O eufemismo da “nova normalidade”

Adrián Sotelo Valencia - 28 Mai 2020

A “nova normalidade” restablece o funcionamento do capitalismo en crise, axústao ás novas circunstancias do mundo pospandemia e afonda nos seus trazos destrutivos e de barbarie. Por iso, será peor e indefectibelmente prevalecerá durante un tempo máis (meses, anos, décadas...), a menos que o capitalismo deixe de existir

«Houbo no mundo tantas pestes como guerras e, así e todo, pestes e guerras collen a xente sempre desprevida» Albert Camus, A peste (1947)

 Nunca como agora se correlacionaran tanto os conceptos “normal”e “patolóxico”, entendendo este último como un estado de enfermidade física e/ou psíquica que experimenta un individuo ou comunidade. En termos comúns, por enfermidade pódese entender, de acordo coa Organización Mundial da Saúde (OMS), a “alteración ou desviación do estado fisiolóxico nunha ou varias partes do corpo, por causas en xeral coñecidas, manifestada por síntomas e signos característicos, e cuxa evolución é máis ou menos previsíbel”. A anterior é unha definición convencional da medicina occidental alópata que xeralmente atende os síntomas, mais non as causas dunha determinada enfermidade (para abundar no tema véxase: Georges Canguilhem, Lo normal y lo patológico, Siglo XXI, Bos Aires, 1971).

 Porén, unha das características da Covid-19 consiste en que se descoñecen con certeza as causas que a producen -como máximo esgrimíronse algunhas probábeis hipóteses- e cuxa evolución é practicamente impredicíbel, a non ser polos resultados da aplicación de modelos matemáticos exponenciais que poden “predicir” traxectorias a futuro, como se pode apreciar na actual pandemia mundial de coronavirus que, tendo emerxido dunha localidade de China en decembro de 2019 e declarada pandemia en marzo de 2020, se espallou polo mundo até alcanzar e constituír o seu actual epicentro en Estados Unidos que leva todos os días miles de casos e de mortes como ninguén imaxinou uns meses antes do seu estourido. No período anterior a este, existía e desenvolvíase unha “normalidade capitalista” plenamente identificada que, á vez que determinaba a vida cotiá, se encamiñaba -e encamíñase se non se corrixe o rumbo- á devastación ecolóxica do planeta e, por conseguinte, da humanidade.

 Os conflitos sociais, as loitas de clases, o desemprego, a miseria, a precarización do traballo, a criminalidade, as guerras e os xenocidios, as recolonizacións de territorios e países por parte do imperialismo, particularmente norteamericano; as crises estruturais, comerciais, produtivas e financeiras e o enriquecemento inusitado dunha fracción da burguesía mundial conformada por non máis do 1% da poboación global, forman parte desa “normalidade” cuxa abolición ou superación non figura nas axendas dos gobernos e dos empresarios que pregoan a urxente apertura da economía e o establecemento dunha presunta “nova normalidade” que se axuste ás vicisitudes e circunstancias dos “novos tempos” pospandémicos.

 Neste contexto, nas dúas últimas semanas a prensa internacional de orientación maioritariamente conservadora e de dereitas veu difundindo -e sementando- a idea de que a pandemia está “cedendo” e, xa que logo, é plausíbel ditar aos gobernos e empresarios a posibilidade de “abrir” as súas economías (capitalistas) mediante o desconfinamento paulatino baixo o eufemismo de avanzar cara ao establecemento dun presunto “estado de nova normalidade” que non é outra cousa máis que reciclar os procesos de explotación, acumulación e reprodución do capitalismo depredador en función da rendibilidade e a obtención de beneficios. Significa, tamén, abrir os cines, os museos, os centros recreativos, as discotecas, os bares, os antros, as fábricas, os servizos, os ximnasios, os clubs de fútbol, os centros estéticos, os centros comerciais, os aeroportos, as depredadoras urbanizacións en construción e as escolas; renovar a devastación ambiental e todo tipo de negocios lucrativos, lícitos e ilícitos, “castigados” pola pandemia; as xigantescas aglomeracións humanas e a segregación social e espacial; en poucas palabras, o cotián capitalista, nun contexto grave e incerto onde o mundo se aproxima aos 5 millóns de casos declarados da epidemia.

 Os empresarios e capitalistas, donos dos negocios e dos medios de produción e de consumo, así o están demandando en todo o mundo sen importar a vida das persoas e invocando falsas ideas e teorías fatalistas como a da “inmunidade de rabaño” do epidemiólogo sueco, Johan Giesecke, que reza que: “O coronavirus propágase como un incendio e non importa o que un faga, todos se van contaxiar” e ilustra coa figura mediática de que: “O virus está tratando de infectar á poboación, iso é o que o virus quere facer. Se a suficiente cantidade de xente está inmunizada ao redor de alguén co virus, entón o virus non pode infectar. Esa é unha forma de explicar a inmunidade de rabaño” que, engadimos, foi un fracaso nese país como o mostran as cifras cando as comparamos con outros países exitosos a nivel mundial no control da pandemia como Cuba e Venezuela -esta con 290 casos activos e 10 mortos en todo o que vai da pandemia, a pesar do criminal acoso, das ameazas e o bloqueo económico, marítimo, financeiro e comercial imposto a esta nación soberana polo goberno norteamericano- e que están moi afastados daquela teoría. Así, por exemplo, mentres que en Cuba, con pouco máis de 11 millóns de habitantes, e Suecia con 10; no primeiro país, faleceron ao día de hoxe (20 de maio) 79 persoas con 270 infectados ou activos, no segundo os números son: 3.831 e 22.721 respectivamente. Pero o sistema e os medios hexemónicos de comunicación e os seus ideólogos prefiren seleccionar como “exemplo” ou “modelo2 a Suecia, e publicitalo, aínda que sexa o menos adecuado ocultando, ao mesmo tempo, as advertencias da OMS de que pode vir un novo surto da Covid-19, como en Estados Unidos nos estados que abriron de xeito precipitado e irresponsábel como en Europa.

 Baixo o eslogan: “é un momento de preparación, non de celebración”, a OMS advertiu de que hai moitas probabilidades de que se poida rexistrar un perigoso segundo surto da epidemia Covid-19 nas próximas semanas, aínda máis mortífero que o da primeira etapa e que puidese coincidir co sarampelo e a gripe estacional. Así mesmo o organismo internacional da saúde sinalou que, aínda que se rexistrou unha relativa diminución de casos da Covid-19 en países como Francia, Italia (este último anunciou que vai abrir as súas fronteiras) e Gran Bretaña, iso non significa, de ningún modo, que a pandemia estea chegando á súa fin, e puxo como mostra o feito de que o epicentro do surto europeo se trasladou cara ao leste europeo con crecementos exponenciais en Rusia, Ucraína, Kazakshtán e Bielorrusia. Por iso, na súa 73ª Asemblea celebrada o 18 de maio de 2020 de xeito virtual, o director da OMS insistiu e alertou sobre o perigo da apertura precipitada das actividades económicas e lucrativas que puidesen causar novos surtos con consecuencias descoñecidas para as poboacións.

 No caso de México, por exemplo -malia que o país rexistra máis de 49.000 contaxios e 5.177 falecidos- despois de 75 días en que se rexistrou o primeiro caso de coronavirus (28 de febreiro de 2020), o goberno reclasificou e catalogou como “actividades esenciais” para reactivalas ás industrias da construción, a minaría e a fabricación de equipo de transporte (fabricación de equipo e industria automotriz e de autopartes maioritariamente propiedade de empresas trasnacionais, xustamente as que requiren e demandan as cadeas e procesos produtivos de valor e de plusvalía de Estados Unidos para “reactivar” a súa economía a custa dos traballadores mexicanos e da súa segura exposición á infección do coronavirus (Forbes, “México inicia reapertura presionado por EU e con promedio elevado de contagios”, 18 de maio de 2020, en: https://www.forbes.com.mx/economia-mexico-inicia-reapertura-presionado-por-eu-e-con-promedio-elevado-de-contagios-coronavirus/).

 É importante salientar que esta apresurada “apertura” se dá no marco da próxima entrada en vigor do Tratado de Libre Comercio entre México, Estados Unidos e Canadá, coñecido como T-MEC, que o goberno da chamada Cuarta Transformación (4T) asumiu incondicionalmente. Para o anterior, o 13 de maio deste ano deu a coñecer o Plan de Reactivación Económica que contempla a imposición da “nova normalidade” no marco dunha política sanitaria supostamente enmarcada no inicio do “aplanamento da curva”, aínda que as infeccións e falecementos vaian in crescendo (o detalle en: https://www.adn40.mx/noticia/poder/notas/2020-05-13-06-58/amlo-presenta-el-plan-de-reactivacion-economica).

 O mesmo ocorreu en Europa onde, para moitos, apresuradamente O Estado español, Italia e Alemaña, entre outros, procederon a “flexibilizar” as medidas de corentena e de sa distancia. Pola súa banda, mentres que en América Latina, de acordo coa Organización Panamericana da Saúde (OPS), na última semana os contaxios por Covid-19 aumentaron 14%, alcanzando 2 millóns e máis de 120.000 defuncións, no que foi o “modelo” do FMI, Chile, onde o goberno represivo e neoliberal de Sebastián Piñera -que desde un principio minusvalorou a pandemia e fixo un chamamamento a que todo mundo se infectase para acabar con ela na mesma tónica esquizoide de Bolsonaro e Trump- viuse urxentemente obrigado, ao seu pesar, a decretar completamente a corentena a raíz do incremento en máis de 60% das infeccións dun día para outro entre a poboación. Deste xeito neste país o número total de contaxiados pasou de 37.040, o 14 de maio, a 47.781; e o de mortes de 369, no primeiro ano, a 450 uns días despois. Este caso, xunto co desastre de Brasil e de Estados Unidos que se converteron no cénit da pandemia mundial con miles e miles de mortos e infeccións activas, é un magnífico exemplo da rotunda creba do capitalismo (na súa fase neoliberal) imposto desde a época da ditadura de Pinochet e continuado a través dos sucesivos gobernos civil-autoritarios até a actualidade e onde máis dun millón de traballadores perderon os seus empregos nas últimas semanas, ao mesmo tempo que xente necesitada sae á rúa diariamente pola cidade de Santiago esixindo do goberno comida e atención sanitaria que nunca chega.

 O mundo pospandémico, que se está publicitando como a “nova normalidade”, e que xa emprenderon moitos países aínda sen superar a epidemia, certamente non será o mesmo que o da poscrise de 2008-2009 e o preexistente á pandemia. Pero tampouco o que pregoan moitas análises erradas que entrevén deixar atrás o neoliberalismo, pero sen abandonar o capitalismo, adoptando ao mesmo tempo unha sorte de “capitalismo máis humano” ou con rostro humano; unha especie de utópica socialdemocracia keynesiana cun welfare state providencial politicamente “neutral” no conflito de clases sociais.

 Hai que aclarar que o capitalismo crea o neoliberalismo, pero non á inversa, polo que aínda no incerto suposto de que o gran capital decida asumir “outros modelos de desenvolvemento” ou máis ben de des-desenvolvemento ao estilo do proteccionismo de Donald Trump ou do “modelo” británico do Brexit, ao prevalecer o modo de produción capitalista sustentado na explotación do traballo asalariado, na propiedade dos medios de produción, na acumulación e valorización do capital e no obxectivo persistente de operar fundamentalmente en función da obtención de cada vez maiores ganancias e rendementos, prevalecerán a desigualdade social, a precarización do traballo, a pobreza e os sistemas de dominación política represivos garantes da “gobernabilidad” da orde capitalista burgués en escala planetaria.

 Por mor do anterior, “...millóns de empresas crebarán, centos de millóns de persoas quedarán sen emprego, os salarios caerán, aumentará a concentración monopólica, a miseria e a desigualdade. Isto xa está sucedendo: segundo a OIT, a metade da forza laboral do mundo verá destruído o seu modo de vida, é dicir, 1.600 millóns de persoas. De 3.300 millóns de traballadores, 2.000 millóns son informais. Só nos Estados Unidos máis de 20 millóns de traballadores perderon os seus empregos en abril, levando a taxa de desemprego ao 14.7%, 33.5 millóns de desempregados en dous meses. A comezos de ano o desemprego era de 3.5%” (Patricia Lee, “Desglobalización en marcha: China podrá salvar al mundo otra vez”, Sputnik, 18 de maio de 2020, en: https://mundo.sputniknews.com/authors/patricia_le_wynne/).

 A “nova normalidade” restablece o funcionamento do capitalismo en crise, axústao ás novas circunstancias do mundo pospandemia e afonda nos seus trazos destrutivos e de barbarie. Por iso, será peor e indefectibelmente prevalecerá durante un tempo máis (meses, anos, décadas...), a menos que o capitalismo deixe de existir. Pero este non é, polo de agora, o caso nesta tráxica conxuntura devastadora e inmisericorde debido a que, até a data no noso tempo histórico, non se observan os suxeitos revolucionarios do cambio organizados para acometer esa tarefa. Porén, o futuro está aberto para a humanidade, principalmente para a traballadora que conforma a maioría da poboación do planeta.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de maio de 2020]