• Nova

O ERE de Pannosco afonda na perda de tecido produtivo e a destrución de emprego na comarca de Ferrol

A FGAMT-CIG rexeita o expediente, cuxo período de consultas rematou sen acordo
Ferrol - 31 Mai 2022

A FGAMT-CIG de Ferrol manifesta o seu rexeite total ao ERE extintivo da Cooperativa Pannosco SCG ao entender que aínda existía posibilidade de reflote da actividade produtiva, atendendo aos resultados do exercicio actual (2022), que reflectían beneficios por primeira vez en catro anos.

A Sociedade Cooperativa Pannosco SCG, con máis de 50 anos ás súas costas, bota o peche definitivamente ao levar a cabo os socios un Expediente de Regulación de Emprego extintivo por causas económicas. Pero, apunta Xabier Rodríguez, da FGAMT-CIG de Ferrol, se ben é certo que legalmente concorren as causas para levar a cabo este proceso, ao levar máis de tres trimestres consecutivos referindo perdas, "a situación actual das contas albergaba certas trazas de esperanza, posto que nos catro meses de ano 2022 a Cooperativa arroxou un resultado de beneficios por valor de máis de 23.000 euros".

Unha cifra que, engade, é máis elevada que a correspondente ao último exercicio completo no que a sociedade deu beneficios (ano 2018 con máis de 18.000 euros de beneficios). Porén, os socios non lle vían solución á continuidade na actividade, tanto que incluso paralizaron a fabricación antes de que rematasen os quince días legalmente establecidos para o período de consultas. De tal xeito que dende o pasaado 20 de maio xa non sae pan nin ningún outro produto da fábrica.

 A falta de que o expediente sexa impugnado pola Autoridade Laboral ou de ser impugnado na xurisdición social (extremo este último que a central sindical está a valorar), "o ERE camiña seguro cara á destrución da actividade produtiva na Cooperativa".

"Unha vez máis, asistimos  a outro capítulo na deriva de desertización de emprego nunha das comarcas máis afectadas por este fenómeno. Neste caso, a destrución de doce postos de traballo por conta allea pon fin á actividade dunha panificadora emblemática na comarca".