O final da orde mundial de posguerra

Julio C. Gambina - 07 Ago 2023

No debate especializado sobre a orde mundial comezou a falarse da fin dunha mundialización construída durante décadas baixo liderado estadounidense e da súa potencialidade económica, monetaria, militar e cultural

 As sancións unilaterais aplicadas polos Estados Unidos e os seus socios occidentais levan a unha nova institucionalidade global, asociada ao protagonismo crecente asumido por China.

 Esas sancións dificultan o comercio internacional, a circulación financeira e mesmo a produción en cadeas mundiais de valor. De feito, rachan coa dinámica de mundialización desenvolvida durante décadas baixo o programa liberalizador aperturista.

 Por iso sostemos que acontece unha crise das políticas de liberalización que fundamentaron as políticas hexemónicas no ámbito global desde fins dos anos sesenta e comezos do setenta.

 Estes problemas no curso da globalización económica pon en cuestión o papel do dólar e o conxunto da institucionalidade económica emerxente contra 1944 en Bretton Woods, e adquiren protagonismo certos ámbitos que buscan agora constituírse en substitutos.

 Un caso é nese sentido o BRICS, a articulación despregada neste século entre Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica.

 O común do BRICS a comezos do século é que se trataba de países emerxentes con potencialidade na recepción de investimento externo directo, favorecidos por unha gran poboación que podía ser contratada a baixo custo.

 Un detalle non menor é que a primeiros do século e mesmo terminada a primeira década, nin China tiña o peso que hoxe presenta na produción e circulación mundial, nin Rusia aparecía na escena global co peso que hoxe se lle asigna.

Pódese  afirmar que o BRICS medrou en potencialidade ante os problemas da economía mundial e moi especialmente da dinámica proteccionista nacionalista a partir da xestión Trump e a súa “America First”, contemporáneo do Brexit, procesos desenvolvidos na segunda década do século XXI.

 No debate especializado sobre a orde mundial comezou a falarse da fin dunha mundialización construída durante décadas baixo liderado estadounidense e da súa potencialidade económica, monetaria, militar e cultural.

 Manifestacións diso son o predominio produtivo de China e o seu crecente papel comercial, económico e financeiro no último tempo, mesmo, militar, ocupando o segundo lugar en gasto bélico, aínda lonxe dos EUA.

 Non se trata de pensar tanto entre as afinidades no seo dos BRICS e un conxunto de países que solicitan a súa incorporación, entre eles a Arxentina.

 O tema é que adquire vixencia e actualidade no debate sobre as relacións internacionais ante os límites ao comercio, á produción e ás finanzas por sancións explicitadas ante guerras monetarias, comerciais ou militares.

 Son debates que abonan a incerteza do rumbo da economía mundial e a función nese marco das moedas globais que está en disputa por se constituíren en expresión do diñeiro mundial, tentando desprazar o dólar, dominante desde o final da Segunda Guerra Mundial.

 

[Artigo tirado do sitio web Cronicón, do 6 de agosto de 2023]