O Consorcio de Igualdade e Benestar obstaculiza as reducións de xornada por conciliación

Condiciona a concesión do dereito a que haxa outra persoa que substitúa á solicitante

Nacional -

A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar ante a autoridade laboral a obstaculización do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar do dereito de conciliación ao seu persoal. Unha práctica xeneralizada en todo o persoal que traballa nos seus centros de Galiza, case 2000 persoas, que executa mediante unha cláusula que condiciona o dereito ás conciliacións mentres non sexa substituída a persoa que o solicita.

Así o denuncia a responsable do sector da administración autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, quen asegura que “pasa por riba da Lei de igualdade e impide as reducións de xornada por conciliacións e flexibilizacións de xornada por coidado de menores e maiores a cargo do seu persoal”.

Unha das medidas que recolle a normativa laboral deste persoal, ademais da Lei Orgánica 3/2007 de Igualdade, é poder acollerse á  redución de xornada por coidado de menor ou maior a cargo. Porén o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellaría de Política Social, nas resolucións das solicitudes de reducións por conciliación das traballadoras e traballadores, introduce unha cláusula que indica que “a persoa traballadora solicitante do dereito, non pode comezar o goce da redución até que se proceda á cobertura da franxa horaria reducida por persoal substituto. Persoal que no caso de ser cuberto se fai sen dilixencia. Polo que na práctica obstaculiza que as persoas traballadoras podan acollerse a este dereito”, sinala Burgos.

Á lentitude sumáselle, segundo a responsable do sector, unha discrecionalidade absoluta nas ordes da xerencia para proceder á cobertura. Deste xeito, apunta,“as compañeiras atópanse que na práctica non poden conciliar a súa vida familiar e laboral aínda que o xulgado lle concedera o dereito”.

Xunto a isto, e por sistema, no Consorcio non se conceden, segundo asevera Zeltia Burgos, conciliacións sen redución de xornada, aínda que a Lei Órganica de Igualdade o prevé dende hai dous anos, obrigando ao persoal a acudir á denuncia xudicial para conseguila e logo sumarlle os obstáculos da xestión.

Por outro banda, a CIG-Administración Autonómica considera que “non se entende que se lle ofreza á traballadora outra franxa horaria para a redución, que non solicita nin lle facilita a conciliación. Semella un insulto que se lle faga tal ofrecemento como se o traballador ou traballadora decidiran reducir horario e salario por un capricho”.

Esta é a cláusula que condiciona as concrecións horarias:

<<De acordo con todo o indicado, Resolvo:

  1. Estimar a solicitude e, polo tanto, conceder a redución da súa xornada laboral ...
  2. Non obstante o anterior, e con respecto da concreción horaria solicitada pola interesada (de 9.00 a 14.00 horas, salvo os mércores de 8.30 a 14.00 horas), non procede a súa concesión en tanto non estea garantida a cobertura da franxa horaria que deixa descuberta (de 14.00 a 16.00 horas), posto que, do contrario, produciríase un incumprimento das ratios de persoal esixidas no artigo 27.2 do Decreto 329/2005, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.
  3. Tendo en conta o anterior e, de cara a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral por parte da interesada, no suposto de que non sexa posible cubrir a dita franxa horaria a partires do 15.9.2021, a interesada poderá solicitar a redución de xornada noutra franxa horaria na que non se vexan comprometidas as necesidades do servizo.>>

Por iso Burgos conclúe que “a Xunta tiña que ser referencia na defensa da igualdade e potenciar a conciliación e os dereitos que axuden ao impulso demográfico na nosa comunidade o que fai e amolar ao seu persoal obstaculizando calquera avance laboral aínda que sexa obrigado por unha norma básica estatal”.

Volver