O Covid-19 tamén é un reto sindical

Manuel Mera -

Con toda seguridade teremos un novo Pacto da Moncloa, aínda que se chame doutro xeito, porque CCOO e UGT xa amosaron, nos acordos para afrontar as consecuencias do coronavirus no eido laboral, que estaban dispostas a chegar a acordos con facilidade coa patronal

 Nun recente artigo, encol dos efectos económicos e sociais do covid-19, Michael Roberts propuña en relación ao Estado español que era conveniente formar unha mesa de diálogo social, con forzas políticas e representantes do sector económico e social de todo tipo, para asinar uns novos Pactos da Moncloa. Resulta evidente que este economista marxista británico ten unha visión deformada daqueles pactos, ignorando as consecuencias negativas para a clase traballadora e a ruptura co franquismo. Existe esta concepción errada en moitas persoas en todo o mundo por mor da propaganda sistémica, e porque se fixo unha cesión no relato por parte das fozas da esquerda estatal para xustificar a súa actitude entreguista, que axudou a consolidar o réxime do 78.

 Lembremos. Os Pactos da Moncloa asináronse o 25 de outubro de 1977, polos partidos UCD, AP, PSOE, PSP, CiU, PNV e o PCE. O acordo sacrificaba as reivindicacións salariais da clase traballadora en beneficio do capital. A escusa que se daba, era a crise económica e un hipotético inminente golpe armado por parte dun sector do exército que tiña saudade do franquismo. O pacto  sorprendeu a CCOO e UGT, que tardaron días en reaxer. Mesmo, nun primeiro momento, algúns sindicatos e localidades opuxéronse frontalmente. Porén, terminaron aceptando o acordo asinado polas cúpulas dos partidos que eran a súa referencia política. Cómpre dicir que este modelo pactista terminou implantándose, primeiro na UGT que o priorizou como vía sindical, e logo en CCOO. Chamóuselle concertación. Asinaríanse máis pactos sociais nos seguintes anos, desta vez por iniciativa destes sindicatos: AMI (1981), ANE (1982), AES (1985), etc.

 Non pretendo rexeitar por norma a negociación, o acordo, iso só sería posíbel mediante un asalto ao poder, ou nun contexto no que a correlación de forzas e a situación internacional permitise impoñer todas as reivindicacións laborais e salariais pola vía político-institucional. Ningún destes obxectivos semella factíbel a curto e medio prazo. Mais, existen condicións en moitas empresas e sectores, e en determinados temas no ámbito institucional, para impedir retrocesos e conquistar avances. E, para que os resultados sexan os mellores, a negociación debe de ir precedida e acompañada da mobilización (propaganda, axitación, manifestacións, paros, etc), porque este é o único instrumento de presión do que dispón o movemento obreiro fronte ao poder económico e a súa hexemonía política e de control dos medios.

 Polo tanto, comezar a negociación dun convenio ou acción reivindicativa con medidas de presión (directas ou indirectas ou ambas a un tempo) é unha cuestión esencial. Así como tirar ensinanzas dos conflitos, dos erros e acertos, e socializalos no sindicato (e no partido da clase traballadora), ademais de divulgar entre as clases populares os éxitos (mesmo que sexan en empresas pequenas e limitados). Ademais cómpre mantelos vivos na mensaxe, nas análises e artigos, entrevistas, vídeos e redes, porque deste xeito serven para formar un conciencia social e crear un estado de ánimo combativos, e potenciar a importancia da unidade de clase e nacional. Este xeito de entender a negociación é unha das grandes diferenzas entre a CIG e CCOO e UGT, e nos Pactos da Moncloa foi cando ficou patente esta fenda entre o sindicalismo nacionalista de clase e as centrais españolas. Entre estas últimas estaba CCOO, que foi durante década e media quen estivo á fronte da loita sindical contra a ditadura. O que amosa que as organizacións non son entes estáticos.

 Con toda seguridade teremos un novo Pacto da Moncloa, aínda que se chame doutro xeito, porque CCOO e UGT xa amosaron, nos acordos para afrontar as consecuencias do coronavirus no eido laboral, que estaban dispostas a chegar a acordos con facilidade coa patronal. E sendo certo que se lle garante a certos colectivos de traballadores/as pasar aos ERTE evitando os despedimentos, non se pode obviar que a perda salarial é importante, que non se impiden os despedimentos polas empresas durante este período (como en Italia, durante dous meses), e que hai sectores fican fóra do aceso aos ERTE. Tampouco se garantiron todas as medidas de seguridade sanitaria para aquelas actividades que son esenciais e non se fixou con claridade cales son, deixando a interpretación en moitas actividades en mans do empresariado. A este respecto pódense consultar as valoracións, denuncias e requirimentos que se fan na web da CIG.

 Todo fai pensar que haberá un novo pacto social tripartito (Goberno, patronal e sindicatos) unha vez terminada a fase máis dura do Covid-19 coa escusa de “recuperar a economía e o emprego” no que se pretenderá sumar ás achegas económicas (e redución de impostos?) a empresarios/as e autónomos/as a necesidade de non modificar “polo momento” as reformas laborais regresivas de Zapatero e Rajoy. Neste discurso regresivo nos dereitos laborais teima historicamente a CEOE, e fíxose máis agresivo para frear as derrogacións prometidas por PSOE-UP, e agora fortalécese coa escusa do coronavirus. Unha liña que conta co apoio dos grandes medios de comunicación e dos partidos de dereita, en todas as súas tendencias. Estarán o PSOE e UP dispostos a dar esta batalla? Teño moitas dúbidas. Podemos deixaría o Goberno? Por parte de CCOO e UGT todo fai pensar que atoparán unha escusa: a mala situación da economía, un problema mundial, esperar a que a inxección de medios económicos tan grandes dean resultado para a derrogación...

bMalia que en principio un escenario regresivo se pode consolidar, dado a correlación de forzas, non quere dicir que sexa o único posíbel, e sobre todo que non se poida mudar a medio prazo. O coronavirus deu folgos ao medre das diverxencias entre potencias, e tamén ás contradicións sociais, ecolóxicas, nacionais, culturais e de clase. O capitalismo e a xestión privada amosaron a súa ineficiencia, mesmo colocando en perigo a vida humana de todas as clases sociais e nacións. Desta volta non vai funcionar tan eficazmente a escusa de salvar os empresarios/as para evitar a destrución do emprego e o benestar, xa que están moi recentes os resultados das medidas contra a crise do 2008, que se usaron para rebaixar salarios e precarizar e reducir o emprego. Tamén para deteriorar os servizos e prestacións públicas, entre elas a sanidade, cos custes de todo tipo que agora ten para se defender do Covid-19.

 Resulta evidente que estes feitos necesitan dunha dixestión social e neste aspecto haberá sectores de vangarda, intermedios e atrasados. É un proceso, que cómpre acelerar, sen saltar etapas, no que o nacionalismo antisistémico necesita ademais do discurso, da mobilización e da iniciativa, dunha política de alianzas que lle permita consolidarse como referencia e dispor dunha ampla militancia. Unha vangarda que sexa vista polas clases populares como capaz de “tirar polo carro”, para mudar a correlación de forzas e derrotar (ou facer recuar) as clases dominantes. A política de alianzas non é algo secundario, daquela que sempre fose en todo o mundo un aspecto importante no debate no seo das forzas que loitan pola liberación nacional e social.

 O Covid-19 é un reto para os poderosos/as, sexan persoas, empresas ou potencias, porén tamén para as forzas rupturistas.

 

 

[Vigo, 25 de marzo de 2020]

Volver