O duopolio partidista en Estados Unidos

Fernando M. García Bielsa - 07 Nov 2016

A política exterior dos EUA e o seu carácter imperialista, ademais de esmagar a soberanía dos países, terminou por ter un efecto doméstico tamén contrario á democracia e ao exercicio das liberdades cidadás

Durante anos foi característica da política nos Estados Unidos a súa fraxilidade estrutural ou volatilidade emocional. Ambos os partidos, que destacan pola súa habitual demagoxia, a falta de democracia no seu funcionamento interno e por operar nun marco de confusas e manipuladas regras electorais, conducen as súas campañas en torno a cuestións de imaxe ou sobre o último erro dos seus contrarios, ou escaravellando acerca de escándalos sen xeito que lles permiten manter lonxe da atención cidadá o debate central das políticas de fondo ou aquilo que poida ameazar o seu control oligárquico. O nivel do debate, cando o hai, é banal e cheo de baixezas.

 O sistema bipartidista estadounidense a nivel nacional e local veu esmorecendo. Nas eleccións presidenciais, que son as máis concorridas, abstense de votar aproximadamente a metade dos electores e unha boa parte dos que votan fano por certos temores que os levan a votar polo “menos malo” de entre dous candidatos ningún dos cales resulta do seu agrado. Isto viuse moi claramente na campaña deste ano.

 Por outra banda, a xente deixa de votar sobre todo porque non cre que as eleccións fagan diferenza ningunha na súa situación. Así mesmo, moitos dos trazos do sistema e os obstáculos para exercer o sufraxio que, ademais ten lugar un día laboral (martes), levan a que sexan os sectores empobrecidos e as minorías discriminadas os que teñen máis baixa participación, o cal resulta funcional ao predominio das elites.

 As regras da política electoral son pouco claras, cambiantes, moi manipuladas e extremadamente restritivas, incluso comparándoas con outros países capitalistas. Vótase en todo o país pero compútase separadamente como 50 votacións separadas. O candidato gañador en cada estado leva toda a representación deste, do seu peso electoral, que se suma para determinar a que resulta realmente unha elección indirecta do presidente.

 Non son poucos os que critican o mercantilismo que impregna toda a campaña electoral, na que se aplican técnicas de marketing, que moitas veces viabilizan o éxito. Á vez, ou despois, que se logran credenciais cos círculos do poder, trátase de “vender” un produto (o candidato), para o que os votantes son tratados como consumidores. Investigadores e axencias de expertos determinan diferenciadamente os desexos, temores e sentimentos deste ou aquel sector de poboación ou rexión do país e, conforme a iso, desvergoñadamente, dan en articularse os discursos e as promesas, ast trolas e insinuacións acerca do contrario.

 Ao final, a competencia política a nivel presidencial redúcese a un asunto de engaiolar os cidadáns, e mesmo a infundirlles temores, sen que no escrutinio en si haxa moito en xogo, salvo lexitimar a instalación no cargo do político quizais máis hábil entre os dous que concorren representando á elite do poder económico. Desacredítanse os “extremos” e enarbórase e imponse unha suposta “política centrista e responsábel” conducente a que os privilexios de clase persistan sen ningún desafío serio. Prívase o pobo de opcións sobre os asuntos máis importantes de carácter socio-económico. As elites políticas e mediáticas constrinxiron o discurso público electoral en marcos estreitos que invariabelmente reforzan o status quo.

 Porén, detrás do espectáculo, o sistema de monopolio de dous partidos que se alteran no goberno foi unha base fundamental da estabilidade da política nacional. Ambas as forzas foron - en palabras de Sánchez Parodi – “elemento esencial para a repartición das cotas de poder entre os sectores dominantes e marco para a solución negociada expresa ou sobreentendida dos conflitos ou contradicións de intereses entre os devanditos grupos”.

 Parte desa loita de intereses exprésase a través do financiamento de campañas e das grandes canles de medios de difusión, que se lucran con centos de millóns de dólares en anuncios de campaña pagos, e mediante a manipulación das esperanzas e os medos practicamente predeterminan quen é elíxibel ou non entre os dous representantes da elite do poder.

 Numerosos atrancos e regulacións existen tamén para garantir o xogo e a exclusividade bipartidista; nin os demócratas nin os republicanos queren a ninguén estruturando partidos á marxe do duopolio bipartidista. Para iso construíron un labirinto de leis discriminatorias e onerosas para a inscrición de candidatos alternativos nas urnas, e para impedir de feito a formación ou as posibilidades do que deu en chamarse “un terceiro partido”. En determinadas conxunturas, estes gozaron de amplo apoio pero que o sistema se encarga de facer aparecer como marxinal, como un simple desperdicio do voto para un electorado que, finalmente, é conducido a votar polo “ mal menor”.

 Ese chamado a votar polo menos malo, ante a repetida ausencia de reais alternativas políticas, resulta o máis efectivo acicate para a participación dos votantes en prol dos candidatos do duopolio partidista, e un marabilloso dispositivo da clase dominante.

 Por outra banda, o proceso electoral manipulado e de limitadas opcións ocasiona o desenfoque e desmobilización periódica dos sectores progresistas, que nos anos de eleccións -e no período preelectoral- son empurrados a debater e posicionarse sobre os síntomas da política, os temas da conxuntura, a axenda que dita o sistema, e non sobre a estratexia e as sustancias das súas loitas.

 O alto custo das campañas electorais, para trasladarse nese gran país, contratar persoal e lograr visibilidade resulta un gran obstáculo para opcións alternativas. E dado que os medios de difusión non dan cobertura aos terceiros partidos a inmensa maioría da xente mantense ignorante da súa existencia.

 Estes partidos electorais alternativos sempre foron agrupacións minoritarias, de curta vida e influentes só debido a certos efectos moderadores puntuais sobre a liña dos dous grandes partidos. Todos fallaron debido ás poderosas maquinarias destes e ao seu entrelazamento cos grandes negocios, así como polos hábitos políticos e a ideoloxía das masas, pero tamén debido ás prácticas legais e ilegais que se aplican para marxinar os terceiros partidos.

 Utilízanse artificios ao deseñar interesadamente o contorno dos distritos electorais; emisión de leis e decretos para dificultar a inscrición de tales partidos, esixencia de números excesivos de firmas para iso; accións e decisións nesgadas ou retortas por parte de funcionarios e xuntas electorais (que en cada un dos estados do país están controladas ben polos demócratas, ben polos republicanos). Así mesmo, son antidemocráticas as regras que posibilitan maior acceso a fondos federais aos dous grandes partidos e outras.

 Aplicáronse accións ilegais como marxinación polos medios de difusión, exclusión para participar nos debates televisados, campañas difamatorias e mesmo a sabotaxe e a violencia. Incluso, a forma mesma como se formulan as enquisas de opinión socava a capacidade de candidatos alternativos e dos terceiros partidos para participar na contenda.

 Os dous partidos do sistema son coalicións bastante cambiantes e esfiañadas; heteroxéneas e multiclasistas. As súas estruturas son débiles e descentralizadas, o que é unha fonte da súa falta de cohesión, pero tamén que por iso resulten máis susceptíbeis a teren órganos nacionais e funcionarios controlados polas elites e que responden a tales intereses. Non teñen membros senón ‘adherentes’; non teñen carné nin pagan cotas; non hai que cumprir obrigas para admisión, nin criterios precisos para iso. Pero no seu seo contan con maquinarias electorais rexionais, compostas por pequenos grupos de avogados, consultores mediáticos e recadadores de fondos nucleados en torno aos congresistas, alcaldes e outros políticos desta ou aquela rexión, e en conxunto constitúen entidades ben conectadas con quen posúe o poder económico-financeiro.

 Un analista estadounidense facía a pregunta: “Como é posíbel que un partido antisindical, oposto ao control de armas, á alza dos salarios e ao dereito das mulleres, que é indiferente ao endebedamento crecente do estudantado, que se opón a aplicar regulacións e impostos ás corporacións e os bancos, pero apoia outorgarlles subsidios, que nega a realidade mesma do cambio climático..., como é posíbel que tal partido, o Republicano, sexa visto como lexítimo e que obteña algunha sorte de “apoio” electoral dun número significativo de norteamericanos?. E esta mesma persoa respóndese que o asunto se asenta en profundos tabús da historia do país, nos seus medos e manipulacións, incluíndo en primeiro lugar o seu profundo racismo.

 Os vínculos dos votantes con ambos os partidos debilitáronse. A maioría deles rexístranse como “independentes”, e suponse que eles nutren a meirande parte dos que se absteñen de votar. Aínda que parte do electorado cambia de preferencias doadamente segundo os temas do momento, estímase que só un 5% dos votantes cambia de partido entre eleccións.

 En xeral, as direccións políticas teñen escaso control na selección de candidatos e nas plataformas que estes enarboran. Aínda que lles serven de plataforma, os candidatos poden obter a nominación nun ou outro partido de xeito independente dados o papel da TV e os medios, a adquisición e uso de listas de correos para levar as súas mensaxes directamente ao elector. Tamén se benefician de leis de financiamento que lles permiten operar á marxe das maquinarias partidistas, pero que os fan máis dependentes de quen posúe o poder do diñeiro, así como máis propensos á corrupción.

 De xeito que boa parte dos congresistas dun e outro partido mantén o cargo non debido á bendición e o apoio dos líderes nacionais do partido, senón debido ao labor que eles e os que o apoian realizaron nos distritos que representan... e onde para gañar se ven obrigados ás veces a compoñer coalicións bastante conxunturais, pero onde as conexións cos grupos de poder rexionais resultan chave.

 Con tal autonomía relativa e nun país tan diverso, é inevitábel que os que ocupan cargos electos crucen frecuentemente as liñas partidistas, máxime cando ambos os partidos non teñen grandes diferenzas.

 O profesor Walter Dean Burham, do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), sinalaba que “o Partido Republicano é xenuinamente un partido da dereita” pero que non ten opoñente de esquerda no mercado electoral estadounidense”. Os demócratas “nin remotamente foron nunca un partido de esquerda”. Son unha mestura de segmentos e intereses extremadamente diversos, que van desde algúns importantes sectores do gran capital até os traballadores industriais e os negros dos guetos”.

 Nas últimas décadas o Partido Demócrata cultivou e manipulou moitas das bases de traballadores e das minorías, ao manter a falsa imaxe de ser quen xera empregos e máis beneficios ao cidadán común, pero as súas políticas fundamentais e a súa estratexia son igualmente definidas polos intereses e fundamentos económicos das clases adiñeiradas. Ademais é evidente que ambos os partidos se desprazaron á dereita durante o período de maior virulencia neoliberal.

 Tanto demócratas como republicanos, segundo o politólogo estadounidense Michael Parenti, “están comprometidos coa preservación da economía corporativa privada, cos enormes orzamentos militares, co uso de subsidios, gastos deficitarios, concesións e descontos impositivos para estimular as ganancias empresariais; están comprometidos a canalizar os recursos públicos a través de canles privadas, incluíndo o desenvolvemento completo de novas ramas a expensas dos recursos públicos; están comprometidos a empregar a represión contra os opositores (ao sistema) e á defensa do sistema corporativo multinacional...”.

 Agora ben, a equivalencia ou semellanza entrambos os partidos non impide que compitan duramente por se empoderar e facer cos cargos electos, as regalías e prebendas que iso implca. Para iso despregan un antagonismo retórico considerábel, e recorren ás maiores baixezas.

 Ambos os partidos propugnan o belicismo e respecto diso difiren principalmente na argumentación que utilizan para xustificar o intervencionismo. A política exterior do país e o seu carácter imperialista, ademais de esmagar a soberanía dos países, terminou por ter un efecto doméstico tamén contrario á democracia e ao exercicio das liberdades cidadás.

 Nos próximos días esa campaña chega á súa fin. Case a metade do electorado absterase de votar o 8 de novembro. A elección do novo presidente ou presidenta venderásenos como un exercicio democrático. Despois de tantas ofensas e artimañas, cabe a posibilidade de que se repita o ritual demagóxico onde o candidato perdedor non escatime gabanzas a quen asuma o cargo. Porén, outros predín posibilidades de violencia. Finalmente as promesas e as plataformas serán maiormente agochadas e comezará entón “o real negocio de gobernar” coa venia das elites financeiras.

 

[Artigo tirado do sitio web América Latina en Movimiento, do 3 de novembro de 2016]