O ensino quenta motores para a folga dos días 10 e 16 cunha protesta coincidindo coa votación de investidura

Reclaman a negociación do protocolo da Xunta para unha volta ás aulas segura
Santiago - 04 Set 2020

Con proclamas como “Sen saúde non hai educación” ou “Ensino presencial e con seguridade”, delegadas e delegados do ensino público reclamaron na tarde deste xoves que a Consellaría de Educación sente falar coa representación do profesorado e rectifique as cuestións máis lesivas do protocolo da Covid19. A protesta realizouse diante do Parlamento galego aproveitando a votación de investidura de Feijóo como presidente da Xunta e constitúe a antesala da folga que a CIG-Ensino e o resto de organizacións sindicais teñen convocada para os días 10 e 16 de setembro, datas nas que comeza o curso nas distintas etapas educativas.

A este respecto, dende a CIG-Ensino constatan un incremento do  descontento de toda a comunidade educativa coa improvisación, a falta de rigor e o abandono da Consellaría, coincidindo coa incorporación paulatina aos centros do profesorado, a celebración dos primeiros claustros e a reformulación do traballo feito até agora polos equipos directivos para a adaptación dos protocolos errantes do goberno da Xunta.

Distancia de seguridade, diminución de ratios e máis contratacións

En concreto reclaman garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros que recomendan todas as autoridades sanitarias no ensino infantil, primario e de réxime especial, a diminución das ratios e contratación de persoal de reforzo, tanto docente como non docente e de limpeza para poder levar a cabo de forma efectiva todas as medidas de prevención, hixiene e desinfección necesarias para minimizar o risco de contaxio nos centros educativos.

Reclaman así mesmo que se teña en conta a situación do profesorado máis vulnerábel, e que no mes de maio se viu dispensado de volver presencialmente aos centros e que agora terá que expoñerse a unha situación de risco porque na última versión do protocolo publicado pola Xunta desapareceu totalmente a alusión ao procedemento para pedir a adaptación do posto de traballo ou a posibilidade de teletraballar para este colectivo.

Existen múltiples dúbidas estes días sobre a composición, a elección e a actuación dos equipos Covid nos centros, sobre o protocolo a seguir ante a aparición dun caso sospeitoso ou dun gromo, sobre as consecuencias para o persoal interino ou substituto de estar en situación de illamento preventivo ou corentena no momento da súa toma de posesión, sobre a responsabilidade que finalmente asumirán equipos directivos e profesorado se existe un contaxio nos centros con consecuencias fatais...

“Todo iso ten que ser negociado e perfilado por parte da Consellaría de Educación que, a menos dunha semana do inicio de curso, segue sen concretar como vai investir os preto de 93 millóns de euros que lle foron asignados polo goberno central no fondo Covid para o ensino e que non deu aínda os detalles sobre a contratación do profesorado a maiores para facer fronte aos desdobres que serán necesarios na ESO, Bacharelato e Formación Profesional sempre que non se poida cumprir coa distancia de seguridade nas aulas”, sinala o secretario nacional da Federación do Ensino da CIG, Suso Bermello.

Precisamente Feijóo fixo onte referencia no Parlamento a que esa partida era insuficiente, cando lembremos que no mes de xuño pedira dedicala “a outros fins”, porque a educación non era a súa prioridade.

Camiño cara á folga

A CIG-Ensino anima ao profesorado a seguir amosando estes días nos claustros e Consellos Escolares o seu rexeitamento a este protocolo, a facer concentracións diante dos seus centros educativos, a informar ás familias da situación real nas aulas e a participar na folga convocada os días 10 e 16 para reivindicar que se tomen medidas efectivas para evitar que os colexios e institutos se convertan en focos de contaxio entre as familias e a sociedade en xeral nun momento no que o aumento de contaxios acada xa niveis moi preocupantes.

Desaparece do protocolo a información sobre a xestión de peticións de vulnerabilidade

Sobre un dos puntos de conflito do actual protocolo (o tratamento que se lle dá ao profesorado vulnerábel), CIG-Ensino denuncia que do documento "definitvo" desaparece toda a información sobre a xestión de peticións de vulnerabilidade. "O texto publicado o 31 de agosto reduce a un parágrafo o que antes eran 5 páxinas, con toda a información da tramitación das peticións nos supostos de vulnerabilidade. Toda esa información desaparece e o novo texto limítase ao que parece ser que é o único que lle importa á Xunta: que todas as mulleres embarazadas, persoas con enfermidades cardiovasculares, cancro activo ou con inmunodepresión, entre outras, se incorporen a traballar con “normalidade”.

Diante disto, CIG-Ensino cuestiona os motivos polos que a Consellaría optou en maio por autorizar a que o profesorado vulnerábel seguira traballando con teledocencia mentres que agora toma a decisión contraria, e entende que esta decisión responde a unha estratexia electoralista ligada ás pasadas eleccións autonómicas. "Porque desde logo a ninguén lle debe pasar pola cabeza que unha decisión con fortes implicacións sanitarias e para a saúde garde relación co número de persoas afectadas (a incorporación en maio afectaba só ao profesorado que impartía Bacharelato e FP)", apuntan.