O deseño dos contratos do transporte en autobús augura novos conflitos no sector

A CIG denuncia que se está a deixar o servizo en mans de dúas ou tres compañías que se reparten o mercado

Nacional -

O deseño dos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada da Xunta de Galiza augura unha alta conflitividade no sector, tendo en conta que favorece as UTE instrumentais integradas por numerosas empresas (até 12 compañías) para servizos que en moitos casos só precisan de 9 traballadores/as. O grave deste modelo é que a Administración non permite que estas UTE teñan tarxeta de transporte ao non teren entidade xurídica propia, polo que tampouco poden contratar persoal nin dispor de vehículos.

“Isto provoca que as UTE non teñan cadros de persoal propios, senón que cada empresa contrata un número pequeno de traballadores/as, imposibilitando que haxa representación sindical e limitando así a capacidade de resposta e acción do sector”, advirte o responsábel de Transporte da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, quen acusa a Xunta de actuar politicamente para favorecer os intereses patronais. 

A central acusa a Xunta de actuar politicamente para favorecer os intereses da patronal

Unha manobra moi ben estudada, salienta, tendo en conta a deficiente dotación económica dos contratos e a previsíbel tentativa das empresas de cargar a diferenza de custos sobre o persoal. A CIG xa presentou denuncia na Comisión da Competencia para que investigue se este tipo de contratos vulnera a lexislación “pois na práctica o que ocorre é que se está deixando todo o sector en mans de 2 ou 3 grandes compañías que se reparten o mercado”.

Neste intre, hai conflito aberto nas UTE 811 e 846 (que fan as rutas Santiago-Carballo-Costa da Morte e zona Betanzos-Curtis, respectivamente), que subrogaron o persoal que xa estaba no servizo sen respectarlle as condicións previas, malia que así o establece o convenio colectivo. En resposta, a CIG convocou folga indefinida, que fica suspendida á espera do que pase na mediación iniciada no CGRL. Pastoriza critica tamén a actitude da Dirección Xeral de Mobilidade “que se inhibiu completamente da problemática”.

Volver