é precisamente denunciar as irregularidades, neste caso contables, no manexo dos cartos públicos”. 

O alcalde solicitou a dimisión dos delegados sindicais porque non se atreve a pedir a prohibición dos sindicatos

Por iso consideran inadmisible que se reclame a dimisión dos delegados “por facer o seu traballo” mentres se mantén no posto a concelleiros “que levan anos desmantelando os servizos públicos”. Neste senso, botan man da ironía para sinalar que o alcalde solicitou a dimisión dos delegados sindicais “porque non se atreve a pedir a disolución ou prohibición dos sindicatos”.

Seguirán coas denuncias

En canto ao fondo do asunto, explicaron que a CIG presentou dúas denuncias ante o Consello de Contas, órgano dependente da Xunta que se encarga de fiscalizar as contas dos Concellos, unha polo destino dos fondos de UNESPA -imposto finalista que ten que ser investido no servizo de bombeiros- e outra polas posibles irregularidades no pago das horas extras.

“Pois ben, o Consello decide arquivar os casos, pero non porque non existan irregularidades, senón porque entende que non se acreditan suficientemente”. De feito, segundo salientan, o propio informe xurídico do organismo autonómico, considera necesario abrir unha investigación.

Finalmente, dende a central sindical anuncian que seguirán a denunciar estas presuntas irregularidades no uso dos fondos públicos, para o que están a compilar datos co obxectivo de demostrar a súa veracidade.