O Decálogo “neo-neoliberal”

Ava Gomez e Alejandr - 20 Set 2016

O Neo-neo liberalismo levanta a bandeira da unidade por riba das diferenzas de clase. Non importa ser rico ou ser pobre. A loita de clases queda invisibilizada e a economía libre de mercado considérase un requisito indispensábel da democracia

O Centro Estratéxico Latinoamericano de Geopolítica veu publicando unha serie de análises[1] sobre as categorías conceptuais coas que opera a dereita do subcontinente, tanto a nivel político como mediático. Este artigo condensa as principais mensaxes detectadas. Pretende ser unha guía sucinta dos novos códigos que manexa un “neo-neoliberalismo” que se reciclou discursivamente para tratar de facer esquecer os resultados catastróficos das súas políticas nos anos 80 e 90.

Xestión eficiente. Xa non é o tempo das ideoloxías. Nin sequera da política. O que supostamente importa á xente é que as cousas funcionen. O político asimílase a un empresario. Só se valoran os resultados.

Liderados non carismáticos. En consonancia co concepto anterior, precísanse dirixentes sen carisma persoal pero cunha pátina de bos xestores. O gris do seu carácter identifícase con seriedade e responsabilidade para abordar os asuntos públicos. Prefírese o contábel de oficina antes que o líder de masas. Este asóciase a un populismo manipulador.

Banalización do político. Fronte aos grandes construtos do pasado, a política redúcese cada vez máis a unha sorte de presentacións inconexas onde prima o anecdótico. A frivolización travístese de “humanización”. Programas de variedades e lecer constitúense no escenario preferido polos políticos, en detrimento do escenario institucional.

Meritocracia. Os logros son produtos do esforzo persoal e non das condicións sociais. A maximización da educación é o elemento lexitimador do mérito. Preséntase un sistema educativo en abstracto ao que supostamente todo o mundo ten acceso, sen ter en conta a extracción de clase. Do aproveitamento ou non que faga o individuo dependerá a súa sorte.

Desenvolvemento e consumo. O progreso preséntase como un desenvolvementismo sen límites que propicia a posibilidade dun consumo cualificado como “dereito” (e agochando desta forma os dereitos lexítimos como o dereito á vivenda, sanidade, traballo, salario digno, etc.).

Ineficiencia dos modelos socialistas. Son “intrinsecamente ineficientes”. O seu éxito a principios de século foi unha miraxe propiciada por uns prezos das materias primas que alcanzaron máximos históricos. Unha vez resituadas as cotizacións, estas propostas volven demostrar a súa inconsistencia. Técese un fío sutil que as relaciona cos antigos réximes comunistas da Europa do Leste. Regresa a teoría da Fin da Historia. O capitalismo é o único sistema válido.

Regreso aos referentes occidentais. Estados Unidos e Europa occidental son os modelos, en antagonismo á autoidentificación latinoamericana da proposta bolivariana. Todo se valora en función do seu maior ou menor parecido co Primeiro Mundo. É un retorno aos complexos de inferioridade que tan funcionais foron ás elites locais.

Sacralización da unidade. Os gobernos progresistas polarizaron países, enfrontando a irmáns contra irmáns. O Neo-neo liberalismo levanta a bandeira da unidade por riba das diferenzas de clase. Non importa ser rico ou ser pobre. O verdadeiramente importante é a pertenza a unha mesma nación. A loita de clases queda invisibilizada.

Formalismos democráticos. Póñense en primeiro plano os protocolos das democracias electorais de orixe liberal, co voto como máxima posibilidade de exercicio político para os pobos. Calquera experiencia de democracia participativa é deslexitimada. A economía libre de mercado considérase un requisito indispensábel da democracia.

Da política social á asistencial. Elimínase a consideración das políticas sociais como dereitos. Enténdese que estas impiden o desenvolvemento dun país e privan os seus destinatarios dos estímulos necesarios para traballar ou emprender. Unicamente se reserva unha precaria política asistencial para os sectores máis vulnerábeis, máis como contención de posíbeis protestas -e mudanzas electorais- que como unha acción decidida a sacalos da súa condición.

_______________________________________________________________________

[1]Para consultar as análises completas ver:

http://www.celag.org/el-paraiso-prometido-de-la-eficacia/  

http://www.celag.org/medios-hegemonicos-lideres-neoconservadores-y-banalizacion-de-la-politica-por-ava-gomez-y-alejandro-fierro/

http://www.celag.org/la-sospecha-antidemocratica-permanente/  

http://www.celag.org/memorias-del-primer-mundo/

_______________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Celag’, do 14 de setembro de 2016]