O Covid-19 e o mundo do traballo

Adrián Sotelo - 08 Abr 2020

A gravidade da epidemia para os traballadores e a humanidade que se observa nos principais países do capitalismo avanzado, como Estados Unidos, Italia, Francia ou Alemaña, é o resultado do desmantelamento o Estado do benestar que emerxeu despois da Segunda Guerra Mundial e a privatización dos sistemas de seguridade social e da saúde

 Certamente o mundo capitalista global está sendo vítima do virus Covid-19 que xa se converteu nunha pandemia como recoñeceu oficialmente, o 12 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e experimenta a maior parte dos países do mundo. Isto sinxelamente é innegábel, independentemente das causas que o provocaron -onde sempre hai unha acción humana-, entre as que figuran con moita forza e consistencia a acción deliberada do goberno de Estados Unidos que foi responsabilizado formalmente por gobernos, especialistas e académicos de diversas partes do mundo (véxase, por exemplo: "EEUU liberou a súa arma biolóxica, o COVID-19, para dominar o mundo", 18 de marzo de 2020, en: https://www.hispantv.com/noticias/opinion/451885/arma-biologica-china-coronavirus-guerra).

 A crise capitalista estrutural en curso -que o é esencialmente do seu modo de produción, de vida e de traballo- precede ao estoupido e expansión da epidemia que orixinalmente se situou na cidade chinesa de Wuhan que é a capital da provincia de Hubei ­onde xa se restableceron servizos como o metro- no centro do país e que, conforme se foi controlando, ao mesmo tempo trasladou o seu epicentro a Europa e, agora, a Estados Unidos, malia que Trump declarara en varias ocasións e insiste no mesmo que o seu país é "inmune" á pandemia porque esta é un "invento chinés". Esta crise, na súa actual fase do imperialismo neoliberal, xa se manifestou, polo menos desde 2008-2009, como unha crise financeira e comercial que trababa relación coas fortes loitas comerciais entre China e ese país, expresada na imposición mutua de fortes "sancións" e impostos ás exportacións. Tamén se manifestou na área tecnolóxica por parte do ataque do goberno de Trump contra a empresa chinesa Huawei que lle leva a dianteira, particularmente en tecnoloxías de quinta xeración.

 O mesmo ocorre con outra contradición, neste caso na área militar entre Rusia e Estados Unidos onde este último non acepta o estatus do mundo constituído como un mundo multipolar que de plano desbotou historicamente todo unilateralismo hexemónico nas relacións internacionais, cuestión que por suposto atenta contra todo supremacismo imperialista nas relacións internacionais, en especial do norteamericano e doutros imperialismos, digamos menores, como o alemán, o francés, o italiano ou o británico. Por iso, o imperialismo dominante de Trump reformulou o obxectivo do "excepcionalismo norteamericano", xunto co eslogan America First acompañado, en América Latina, da resurrección da mortífera Doutrina Monroe.

 Mais a verdade é que esa crise sobarda ben esas dimensións para abranguer as relativas ao social, cultural, ambiental, civilizatorio e humano que afectan a todas as categorías do mundo do traballo: desde os sectores máis descualificados, pasando polos miles de millóns de traballadores precarios e os desempregados até abranguer os máis cualificados con altos niveis de educación e destreza tecnolóxica situados nos chanzos máis altos dos sistemas de produción e de consumo intercalados coas tecnoloxías de punta e co uso da intelixencia artificial.

 A pandemia é unha consecuencia do capitalismo destrutivo ou do desastre (Naomi Klein) e non ao revés, como adoitan sinalar os principais medios de comunicación occidentais seguindo os postulados ideolóxicos e a xeopolítica de Estados Unidos.

 A gravidade da epidemia para os traballadores e a humanidade que se observa nos principais países do capitalismo avanzado, como Estados Unidos, Italia, Francia ou Alemaña, é o resultado do desmantelamento o Estado do benestar que emerxeu despois da Segunda Guerra Mundial e a privatización dos sistemas de seguridade social e da saúde, até o punto de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou que Estados Unidos se podería converter no epicentro da epidemia e de feito uns días despois así foi. E así, de seguido a Cámara de Representantes aprobou un programa de "emerxencia" de 2 billóns de dólares que asinou o presidente norteamericano, dos cales case a metade van dirixidos ás empresas privadas e outro tanto, que non detalla, para pequenas e medianas, así como para a poboación afectada polo desemprego e os flaxelos da pandemia. E no medio desta traxedia o presidente Trump insiste en que é necesario "abrir a economía" e volver aos postos de traballo para superala, non importando o saldo de mortos e enfermos que se produzan ao final.

 É de coñecemento público que o goberno deste país pediu axuda a outros como Corea do Sur e Alemaña para que lle proporcionen "kits de proba" contra o Covid-19 Xustamente debido a que carece deles e dunha política de seguridade e de prevención para a poboación, ao contrario do que sucede coa súa estratexia xeopolítica e militar que é perfectamente coherente e sistemática cando de atacar e invadir outros países se trata, e para o que inviste miles e miles de millóns de dólares no seu complexo industrial-tecnolóxico-financeiro e militar.

 Os efectos lacerantes nos empregos e nas condicións de vida e de traballo das poboacións traballadoras do planeta, xa comezan a ter consecuencias nos miles de despedimentos que se están rexistrando na meirande parte dos países máis afectados e nos que as súas clases patronais depositan todo o peso dos efectos da caída dos seus negocios e das súas taxas de ganancia que constitúen o motor e obxectivo da súa existencia. Por exemplo, Reuters (cit. por Hispantv, "Un de cada catro estadounidense perde o seu traballo por coronavirus", 28 de marzo 2020, en: https://www.hispantv.com/noticias/ee-uu-/462570/desempleo-coronavirus-sondeo) afirma que foron despedidos por volta do 23% dos norteamericanos de xeito temporal ou definitiva polo surto de coronavirus. E o mesmo ocorre noutros países de Europa como en Italia -onde a clase obreira respondeu ao goberno ante a súa ineficacia nas medidas para conter a pandemia (véxase: La Izquierda Diario, "A primeira folga xeral baixo a pandemia rompe a «unidade nacional» en Italia", 28 de marzo de 2020, en: https://rebelion.org/la-primera-huelga-general-bajo-la-pandemia-rompe-la-unidad-nacional-en-italia/) -, e de América Latina onde os traballadores experimentaron situacións similares nas condicións dun estendido desemprego estrutural e da chamada informalidade que en moitos países como México, Brasil ou Perú pasa o 60% da poboación activa.

 O capitalismo en crise estrutural e de valorización de capital necesita da (super) explotación do traballo -e da forza de traballo- e de extensos volumes de desempregados para sobrevivir, mesmo nas condicións desastrosas dun capitalismo do desastre que se impón a ferro e lume con tal de manter a súa dominación e rendibilidade. Os miles de millóns de billóns que espalla o Estado imperial norteamericano non saen das maquiniñas de facer billetes, senón das plusvalías que producen millóns de traballadores e traballadoras, formais, ou precarios, informais ou agrícolas, dos servizos ou das manufacturas, homes e mulleres, xente nova e crianzas, dentro e fóra do país e que, por suposto, van parar maioritariamente ás arcas das empresas trasnacionais para a súa reprodución e acumulación.

 Lembrando a premisa de Marx de que "o diñeiro de seu carece de valor" e que este, entre outras funcións, só é a expresión do valor da forza de traballo e, en xeral, das mercadorías, é evidente que esa suma billonaria adiantada polo magnate da Casa Branca que equivale  a case un 10% do PIB estadounidense, necesariamente terá que se compensar no futuro pola vía da maior explotación da forza de traballo acompañada de despedimentos masivos, contención salarial e precarización laboral, ademais doutras medidas como privatización dos servizos públicos e da saúde, entre outras.

 A actual crise mundial da saúde na súa forma pandémica do Covid-19 pon de relevo a crise e o esgotamento do sistema capitalista universal globalizado, ao mesmo tempo que mostra as limitacións para superala sen atentar contra os seus propios alicerces enraizados nas relacións de propiedade, de explotación e apropiación privada da riqueza. Con este insuficiente arsenal de alternativas a patronal e a dereita mundial (os Bolsonaro, Piñera, Trump), así como organismos ultraneoliberais como a OCDE e empresariais como o Consello Coordinador Empresarial e a Confederación Patronal da República Mexicana, desataron toda unha campaña contra a "sa distancia" e as medidas preventivas como a corentena para sortear a posibilidade da infección, proclamando que o mellor non é frear a actividade económica (léase a explotación da forza de traballo para a produción e extracción de plusvalía) senón manter abertas as fábricas, os servizos e os negocios, sen reparar no tenebroso comportamento exponencial da pandemia do coronavirus que ameaza a saúde e a vida fundamentalmente das clases traballadoras e proletarias de todo o mundo.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de abril de 2020]