O Consello Escolar do Estado "víralle as costas" ás principais propostas de mellora para o profesorado e o ensino público

Só aprobou 12 das 124 emendas presentadas pola CIG-Ensino

Nacional -

O Pleno do Consello Escolar do Estado só aprobou 12 das 124 emendas presentadas pola CIG-Ensino, ao informe da relatorio elaborado pola comisión permanente deste organismo e ao propio documento de anteproxecto de modificación da LOE/LOMCE presentado polo Goberno español. En total, aprobáronse 121 emendas das 551 formuladas.

A anulación da proposta da permanente do Consello Escolar que pretendía que o Ministerio fixase unha proporción mínima do uso do castelán, invadindo as competencias das CCAA con lingua propia como Galiza, ou o rexeitamento a que sigan sendo as institucións relixiosas as que determinen o currículo correspondente á materia de Relixión foron as principais propostas formuladas pola CIG-Ensino no pleno do Consello Escolar do Estado e que obtiveron o respaldo da maioría.

Outras propostas relevantes tamén aceptadas gardan relación coa coeducación, coa necesidade de que se incorpore un plan de igualdade no Proxecto Educativo dos centros, ou coa avaliación e promoción na ESO, evitando que se indiquen expresamente en que dúas materias non se pode ter avaliación negativa (no texto actual da LOMCE figuran as Matemáticas e o Castelán e o Galego).

O respaldo á dotación das bibliotecas escolares, malia que non se aprobou a consideración a todos os efectos do traballo que nela desempeña o profesorado, ou á recuperación a todos os efectos da coordinación docente nos ciclos en Primaria tamén foi a iniciativa da CIG-Ensino.

Melloras na atención á diversidade e na educación no medio rural

Tamén se aprobou, a proposta do sindicato galego, unha indicación concreta de que a necesaria atención á diversidade debe vir acompañada da suficiente dotación de profesorado para reforzar a función titorial, xunto coa ampliación de profesorado de PT e AL e de Orientación. Ao tempo, tamén se deu apoio á proposta da CIG de que se dote os centros de figuras profesionais necesarias para unha plena inclusión, como  interpretación de signos ou persoal coidador.

Xunto a esta emenda tamén se aprobou outra que indica que as aulas que escolaricen alumnado con necesidades educativas de apoio educativo terán reducida a súa ratio.
A proposta de que todas as administración educativas deban garantir que exista profesorado de todas as especialidades nos centros educativos de Primaria con independencia do seu tamaño, nunha clara referencia á necesidade de dar resposta ao abandono do ámbito rural, contou tamén coa aprobación do Pleno.

A maioría das propostas para a mellora das condicións laborais quedan fóra

A CIG-Ensino fixo especial fincapé na batería de emendas defendidas no Pleno para a mellora das condicións de traballo do profesorado e, por suposto, da atención educativa que isto implica. Desde o ingreso na función pública docente, cunha proposta de acceso diferenciado, á xubilación anticipada aos 60 anos para todo o persoal docente, pasando pola formación permanente, o aumento de profesorado, a diminución de ratios ou a estabilidade no posto de traballo, ente outras moitas.

Non obstante, o Consello Escolar viroulle as costas a estas propostas, como de feito xa fixera inicialmente o propio Goberno que non incluíu ningunha mellora no Anteproxecto. A única novidade, por dicir algo, é o enésimo compromiso de negociar un Estatuto Docente, que para a CIG-Ensino, de existir, debe ter un carácter de mínimos para que poidamos, no caso de Galiza, negociar as nosas propias condicións de traballo e a nosa carreira profesional.

A Relixión, os concertos educativos e o marco competencial, centro do debate

A defensa dos postulados máis reaccionarios, na liña da deostada LOMCE, correron da man da patronal, tanto da CEOE como dos centros católicos e privados con ou sen concerto, de cargos institucionais vinculado ao PP ou da asociación de pais e nais de centros concertados, xunto con sindicatos conservadores, tanto do ensino público como do privado.

Así ocorreu coa defensa con convicción do papel da Relixión, da blindaxe aos centros que segregan alumnado polo seu sexo ou das prerrogativas dos concertos educativos. A cuestión das competencias en materia educativa, tanto na xestión do persoal como no deseño curricular ou nas condicións laborais do profesorado, nun debate necesario suscitado pola numerosas emendas presentadas pola CIG-Ensino, tamén centrou boa parte das votacións.

Mantense a incerteza sobre o futuro da Lei

Logo do seu paso polo CEE, e tendo en conta que non ten carácter vinculante, fica por ver agora se se incorporan as escasas melloras propostas pola CIG-Ensino ou apoiadas pola central sindical no Proxecto de Lei que o Goberno deberá presentar no Congreso. A situación política actual e as dúbidas sobre os prazos para tirar abaixo a LOMCE fan que se manteñan todas as incertezas existentes e que, como denunciou a CIG-Ensino onte na súa intervención, se confirme que a vía empregada polo Goberno non pareza a máis acaída para derrubar a LOMCE.

Volver