O Consello Escolar aproba case todas as propostas da CIG-Ensino de mellora na atención á diversidade

Cos votos en contra da Consellaría, PP e afíns, o ditame do CEG emenda a política educativa da Xunta
Nacional - 18 Dec 2019

O Consello Escolar de Galiza aprobou, na súa sesión plenaria do 17 de decembro, unha serie de propostas de mellora presentadas pola CIG-Ensino como conclusións do sindicato ao informe realizado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC. O sindicato agradece o apoio recibido polos demais membros do CEG e alégrase de que, a partir deste momento, estas medidas xa se deban considerar como patrimonio e orientación do máximo órgano de participación da comunidade educativa galega. 

O único apartado que non superou o apoio maioritario dos membros do CEG foi precisamente o que facía referencia á necesidade de reducir a carga lectiva do profesorado para poder contar con máis tempo e flexibilidade horaria para a coordinación docente, na liña do que o informe recolle como opinión moi maioritaria dos diferentes colectivos que participaron no estudo.

 Malia isto, a aprobación do resto das propostas, case sempre co voto negativo dos representantes da Consellaría evidenciou o propio illamento destes responsábeis políticos mais, sobre todo e como lectura positiva, que existe unha clara vontade nos diferentes sectores da comunidade educativa galega por promover un cambio de rumbo total na atención á diversidade.

Esta mudanza estaría centrada no incremento de persoal docente (desde profesorado non especialista a docentes de PT e AL pasando por profesorado de Orientación e especialistas nos EOE, que deben aumentar en número), en medidas efectivas para afrontar o fracaso escolar, a transformación das prazas itinerantes de PT e AL en fixas, a maior dotación de persoal coidador e doutras figuras non docentes. 

 Diminución de ratios e mellora na formación

 As propostas da CIG-Ensino agora aprobadas tamén se centraron na necesaria redución das ratios, un dos principais temas de preocupación do profesorado e as familias: tanto unha aposta xeral polas redución das ratios máximas por aula como a redución destas cifras en caso de contar con alumnado repetidor ou con NEAE.

 A formación integral do profesorado, desde a inicial que se dá nas facultades de Ciencias da Educación á permanente ao longo da nosa carreira profesional tamén forman parte das consideración aprobadas. 

 A Consellaría debe tomar nota e cumprir co que se lle indica desde o Consello Escolar

 A CIG-Ensino estará vixilante a partir deste momento non xa de manter vivas e con forza as súas demandas, senón do control do cumprimento dun mandato maioritario do máximo órgano de participación e asesoramento da Consellaría. 

 Os orzamentos que vén de aprobar no mesmo día a Xunta non poden, baixo ningún concepto, facer posíbel, a posta en práctica das propostas aprobadas. Urxe, por tanto, unha rectificación do goberno galego e a aplicación dunha batería de propostas que van claramente na liña de mellorar substancialmente o ensino público galego, a atención ao noso alumnado e as condicións de traballo do profesorado.