O Consello de Europa reitera que España non dá protección suficiente contra o desemprego e os accidentes de traballo

Comité Europeo de dereitos sociais declara vulnerada a Carta Social, como alegou a CIG
Nacional - 01 Abr 2022

O Comité europeo de dereitos sociais (CEDS) do Consello de Europa, con sede en Estrasburgo, publicou a semana pasada as súas conclusións do ano 2021 (en inglés e francés) sobre o cumprimento da Carta social europea (CSE) por parte de 33 estados membros –entre eles o Reino de España– sobre os artigos relativos ao grupo temático “Saúde, seguridade social e protección social”.

As conclusións do CEDS, que teñen o valor de xurisprudencia e poden invocarse directamente perante os tribunais internos, foron elaboradas a partir do informe elaborado polo Goberno español e das alegacións de varias organizacións sociais e sindicais, entre elas a CIG.

O período examinado comprendía entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2019, aínda que o CEDS quixo tamén dispor de información actualizada sobre a situación dos dereitos sociais durante a pandemia de covid-19. Os resultados, de novo, son moi negativos: de 14 situacións estudadas, 5 son conformes coa CSE, outras 5 non conformes e as 4 restantes non puideron resolverse por falta de información, o que se considera incompatíbel coa obriga do Estado español de presentar informes completos.

Prestación por desemprego insuficiente

O CEDS reitera as súas conclusións de 2017 para declarar que o nivel mínimo da prestación por desemprego en España "non é conforme" á CSE, por ser inferior ao 40% da mediana de ingresos equivalentes". As conclusións baséanse nos últimos datos de Eurostat para concluír que a prestación en España está por baixo do nivel de pobreza, definido como o 50% da renda mediana equivalente, que foi de 626 euros.

Insuficiencia das medidas para reducir os accidentes de traballo

As conclusións fan referencia ás alegacións da CIG sobre a falta de credibilidade das explicacións do Goberno en relación co aumento do número de accidentes mortais, para acabar ditaminando que as doenzas profesionais non teñen un seguimento adecuado e que as medidas para reducir os accidentes de traballo son insuficientes.

Discriminación das traballadoras a tempo parcial para a xubilación

O CEDS fai tamén referencia ás alegacións da CIG, nas súas consideracións xerais e en relación coa discriminación das persoas traballadoras a tempo parcial (maioritariamente mulleres) no acceso a unha pensión de xubilación contributiva, por serlles esixido un período de cotización proporcionalmente máis longo. O CEDS pide ao Estado español que se pronuncie expresamente sobre estas cuestións no próximo informe.

Insuficiencia das rendas de inclusión

O Comité chega a unha conclusión semellante en relación co dereito á asistencia social e as rendas de inclusión, como é o caso da RISGA en Galiza. A maioría das comunidades autónomas condicionan o dereito á renda ao cumprimento de requisitos que son incompatíbeis coa situación de necesidade que pretende atender, como son a esixencia dun período mínimo de residencia na comunidade autónoma ou dunha idade mínima de 25 anos. Por outra parte, na maioría dos casos a renda está limitada no tempo, aínda que a necesidade persista, e o nivel de asistencia social dispensado a persoas soas sen recursos é manifestamente insuficiente

Dereito á saúde e colectivos vulnerábeis

O documento de conclusións refírese especificamente ás alegacións da CIG sobre a falta de variábel étnica nas estatísticas sobre saúde pública en España e á súa preocupación pola discriminación da minoría xitana en materia de saúde. O CEDS esixe que, nun próximo informe, o Goberno español informe sobre a situación do exercicio do dereito ao aborto, o acceso a medios de contracepción modernos e sobre a taxa de maternidades precoces (menores de idade). Lembra tamén que o recoñecemento da identidade de xénero é un dereito recoñecido internacionalmente, requirindo o Estado español para que facilite información sobre o acceso das persoas trans a tratamentos de reasignación de xénero.

Protección social das persoas maiores

As conclusións tamén se refiren á situación das persoas maiores, facendo notar os efectos devastadores da covid-19 neste colectivo e facendo fincapé na importancia de afastarse do modelo de institucionalización e avanzar cara a outro baseado na atención comunitaria e a vida independente. Ademais, conclúe que a situación do Estado español non é conforme coa Carta dado que o nivel da pensión non contributiva é manifestamente inadecuado.

Valoración da CIG

O CEDS constata o que para millóns de persoas é unha evidencia diaria: deixar a saúde ou a vida no traballo é un perigo certo e constante. O incremento continuo dos accidentes de traballo é a mostra máis dolorosa da caste de subemprego que xeran as políticas do Goberno español e nomeadamente as súas reformas laborais. A precariedade laboral tradúcese para a clase traballadora non só en temporalidade e baixos salarios: tamén paga o seu tributo en vidas humanas. A outra cara da mesma moeda é a suma de desemprego e desigualdade que está a provocar bolsas de pobreza que o sistema de protección social non é capaz de paliar.