O engano do concepto “clase media traballadora”

Arantxa Tirado - 15 Set 2022

Ter un traballo, as necesidades básicas máis ou menos cubertas e un relativo, aínda que minguante, poder adquisitivo, non converte a ninguén que viva do seu traballo nunha clase social que non sexa a traballadora

 Dun tempo para acó, o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) decidiu apelar á “clase media traballadora”. Así, tanto na súa presentación do novo curso político como na sesión de control ao Goberno do 14 de setembro, Pedro Sánchez fixo uso deste concepto para se referir ao sector social para o que di gobernar. Se o termo clase media, utilizado con intencionalidade política, era xa un sarillo inclusivo no que a dereita metía tanto mileuristas como a quen supera os 100.000 euros de ingresos anuais, a entelequia da “clase media traballadora” usada por un partido que se di de esquerdas semella, directamente, un calote.

 Sorprende -ou se cadra non- que sexa o PSOE quen tome a substitución do moribundo Ciudadanos nesta procura da transversalidade política, máxime cando falamos dun partido que, malia todo, aínda mantén a palabra “obreiro” nas súas siglas. Cómpre lembrar que o PSOE foi creado no século XIX por “dúas ducias de traballadores” e o seu principal apoio electoral reside, mesmo hoxe, nesa clase traballadora máis tradicional que se antolla bastante distante da cultura mesocrática que é hexemónica nos discursos políticos e mediáticos. Trátase dunha clase que está moi lonxe tamén das rendas que Pedro Sánchez di querer protexer cando substitúe, no seu imaxinario, “clase media traballadora” por clase obreira.

 Poderiámonos asombrar por este reiterado exercicio de negación e invisibilización da clase traballadora polas organizacións creadas por ela. Porén, só quen descoñeza un proceso que leva desenvolvéndose décadas, poderá acreditar que estamos ante algo novo. Desde que os gurús neoliberais decretaron a fin das clases sociais para agochar a súa ofensiva contra a clase traballadora, as coordenadas políticas mudaron. A esquerda europea pasou da socialdemocracia ao social liberalismo, asumindo o vocabulario e os marcos de análises da dereita, nunha lóxica electoral “atrápao todo” dirixida a ampliar a súa base electoral ao centro, o que non sempre lle funcionou, abofé. Estamos ante a política-mercadotecnia ao servizo da xestión tecnocrática dos intereses das elites, paradoxalmente avalada nas urnas polas propias vítimas do sistema. Una política de clase, sen ningunha dúbida, onde o funambulismo retórico esconde as divisións clasistas que se profundan polo impacto dun capitalismo desaforado. Calquera diría, polas súas palabras, que xa non hai ningunha clase obreira á que defender.

 Haberá quen argumente que estamos ante discursos moi ben calculados, precisos na súa intención de se dirixir a esa porcentaxe de españois, aparentemente maioritario segundo as enquisas do CIS, que se autoidentifica subxectivamente coa “clase media”. Nese sentido, trataríase dunha simple adaptación do PSOE ao sentir popular, non una negación da realidade das clases sociais no século XXI. Porque, cómpre salientalo, aínda que a moitos lles pareza incómodo ou anacrónico: as clases sociais seguen a existir. A clase media é un eufemismo da burguesía e a clase traballadora aínda ten vida por si mesma, sen necesidade de ser subsumida en ningunha outra categoría como “clase media traballadora” para afogar décadas de orgullo e conciencia de clase ou para esvaer o medo que, neses mesmos que negan a súa existencia, xera a súa simple mención.

 Ter un traballo, as necesidades básicas máis ou menos cubertas e un relativo, aínda que minguante, poder adquisitivo, non converte a ninguén que viva do seu traballo nunha clase social que non sexa a traballadora. Crer, ademais, que un asalariado con boas condicións laborais deixa de ser algo distinto á clase obreira, só porque teña un bo salario e con el poida consumir produtos ou experiencias antes vetadas á nosa clase social, é estar moi errado. Se me estás lendo e pensas o contrario, esperta, estivéronte enganando. E o peor é que o fixeron cunha trampa grande: asociar a precariedade á clase traballadora, coma se a pauperización crecente da nosa clase fose una fatalidade produto de factores sobrenaturais e non resultado da cobiza que move o capitalismo. Isto é un propósito que discorre en paralelo á negación de posibilidade dunha clase traballadora con boas condicións de vida, agochando así a conclusión lóxica que se desprendería diso: que aqueles sectores dos traballadores que conseguiron mellores condicións de traballo ou salariais son os que se organizaron máis e mellor para defender os seus dereitos.

 O capitalismo non se acabou, nin a explotación da clase traballadora. Por iso resulta absurdo chamar á clase traballadora doutra maneira. Mais esta confusión ten una intencionalidade política. Se todos somos clase media, que sentido ten a loita de clases? Pretenden que acreditemos en que somos afortunados por estar no medio, lonxe da categoría de parias de quen integra a “clase baixa” e case a un paso do Olimpo dos deuses que está arriba, entre a “clase alta”. Trátase dun discurso que esvae o conflito á vez que vende auto adscrición de clase aspiracional. No entanto, a adición de “traballadora” ao concepto “clase media” que fai o PSOE demostra que aínda se debe contar con esta clase á que tantas veces se quixo ignorar pero que aínda é indispensábel para gañar eleccións.

 

[Artigo tirado do sitio web La Marea, do 15 de setembro de 2022]