O Consorcio afonda na privatización dos servizos sociais ao licitar a atención diúrna de centros de maiores

A CIG insta a Política Social a recuperar a xestión pública
Nacional - 12 Xun 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración denuncia que o Consorcio de Igualdade e Benestar, dependente da Consellaría de Política Social, está a fondar na privatización de servizos públicos esenciais mediante a posta en marcha dun proceso de licitación do servizo de atención diúrna dunha serie de centros de maiores. Diante disto, a central reclamoulle por escrito ao departamento autonómico que recupere a xestión pública deste servizo.

Dende a CIG-Autonómica explican que recentemente vén de iniciarse un procedemento de licitación, aínda sen resolver, para encargarlle a empresas privadas a xestión do servizo asistencial de atención diúrna dos centros de maiores de Cd Begonte, Cd Cospeito, Cd Lourenzá, Vc Alfoz (vivenda comunitaria), Cd A Pobra Do Caramiñal, Cd Vilagarcía, Cd Rois, Cd Curtis, Cd Miño, Cd Oleiros-Galeras, Cd Culleredo, Cd As Pontes, Cd San Sadurniño, Cd Ferrol–Caranza, Cd Ferrol–Esteiro, Cd Ares, Cd Vigo-Coia, Cd Vigo-Valadares, Cd Baiona, Cd Mondariz, Cd O Porriño e Cd Tomiño. 

A CIG remitiulle escritos aos departamentos responsábeis reclamando recuperar a xestión pública

Ao mesmo tempo, lembran que durante a pandemia da COVID-19 as persoas dependentes foron as máis vulnerábeis ante a infección polo virus e, especialmente, as persoas usuarias de institucións residencias.

“Esta situación, que se traduciu nunha intolerábel mortalidade, afectou, sobre todo, aos centros privados e tivo moita menor incidencia nos centros públicos que, a pesar dos recortes en persoal só superados pola manifesta profesionalidade das empregadas/os públicas/os, foron moito máis eficientes na protección das persoas usuarias”.

Sinalan que os centros de atención diúrna, ao estaren pechados, non participaron desta situación de desatención das persoas. “Porén, ante a inminente apertura destes centros de día e para a protección da saúde e da vida das persoas dependentes, na CIG consideramos obrigada e imprescindíbel a reversión da xestión á titularidade pública, e así o vimos de solicitar nos escritos dirixidos á Xerencia do Consorcio, á Secretaría Xeral Técnica e á conselleira de Política Social”.