O contexto da economía mundial exacerba a ofensiva do capital

Julio C. Gambina -

Nin o Banco Mundial nin o FMI achegarán solucións aos problemas da pobreza, o desemprego ou a baixada das rendas populares; nin se poden agardar achegas reais deles, máis aló de grandilocuentes definicións a prol da inclusión social contra a pobreza

 A perspectiva da economía mundial é de desaceleración con posibilidades de se transformar en recesión, exacerbando os obxectivos do capital contra o traballo, a natureza e a sociedade.

 O obxectivo do capital vai na liña a resolver a obtención de ganancias e nese marco soster o ritmo da acumulación, intentando sortear o efecto da situación económica mundial e descargando o custo sobre a maioría empobrecida da sociedade mundial.

Fala o Banco Mundial

 Son asuntos que se poden verificar en cada país en particular, pero resultan alarmantes cando a síntese provén da cúpula dun organismo internacional como o Banco Mundial, que ten como tarefa, segundo manifesta na súa portada, a “loita contra a pobreza”.

 Na presentación do Informe Anual 2019 do Banco Mundial, o seu presidente comeza sinalando:

“A nosa misión de desenvolvemento é clara: promover a prosperidade compartida e poñer fin á pobreza extrema. Os problemas seguen sendo prementes”. E continúa afirmando: “en moitos países, o ritmo de redución da pobreza diminuíu ou, mesmo, reverteuse, e os investimentos e o crecemento non serán suficientes para mellorar o nivel de vida. Os países máis pobres afrontan numerosos desafíos para lograr avances no desenvolvemento básico, o que inclúe graves déficits en materia de auga potábel, electricidade, saúde, educación, emprego e competitividade do sector privado; obstáculos á plena inclusión das mulleres nas economías e as sociedades, así como políticas que con moita frecuencia benefician a minorías selectas en lugar de crear oportunidades laborais e apoiar os habitantes máis necesitados; a urxencia dos desafíos ambientais e climáticos, e o marcado aumento da débeda que non xera beneficios reais”[1].

 O razoamento de David Malpass, titular do Banco mundial (BM), recoñece as dificultades do momento actual para cumprir cos obxectivos de redución da pobreza, pero asenta o seu diagnóstico na insuficiencia do crecemento, obviando toda alusión ao esencial: o modelo produtivo do capitalismo e a exacerbación dos sectores hexemónicos por diminuír dereitos sociais para satisfacer a demanda de ganancias e a reprodución do ciclo de acumulación dos capitais.

 Non se lle pode pedir a un organismo que integra a cúpula de decisións do capitalismo mundial que asuma o problema na súa esencia. O que fai é recoñecer o problema, si, pero as súas solucións apuntan a tentar atenuar os impactos sociais coas iniciativas relativas ao “desenvolvemento inclusivo”, o alento ao “capital humano” e xerar condicións de “resiliencia” ante os problemas do cambio climático, coma se non tivesen que ver coa orde capitalista de explotación e destrución da Natureza.

 As propostas do BM parecen máis un manual de autoaxuda que unhas recomendacións de modificación substancial da política económica, con outra orientación de beneficiarios e prexudicados da orde económica. O que buscan é “mellorar o clima dos investimentos”, o que traducido supón enfocar o rumbo da política económica contemporánea no restablecemento da lóxica dos beneficios e a acumulación de capitais.

 Neste plano e con clareza salienta a realización a fins do 2018 do Foro de Investidores, organizado xunto co Goberno arxentino, en vésperas da Cimeira do G-20 celebrada en Bos Aires, no que se buscou determinar “as medidas necesarias para impulsar o investimento privado sustentábel e a longo prazo”.

 Todo radica nos “investimentos”, mesmo “privados”, asentando a perspectiva da evolución económica nas posibilidades do investimento de capitais, esquecendo que os clásicos da Economía Política indicaban que o capital é “traballo acumulado” e, polo tanto, o que debería estimularse é o alento ao traballo social, que non require da iniciativa privada, senón da decisión e vontade de construír outra orde económica e social, sustentada na cooperación entre traballadoras e traballadores, que ao mesmo tempo coiden a lóxica reprodutiva do hábitat e o medio natural.

Palabra da nova titular do FMI

 Pola súa banda, a nova titular do FMI, a búlgara Kristalina Georgieva, no seu primeiro discurso sinalou: “Prevese que, en 2019, o crecemento diminúa en case o 90% do mundo”[2]. “Esta desaceleración xeneralizada significa que o crecemento este ano caerá á súa taxa máis baixa desde principios da década”. “En Estados Unidos e Alemaña, o desemprego está en mínimos históricos. Aínda así, nas economías avanzadas, mesmo nos Estados Unidos, Xapón e, en especial, a zona do euro, obsérvase unha moderación da actividade económica”.“Nalgunhas das principais economías de mercados emerxentes, como A India e Brasil, a desaceleración é mesmo máis pronunciada este ano”. “En China, o crecemento estase reducindo gradualmente con respecto ao rápido ritmo que levou durante moitos anos”. “As precarias perspectivas xeran desafíos para moitos países que se ven diante de dificultades, incluídos algúns dos países que están aplicando programas do FMI”.

 Na última aseveración pode entenderse a hipoteca da Arxentina polo acordo subscrito en 2018 cun empréstito por 57.000 millóns de dólares baixo a condición do axuste do gasto público (social) e o alento a reaccionarias reformas laborais, de pensións e tributarias. Pero tamén remite ao papel do FMI en Ecuador, que xerou un levantamento indíxena e o rexeitamento popular no país, coa solidariedade internacional dos pobos.

 A economista búlgara argumenta que os problemas actuais derivan das “fracturas” do sistema mundial, especialmente a “guerra comercial” con subas recorrentes de aranceis, que promoven a caída abrupta do comercio mundial e as súas consecuencias decisorias na desaceleración económica actual. Claro que no seu diagnóstico non aparece a responsabilidade directa do goberno de EEUU na promoción da confrontación arancelaria, nomeadamente contra China. Confrontación que ispe os límites estadounidenses para o exercicio da hexemonía do capitalismo, e con iso, a discusión da orde mundial emerxente desde 1944, cando xurdiron os organismos financeiros internacionais, BM e FMI, para resgardar os intereses do capitalismo mundial.

 Nin o capitalismo nin o goberno de EEUU son sinalados como responsábeis directos. É máis, respecto do capitalismo afirma: “A clave é mellorar o sistema, non abandonalo”. É unha afirmación que sostén por medrar “detrás da Cortina de Ferro”. Di Georgieva que “a aplicación de políticas correctas, co apoio internacional, pode volver situar un país e a súa xente no camiño da prosperidade”. Non parece coincidir con iso a mobilización actual en Ecuador ou o rexeitamento electoral masivo que se prevé para as eleccións arxentinas do 27/10 próximo.

 A directora xerente do FMI fai apoloxía do capitalismo. Pódese afirmar que para iso ocupa o lugar de dirección do organismo internacional. Para ela o correcto son as políticas pro mercado; pro liberalización, de axuste e reformas estruturais. Todo moi afastado de calquera posición crítica á orde vixente.

Outra orde é necesaria

 A cousa é que os pobos teñen como desafío construír outro imaxinario social de organización da economía, que poida ir en contra e máis aló da orde capitalista.

 Nin o BM nin o FMI achegarán solucións aos problemas da pobreza, o desemprego ou a baixada das rendas populares; nin se poden agardar achegas reais deles, máis aló de grandilocuentes definicións a prol da inclusión social contra a pobreza. Os organismos do sistema mundial só promoven políticas para facer sustentábel o réxime da ganancia.

 O contexto da economía mundial non favorece as aspiracións sociais estendidas para resolver prementes problemas da vida cotiá. O pensamento crítico debe facer máis visíbeis as respostas concretas que millóns de persoas levan adiante na reprodución da especie e o planeta. É algo que non sempre ten visibilidade no debate político, especialmente en tempos electorais transcendentes no cono sur de América: Bolivia, Arxentina e Uruguai.

_____________________________________________________________________________

[1] Introdución do Presidente do Banco Mundial ao Informe Anual 2019 del BM; en: file:///C:/Users/jcgam/Downloads/211470SP%20(1).pdf (consultado o 11/10/2019).

[2] Kristalina Georgieva, Directora Xerente do FMI. “Ante a desaceleración do crecemento é necesario acelerar a acción”, do 8/10/2019, en: https://www.imf.org/es/News/Articles/2019/10/03/sp100819-AMs2019-Curtain-Raiser (consultado o 11/10/2019)

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 11 de outubro de 2019]

 

Volver