O coronavirus e a fin da era neoliberal

Marc Vandepitte -

Son os traballadores e o seu traballo os que crean a riqueza. Cando parte da poboación activa se viu obrigada a deixar de traballar, o crecemento económico caeu. É o traballo o que crea o capital e non ao revés. O confinamento tamén demostrou que adoitan ser os traballos máis esenciais os que están peor pagos

Despois de repetirnos durante corenta anos os dogmas neoliberais, a crise financeira abalou seriamente a nosa fe neles, pero ao final mantívose o sistema. Esta vez é diferente. A coronacrise e as medidas socioeconómicas para salvar o sistema fixeron caer, un a un, os dogmas neoliberais. É hora de facer algo novo.

Os dogmas caídos

 «Vivimos por encima das nosas posibilidades, non hai diñeiro»

 Levan anos dicíndonos iso. A atención sanitaria era demasiado cara, os subsidios de desemprego demasiado xenerosos, os salarios demasiado altos e simplemente non había diñeiro para asuntos sociais ou culturais. O déficit e as débedas do goberno tíñanse que reducir e por iso tiñamos que aforrar en todo.

 Agora, da noite para a mañá parece haber diñeiro e parecen atopar xigantescos botes de diñeiro. Hoxe en día gástanse miles de millóns de euros coma se nada. Un déficit no orzamento de máis de tres veces o 3% acordado no tratado de Maastricht ou unha débeda moito maior que o 100% do PIB, de súpeto, deixaron de ser un problema.

 «O mercado libre resólveo todo, o Estado é ineficiente»

 Privatizar e desregularizar o máis posíbel, esa era a consigna. O Estado tiña que “adelgazar” o máximo posíbel e intervir o menos posíbel(1). Para Bart De Wever, o presidente do partido máis grande de Flandres, “o estado é un monstro que aspira o diñeiro e cóspeo despois”.

Durante a coronacrise o mercado libre fallou completamente. Quizais o máis salientábel foi o caso das máscaras. Ao mesmo tempo vimos tanto un dramático retorno como a rehabilitación do goberno público. Fíxose visíbel para todos que só o Estado pode controlar e superar unha crise de tal magnitude. Nacionalizáronse doamente na súa totalidade ou en parte sectores importantes da economía. Segundo o Wallstreet Journal, as medidas de estímulo económico nos Estados Unidos son “o maior paso cara a unha economía de planificación centralizada que xamais dera Estados Unidos”.

 «O capital e a empresa crean riqueza»

Son os empresarios os que crean riqueza. Grazas ao seu capital, coraxe e innovación, crean emprego e aumentan a riqueza dun país.

 Os confinamentos nos distintos países revelaron todo o contrario en todas as partes: son os traballadores e o seu traballo os que crean a riqueza. Cando parte da poboación activa se viu obrigada a deixar de traballar, o crecemento económico caeu. É o traballo o que crea o capital e non ao revés. O confinamento tamén demostrou que adoitan ser os traballos máis esenciais os que están peor pagos.

 «O que é bo para os ricos é bo para todos»

 Precisamente porque a riqueza a crean o capital e os empresarios, témolos que consentir. As medidas que favorecen os empresarios e as rendas altas (agasallos fiscais, subsidios salariais, axudas estatais, etc.) aumentan o investimento e crean postos de traballo. A súa vantaxe fíltrase finalmente até abaixo. Este chamado efecto de goteo foi a escusa para xustificar a política deseñada para o 1% máis rico.

 O coronavirus destruíu esta falacia por completo. Grazas ás medidas de apoio, os súper ricos benefícianse enormemente. Desde o 18 de marzo, os multimillonarios dos Estados Unidos xa viron aumentar os seus activos nunha quinta parte, ou sexa 565.000 millóns de dólares. JPMorgan, o banco máis grande dos Estados Unidos, informou das mellores cifras que endexamais teña nun trimestre. A compañía de investimentos Goldman Sachs rexistrou un crecemento do 41% en comparación co ano anterior. Pero pouco dese “efecto de goteo” se nota. En todo o mundo centos de millóns de persoas se ven levadas á pobreza extrema. En Bélxica aumentou o número de persoas que van aos bancos de alimentos nun 15% e isto é só o comezo.

 «A xente é egoísta»

 O ser humano é capaz de facer o ben, pero por natureza é malo. Está movido en primeiro lugar polo interese propio. Isto é o que os gurús neoliberais nos estiveron a dicir durante décadas. Ao final, segundo eles, isto é vantaxoso porque o interese propio leva á competencia e iso é precisamente o que impulsa a nosa economía.

 A solidariedade espontánea e masiva que xurdiu durante a coronacrise arrasou con esta cínica imaxe do ser humano. Os mozos foron a facer compras para os seus veciños anciáns, miles de voluntarios fixeron máscaras ou foron aos bancos de alimentos para axudar. A pesar da falta de equipos de protección, as enfermeiras empezaron a coidar dos seus doentes arriscando a súa propia saúde e, por tanto, as súas vidas. Certamente, había grupos aos que non lles importaban as medidas de seguridade, pero esas eran as excepcións que confirmaban a regra. A coronacrise mostra hoxe máis que nunca que o ser humano é esencialmente un súper colaborador, como o describiron o autor belga Dirk Van Duppen e o xornalista holandés Rutger Bregman. Wendy Carlin, profesora de economía, exprésao así: “Haberá que actualizar finalmente o modelo do actor económico como amoral e egocéntrico”.

Non repetir os erros de 2008

 Todos os partidos tradicionais, incluídos os Verdes e os Socialdemócratas, contribuíron, ou polo menos apoiaron, a política neoliberal no últimos corenta anos(2). As consecuencias desta política antisocial fixéronse dolorosamente claras nestes últimos meses. Nos centros de saúde e os centros de atención aos anciáns, os recortes e as privatizacións custaron moitas vidas humanas. Ademais, as receitas neoliberais parecen ser totalmente inadecuadas para dar unha resposta firme ao colapso económico.

 Un enfoque similar ao do período posterior a 2008 –imprimir diñeiro extra e inserilo na economía combinado cunha política de austeridade– sería un gran erro. Unha nova dopaxe financeira podería arruinar a xa gravemente debilitada economía. Os novos aforros erosionarían aínda máis o poder adquisitivo e causarían unha profunda crise social e política. As advertencias do Financial Times son inequívocas: “Se queremos que o capitalismo e a democracia liberal sobrevivan ao COVID-19, non nos podemos permitir repetir o enfoque erróneo de ‘socializar as perdas e privatizar os beneficios’ de hai dez anos”. “O regreso á austeridade sería unha tolemia, unha invitación á axitación social xeneralizada, senón á revolución, e unha bendición para os populistas”.

A gran chamada para un cambio de paradigma

 Está claro, o neoliberalismo terminou, é hora de algo novo. Agás uns poucos fanáticos, ninguén quere volver ao mundo precorona. A crise e as medidas que se tomaron provocaron moitas frustracións e radicalizaron a unha parte importante da poboación activa. Nos Estados Unidos o 57% da poboación cre que o seu sistema político só funciona para os que teñen diñeiro e poder. A maioría dos mozos menores de 30 anos están a favor do socialismo. En Reino Unido apenas o 6% quere volver ao mesmo tipo de economía que antes da pandemia. Só o 17% cre que as medidas de estímulo deberían financiarse con novos aforros.

 O 70% dos franceses pensa que é necesario reducir a influencia do mundo financeiro e dos accionistas. En Flandres tres cuartas partes da poboación cren que o diñeiro debería provir das grandes fortunas e dous terzos cren que os políticos deberían traballar nunha ambiciosa redistribución da riqueza despois da crise.

 O mundo académico e cultural tamén está nesa lonxitude de onda. Tres mil científicos de 600 universidades cren que a sociedade debe cambiar radicalmente o seu rumbo e volver pór os traballadores no centro da toma de decisións. Douscentos artistas, incluídos Robert de Niro e Madonna, lanzaron un chamamento ao “mundo” para non volver á “normalidade” de antes da pandemia, senón para cambiar radicalmente o noso estilo de vida, de consumo e economía.

 Esta idea penetrou até o mundo dos negocios. Klaus Schwab, fundador e presidente do Foro Económico Mundial (Davos) fala dun “gran reseteo do capitalismo”. Segundo el, a pandemia puxo de manifesto as deficiencias dun “vello sistema” que descoidara a infraestrutura, a atención da saúde e os sistemas de seguridade social. “Se seguimos como até o de agora, podería levar a unha rebelión.” Nese contexto os súper ricos están a pregar nunha carta aberta que lles aumenten os impostos.

Segundo o Financial Times, debe haber reformas “radicais” sobre a mesa. “Os gobernos terán que aceptar un papel máis activo na economía. Deberían ver os servizos públicos como investimentos e non como custos, e buscar formas de facer que o mercado laboral sexa menos inseguro. A redistribución da riqueza volverá estar na axenda. As políticas que até hai pouco se consideraban excéntricas, como a renda básica e o imposto sobre o patrimonio, deberían incluírse na mestura”.

 Segundo este mesmo xornal, a democracia liberal “só sobrevivirá a este segundo gran choque económico se se realizan axustes no marco dun novo contrato social que recoñeza o benestar da maioría por encima dos intereses duns poucos privilexiados”. A prestixiosa revista Foreign Affairs tamén fala dun “novo contrato social”. O seu obxectivo é “o establecemento dun ‘estado de benestar’ que proporcione a todos os cidadáns os servizos básicos necesarios para manter unha calidade de vida decente”. Isto presupón “o acceso universal garantido a unha atención sanitaria e a unha educación, ambas as de alta calidade”. O que até hai pouco só pedía a extrema esquerda, converteuse na corrente principal.

Unha resposta a catro crises

 Os desafíos aos que nos enfrontamos son moi grandes: O novo paradigma debe ser capaz de responder a polo menos catro crises(3).

  1. Estancamento económico

 No últimos vinte anos a economía mundial experimentou tres grandes crises: a crise das puntocom en 2000, a crise financeira en 2008 e, nos últimos meses, unha depresión tras unha pandemia. Isto deixa claro que a COVID non é a causa senón o detonante da tormenta económica. Unha economía sa debería en principio ser capaz de facer fronte a tal coronachoque, un país como China o demostra. Mais para a economía capitalista iso non parece ser o caso en absoluto. O crecemento da produtividade case se paralizou, as taxas de beneficio (porcentaxe da ganancia sobre o capital investido) están a diminuír constantemente e a débeda mundial aumentou até un insostíbel 322% do PIB. Ademais, cada crise non significa máis nada que miseria para millóns de persoas. Esta crise levará unha vez máis a varios centos de millóns de persoas á pobreza. Non pode seguir así.

  1. Escandalosa fenda entre ricos e pobres

 No capitalismo a produción está dirixida unicamente aos beneficios dun pequeno grupo de propietarios privados e non funciona de acordo ás necesidades sociais ou as oportunidades de desenvolvemento da gran maioría. Isto crea unha escandalosa fenda entre ricos e pobres.

 Coa riqueza que se produce hoxe en día en todo o mundo cada familia con dous adultos e tres nenos ten un ingreso mensual potencial dispoñíbel de 4.100 euros (si, líchelo correctamente)(4). Porén, unha de cada tres persoas da poboación mundial non ten saneamento básico e unha de cada oito non ten electricidade. Una de cada cinco vive nunha casa de contrachapado e unha de cada tres non ten auga potábel.

 En Bélxica o 5% dos máis ricos posúe tanto como o 75% dos máis pobres. Nun dos países máis ricos do mundo un 20% das familias corre o risco de caer na pobreza, unha cuarta parte das familias ten dificultades para pagar os gastos médicos, un 40% non pode aforrar e un 70% das persoas desempregadas ten dificultades para chegar a fin de mes.

 Estes non son excesos do sistema. Derívanse directamente da súa lóxica.

  1. As próximas pandemias

 Desde principios do século pasado sabemos que case todas as epidemias modernas son o resultado da intervención do home no súa contorno ecolóxico inmediato. Os mamíferos e as aves son portadores de centos de miles de virus que son transmisíbeis aos seres humanos(5). Debido á explotación de zonas naturais anteriormente inaccesíbeis cada vez hai máis posibilidades de que estes virus se transmitan aos seres humanos.

 Os principais expertos estivérono advertindo durante máis de dez anos en resposta ao VIH, SARS, ébola, MERS e outros virus. En realidade, tivemos sorte de que non nos chegaron outros virus máis mortais. En 2018 os científicos dos Estados Unidos elaboraron un plan detallado para previr tales pandemias. Estímase que as perdas a causa da COVID-19 alcanzan os 12.500.000 millóns de dólares. O custo do plan de prevención de 2018 era de apenas 7.000 millóns de dólares.

 Aínda non se atopou ningún financiador para o proxecto. Non debería sorprender, porque esa investigación está en gran parte en mans privadas e non en interese público, senón con fins de lucro. Chomsky dío moi claramente: “Os laboratorios de todo o mundo poderían traballar na prevención de posíbeis pandemias de coronavirus. Por que non o fixeron? Os sinais do mercado non eran boas. Deixamos o noso destino en mans de tiranías privadas, que se chaman corporacións e que non teñen que render contas ante o público, neste caso, a industria farmacéutica. Para eles, producir novas cremas é máis rendíbel que atopar unha vacina que poida protexer á xente da destrución total”.

  1. A degradación do clima

 A procura do máximo beneficio socava o sistema ecolóxico da terra e ameaza a supervivencia da especie humana. Segundo a coñecida escritora e activista Naomi Klein, o mundo enfróntase a unha decisión decisiva: ou salvamos o capitalismo ou salvamos o clima. Esta decisión é particularmente grave no sector da enerxía fósil, que é o principal responsábel das emisións de CO2. As 200 empresas máis grandes de petróleo, gas e carbón teñen un valor de mercado combinado de 4 trillóns de dólares e obteñen uns beneficios anuais de decenas de miles de millóns de dólares. Se queremos manter o aumento da temperatura por baixo dos 2°C, estes xigantes da enerxía deben deixar entre o 60% e o 80% das súas reservas intactas. Pero iso iría en detrimento das súas expectativas de ganancias e afundiría instantaneamente o seu valor no mercado de valores. Por iso seguen investindo centos de miles de millóns de dólares anuais na procura de novos xacementos. Se se mantén a política actual, en lugar de diminuír drasticamente, a demanda de combustibles fósiles aumentaría case un 30% no próximos vinte anos, sen que se albisque un pico.

 Dentro da lóxica das ganancias, o quecemento global é imparábel. Segundo The Economist, o voceiro da elite económica mundial, o custo financeiro é simplemente demasiado alto para combater o quecemento global.

 En resposta á coronacrise os gobernos tomaron medidas sen precedentes. Haberá que tomar medidas igualmente radicais para facer fronte á degradación do clima. “Se hai algo que a pandemia demostrou”, di o Financial Times, “é o perigo de que se ignoren as advertencias dos expertos”.

Loita por un sistema social diferente

 Que nos ensinan este catro crises? Que teremos que repensar completamente as nosas políticas e a nosa economía. Para saír do actual estancamento económico primeiro será necesario frear os mercados financeiros e romper o poder desproporcionado das multinacionais. Para facer fronte aos problemas sociais a economía xa non se debe centrar nos beneficios privados duns poucos, senón nas necesidades sociais de moitos. Tamén debe haber unha redistribución da riqueza. Para armarnos contra futuras pandemias a industria farmacéutica terá que facer un profundo cambio de rumbo. Despois de todo, a política climática é demasiado importante como para deixala en mans dos xigantes da enerxía e a súa lóxica de beneficio. Hai que romper a súa omnipotencia de xeito que haxa espazo para unha política climática responsábel.

 Para lograr todo isto teremos que subordinar a esfera económica á esfera política. Onde e en que se inviste, a distribución dos excedentes económicos, o comercio, as finanzas, etc., todo iso debe centrarse nas prioridades e necesidades da comunidade actual e as das xeracións futuras. Esta “planificación”(6) non implica de ningunha maneira un control total do Estado, senón que a economía estea controlada por un órgano político (elixido) e non por propietarios privados. Significa que a lóxica económica se subordina ao Estado e non ao revés.

 Un sistema social diferente é necesario e urxente, pero non se logrará por si só. As ideas correctas son importantes, mais non o suficiente como para provocar un cambio. Hai enormes intereses detrás do sistema actual. Os que se benefician deste sistema nunca renunciarán voluntariamente nin estarán dispostos a facer concesións, aínda que haxa capitalistas ilustrados que están convencidos de que tales concesións son esenciais para preservar o sistema. As organizacións de empresarios mesmo tentarán aproveitar a situación de crise para impor unha estratexia de choque.

 A historia ensínanos que o tipo de sociedade e o noso futuro dependerán da batalla que libremos. Como di o sociólogo Jean Ziegler, “non debemos ser optimistas, debemos mobilizar a xente”(7). Para que esta mobilización sexa poderosa teremos que organizarnos con firmeza, porque o opoñente está moi ben organizado. Ou como di Varoufakis “se non logramos unirnos agora, o meu temor é que este sistema só profunde a súa cruel lóxica”.

 En calquera caso, estes serán tempos emocionantes e decisivos. Prepárate.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

(1) A retirada do Estado non se aplica aos principais monopolios, pola contra. Debido á súa gran concentración de poder, teñen cada vez máis impacto no sistema estatal. Utilizan o poder do Estado para fortalecer a súa posición competitiva e garantir as máximas ganancias. Isto faise de varias maneiras. As máis coñecidas son os contratos públicos, os subsidios e as taxas impositivas favorábeis. O goberno tamén está chamado a explorar novos sectores ou produtos. Aquí os investimentos son incertas e adoito requiren grandes cantidades de capital. As axencias gobernamentais están a asumir esta fase inicial custosa e arriscada, con frecuencia no contexto da industria da guerra. Nunha etapa posterior, logo transfírense ao sector privado, privatízanse literalmente. Para dar algúns exemplos recentes, ese foi o caso coa PC, Internet, o algoritmo de Google, as redes de fíos, a tecnoloxía de pantalla táctil, GPS, microchips, biotecnoloxía, nanotecnoloxía e moitos outros produtos ou sectores rendíbeis. O financiamiento inicial de Apple proveu dunha compañía de investimento do goberno dos Estados Unidos.

(2) En todos os países nos que gobernaron os socialdemócratas axudaron a dar forma ás políticas neoliberais. En Reino Unido Blair lanzou a “Terceira Vía” entre o capitalismo e o socialismo, e fixo un pacto co ultradereitista Berlusconi. En Alemaña Gerhard Schröder, o líder dos socialdemócratas, presentou o modelo de salarios baixos que iniciou unha espiral de diminución salarial en toda Europa. En Bélxica os socialdemócratas son en parte responsábeis da deterioración do poder adquisitivo, as malas condicións de traballo, os recortes na seguridade social e a atención médica, e o empeoramento dos sistemas de pensións.

 Até o de agora os Verdes non gobernaron moito e onde o fixeron, non cambiaron o curso das políticas neoliberais. En Alemaña defenderon con entusiasmo o modelo de baixos salarios. Durante a súa única participación gobernamental en Bélxica (1999 a 2004) os Verdes lograron producir só cambios menores. No Parlamento Europeo os Verdes apoiaron case por completo as medidas neoliberais, como o Six Pack e, por tanto, son en parte responsábeis das drásticas políticas de austeridade na UE.

(3) Para unha versión máis elaborada de tal modelo alternativo, ver ‘Outra economía é necesaria e posíbel’ e ‘Crise do Capitalismo’.

(4) O cálculo para unha familia media baséase na hipótese plausíbel de que o ingreso dispoñíbel dos fogares é un 70% do PIB. Utilizamos o produto mundial bruto: 136 billóns de dólares en 2019. Esta cifra, expresada en dólares PPA [Paridade do Poder Adquisitivo], ten en conta unhas diferenzas de prezos entre países para os mesmos bens ou servizos e expresa o poder adquisitivo real. Convertemos esta cifra en euros segundo o método de cálculo do Banco Mundial: para Bélxica 1 dólar PPA equivale a 0,808 euros. Fontes: https://en.wikipedia.org/wiki/List_of_countries_by_GDP_(PPP); https://data.worldbank.org/indicator/NY.GDP.MKTP.PP.KD; http://www.worldometers.info/world-population/world-population-by-year/; https://data.oecd.org/conversion/purchasing-power-parities-ppp.htm.

(5) Estímase que se trata de 350.000 a 1.3 millóns de virus. Fonte: The Economist.

(6) Poderíase definir a planificación económica como a capacidade de impor obxectivos decididos democraticamente para o desenvolvemento económico sustentábel. Hai diferentes graos e niveis de planificación. A planificación débese pór en práctica de maneira cualitativa, é dicir, en relación ás necesidades humanas vitais, e en que se debe evitar a aplicación dunha planificación burocrática.

(7) “Geciteerd in een Interview, Solidair, xullo-agosto de 2020, p. 31.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 30 de xullo de 2020]

Volver