Ante as noticias aparecidas estes días na prensa e os comunicados de CCOO Navantia Intercentros dun suposto acordo coa dirección sobre o plan de futuro da compañía, a representación da CIG e MAS na ría de Ferrol exixen que se aclare de inmediato estas informacións e, de confirmarse unha actuación de costas ao persoal, demandan a dimisión do presidente da empresa e da presidenta da SEPI.
As distintas seccións sindicais e federacións levan traballando tempo co obxectivo común de negociar o plan estratéxico, consolidar carga de traballo, impulsar un plan de emprego e garantir os investimentos necesarios para asegurar o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol. A convocatoria de eleccións xerais "fai aínda máis urxente acadar un acordo e por iso marcamos unha estratexia común e asumimos o compromiso de non actuar de maneira unilateral, co fin de preservar a unidade necesaria para facer fronte á dirección de Navantia e á SEPI”, apuntan a representación da CIG e MAS nun comunicado.
Porén, nestes días coñeceuse, a través de informacións de prensa e de comunicados de CCOO Navantia Intercentros, a existencia dun suposto acordo coa dirección de Navantia sobre o plan de futuro da compañía. “De ser certo, estariamos ante unha operación deseñada de costas ao cadro de persoal e á súa representación, cunha clara aposta por CCOO e cunha forma de proceder absolutamente inadmisíbel: con nocturnidade e aleivosía, pasando por riba da representación legal dos traballadores e traballadoras e amosando unha deslealdade inaceptábel”.
Neste contexto, instan a dirección de Navantia e de CCOO a que, se ese acordo existe, o fagan público de inmediato; e, no caso de non existir, que se desmintan con claridade as informacións difundidas. A incerteza sobre esta cuestión medra cando agora dende Comisións Obreiras afirman que non hai asinado.
Sentar a negociar coa representación legal
De actuarse deste xeito, CIG e MAS exixen responsabilidades e a dimisión do presidente da compañía e da presidenta da SEPI porque “o futuro dunha empresa pública e de milleiros de familias non pode manexarse con esta frivolidade. Se realmente existe vontade de desenvolver un plan destas características, só hai un camiño lexítimo: sentarse coa representación legal dos traballadores e traballadoras e negociar con transparencia, lealdade e respecto”.
Neste senso, denuncian tamén a responsabilidade do Goberno nesta maneira de proceder. “Non se pode xogar coas expectativas do cadro de persoal nin co futuro das comarcas afectadas por decisións desta transcendencia”.
No que respecta a CCOO, censuran que, “se finalmente se confirma esta información, só cabe concluír que volven actuar de costas aos traballadores e traballadoras, rompendo a unidade sindical e antepoñendo os seus intereses particulares á defensa colectiva do cadro de persoal”.