O Encontro Nacional de Mulleres da CIG acorda convocar folga de mulleres para o vindeiro 8 de Marzo

As asistentes analizaron a precarización e perda de dereitos derivada da pandemia
Nacional - 09 Dec 2020

Se nos anteriores 8 de Marzo había razóns sobradas para xustificar as convocatorias de folga de Mulleres, a precarización das condicións laborais, a perda de dereitos e a sobrecarga de traballo a consecuencia da pandemia fan que esta convocatoria teña aínda máis sentido para o 8 de Marzo de 2021. Esa foi a conclusión á que chegaron as delegadas da CIG que participaron esta mañá no VII Encontro Nacional de Mulleres tras analizar, sector por sector, as graves consecuencias da crise sanitaria. Un Encontro no que acordaron convocar Folga de Mulleres para o vindeiro 8 de Marzo.

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, arrincaba a súa intervención no Encontro lembrando que o pasado 8 de Marzo o feminismo galego escollía como lema “Sen Coidados Non Hai Vida”. Unha afirmación que se confirmaba unha semana despois coa emerxencia sanitaria “ao evidenciarse a importancia fundamental do traballo doméstico e de coidados, mais tamén, ao quedar as mulleres expostas de maneira desproporcionada ao virus, dado o seu papel predominante como coidadoras no ámbito familias e como traballadoras nos sectores sanitario, sociosanitario, limpeza, comercio, empregadas de fogar…”

Corral denunciou a sobrecarga de traballo que recaeu nas mulleres co peche dos colexios e centros asistenciais e que foron quen, de xeito maioritario, asumiron reducións de xornada, cos consecuentes recortes salariais, ou duplas ou triplas xornadas ao adoptar o teletraballo como medida de conciliación. Mención aparte fixo para as traballadoras dos servizos esenciais, “ás que non se lles permitiu sequera facer uso dos mínimos dereitos de conciliación”.

Denunciou que nin o Goberno da Xunta nin o do Estado adoptaron medidas para alixeirar esa sobrecarga física e psicolóxica. “Nin fomos, nin somos obxecto dunha protección especial, nin se puxeron en marcha políticas públicas para reducir a fenda de xénero, reforzar e revalorizar as profesións relacionadas cos coidados, nin se lexislou para garantir os dereitos de coidados das persoas”, ao entender de Corral, porque “foi o capital quen xestionou a crise sanitaria e quen ditou a resposta”.

Teletraballo ou máis traballo para casa

Coas distintas situacións das que as delegadas dos distintos sectores foron dando conta confirmáronse cada un dos aspectos sinalados por Corral. Así, desde a administración as compañeiras denunciaron que as traballadoras de política social e Consorcio, ademais de non poder teletraballar, como si fixo o resto do persoal, fixeron horas de máis para poder sacar o traballo adiante. Unha situación derivada da falta de persoal no caso das residencias públicas, mais tamén nos Servizos de Atención no Fogar (SAF).

Así o relatou unha das delegadas de SAF presentes no Encontro quen lembrou como foran aos domicilios sen ningún tipo de protección e como todas as administracións acabaron por desentenderse eludindo as súas responsabilidades. “Somos esenciais, non podemos deixar a ninguén sen atender, pero non hai unha valorización do noso traballo. Precisamos ser máis visibles”, asegurou.

Sobrecarga física e psicolóxica

Do mesmo xeito, denunciaron a sobrecarga de traballo as compañeiras dos centros de chamadas, con problemas para conciliar realizando na casa a súa actividade e sen medios. Como tamén se denunciou o recorte de dereitos que se está sufrindo no comercio. Unha situación que apuntou a presidenta do comité de Zara, quen asegurou que “no grupo INDITEX aproveitouse para recortar dereitos do persoal”, maioritariamente mulleres.

Por iso desde a FGAMT as compañeiras chamaron a denunciar aos gobernos da Xunta e do Estado por aforraren cartos nas medidas de conciliación a custo de que as mulleres reduciran as súas xornadas, mais tamén por non ter en conta a situación de desamparo “brutal” de moitas traballadoras que viron ademais como se reducían os seus ingresos ao non poder compatibilizar as súas problemáticas familiares coa actividade laboral.

Esa sobrecarga, enorme en todos os sectores, foi e segue sendo especialmente dura no sector sanitario, onde falta persoal, medios e onde, ademais, se lle denegan ao persoal os seus dereitos sequera de conciliación.

Unha situación similar á que relataron as compañeiras das residencias de maiores ou as que forman parte do persoal de limpeza tanto destes centros como dos sanitarios que chegaron a facer quendas de 12 horas, viron como se lles retiraban as reducións de xornada e concrecións horarias ou mesmo as vacacións.

De igual xeito, no Ensino, as delegadas subliñaron as dificultades que tiveron que enfrontar, poñendo os seus propios medios durante o confinamento, para poder traballar ou sen medidas de prevención ao comezo de curso, o que levou a convocar dúas xornadas de folga en setembro.

Falaron tamén compañeiras do sector de Automoción ou de Banca para poñer en evidencia a falta de distancias de seguridade ou de medidas básicas diante de contaxios. Todas situacións que puxeron de manifesto a necesidade dunha nova xornada de folga este 8 de Marzo, para o que se acordou convocar xuntanzas comarcais para coordinar o traballo relacionado coa convocatoria de folga e un novo Encontro Nacional para o 24 de febreiro de 2021 para analizar de novo esta cambiante situación.