O Consello Galego de Relacións Laborais convocará ás TIC para abordar a negociación dun convenio galego

Celebrarase unha xuntanza en setembro a petición da CIG-Banca
Nacional - 07 Xul 2017

Representantes da CIG-Banca reuníronse este venres coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, a petición da central sindical para abordar a posibilidade de negociar un convenio de ámbito galego no sector TIC. Na xuntanza acordouse convocar ás empresas para analizar esa cuestión no mes de setembro.

En representación da CIG-Banca participaron na xuntanza Iria Salvande membro da executiva federal; Renato Núñez, membro da executiva comarcal da federación en Compostela e Alexandre Espinosa, delegado en Dinahosting.

Segundo explicou Renato Núñez ao remate da xuntanza, a CIG se dirixiu ao Consello Galego de Relacións Laborais porque previamente solicitara unha xuntanza co Clúster TIC Galiza “para sentarnos a mirar a posibilidade de negociar un convenio galego de empresas de Tecnoloxía de Información e Comunicación”. Solicitude que foi denegada porque, segundo contestaron, “non tiñan potestade para facelo”.

Diante disto, a CIG solicitou do Consello que fose este quen convocara directamente ás empresas para celebrar esa xuntanza coa CIG. Xuntanza que valorou positivamente Verónica Martínez e cuxa convocatoria será remitida nos próximos días para que se celebre o vindeiro mes de setembro.

Convenio caducado desde 2009

Núñez lembrou que o convenio de aplicación nestas empresas é estatal e que leva sen renovar desde 2009. “Desde hai catro anos hai unha suposta negociación a nivel de estadio entre CCOO, UGT e a patronal, que estivo un ano enteiro paralizada. Non hai avance ningún e entre mentres as condicións dos traballadores/as levan conxeladas desde o ano 2009, sen subas salariais desde hai 8 anos”, explicou.

Para a CIG-Banca este é o momento de tomar a iniciativa e que se aborden, nun convenio galego, melloras nas condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector TIC que cumpran as súas expectativas e necesidades. “Cremos que en Madrid non se move nada, que se limitan a culparse uns aos outros”, matizou Núñez.

Á xuntanza asistiron en representación da central sindical Iria Salvande, membro da executiva federal da CIG-Banca; Renato Núñez, membro da executiva comarcal da CIG-Banca de Compostela e da executiva confederal, e Alexandre espinosa, delegado da CIG en Dinahosting, que ten convenio propio, pero que se pretende que estea, xunto coas outras, nun convenio galego, co obxectivo de avanzar na creación dun Marco Galego de Relacións Laborais.