O futuro do traballo xa chegou: que facemos con el?

Laura Perelman - 19 Ago 2020

No contexto da pandemia de covid-19, a situación de precariedade dos traballadores quedou dramaticamente exposta. Aínda que a actividade foi declarada esencial na maioría dos países nos que se estableceron restricións á circulación, os traballadores continuaron desenvolvendo as súas tarefas sen protocolos adecuados nin provisión de materiais suficientes para o coidado e hixiene persoal por parte das empresas

 O mundo laboral está a ser revolucionado pola crise do covid-19, cunha perda significativa de postos de traballo e un incremento do desemprego a escala global. Ao mesmo tempo, as restricións á circulación e o medo ao contaxio propiciaron unha expansión acelerada e inédita do comercio a través de plataformas virtuais. Estas tendencias amplificaron formas de emprego que son subtraídas do dereito laboral baixo o eufemismo de «economía colaborativa». O impacto que o cambio tecnolóxico ten sobre o futuro do traballo xa era un eixo central de axenda nos foros internacionais e materia de controversia no plano normativo. Aínda que é difícil predicir como será o mundo pospandémico e que novos parámetros de normalidade se van impor, na metade de 2020 poderiamos dicir que «o futuro xa chegou» e, con el, a urxencia de establecer marcos regulatorios para que estas actividades non se convertan nun reduto de traballo precario e de baixa calidade.

 A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que no segundo trimestre de 2020 se perdeu o equivalente a 400 millóns de empregos a tempo completo a escala global e 55 millóns en América Latina. A extensión e profundidade da crise mostrou en forma descarnada as desigualdades sociais preexistentes e exhibiu a extrema vulnerabilidade dos traballadores informais que quedaron expostos na primeira liña de lume. Porén, non todo foi destrución e perdas. Segundo un estudo da consultora Kantar, a un mes de iniciada a pandemia o comercio electrónico en América Latina medrara preto de 400%. En marzo de 2020, en Arxentina 30% dos compradores utilizaron esta modalidade por primeira vez e 73% afirmou que o volvería a facer.

 As plataformas de delivery [de reparto] foron tamén grandes gañadoras na pandemia. Incluídas dentro dos servizos esenciais, non só se beneficiaron dun maior volume de demanda dos servizos de repartición e compra de produtos básicos, senón que incrementaron as súas ganancias impondo maiores comisións a locais gastronómicos que pasaron a depender case exclusivamente do sistema de envíos.

 O desenvolvemento de plataformas dixitais promoveu novos modos de comprar e vender bens e servizos, mais tamén o xurdimento de modelos de negocios baseados en emprego a demanda. Este segmento é liderado por aquelas empresas que congregan o maior número de usuarios e, deste xeito, monopolizan o que Nick Srnicek definiu no seu libro Capitalismo de plataformas como «efectos de rede»: a captación dun maior volume de usuarios por unha plataforma incentiva á vez que outros se sumen e, deste xeito, obtense un maior potencial de vínculos e transaccións nela. A cara oculta do fluxo de transaccións é a extracción dos datos que fornecen os mesmos usuarios e que constitúen parte dos activos intanxíbeis das empresas.

 No caso das plataformas de delivery, a unidade de negocios está lonxe de se limitar a unha tarefa de loxística, senón que son elas mesmas unha tenda multifuncións online, ofrecen o servizo de compra e facturan e provén información sobre perfís de consumidores. Á súa vez, os negocios que ingresan nas plataformas amplían o seu universo potencial de clientes, quen en moitos casos primeiro entran nunha app e logo deciden entre o menú de opcións que esta lles brinda en forma xerarquizada. A pesar desta complexa armazón organizativa, as plataformas preséntanse como provedoras dun servizo de intermediación a través dun soporte informático e, agás algunhas excepcións, só recoñecen como asalariados os traballadores cualificados ou altamente cualificados que desempeñan actividades de desenvolvemento de software, atención ao cliente, finanzas e mercadotecnia.

 Este esquema compacto ten como contracapa unha demanda intensiva de traballo na actividade de comercialización e distribución baixo a figura do traballador autónomo. As plataformas convocan os traballadores baixo eufemismos tales como «socios» ou «colaboradores» e promocionan un réxime de autonomía no cal os repartidores poden realizar a actividade cando queiran, á hora que queiran e mesmo mentres gozan da paisaxe da súa cidade. En realidade, os traballadores, lonxe de gozaren da autonomía prometida, están sometidos a parámetros de rendemento e de cualificacións que os coaccionan a estar sempre dispoñíbeis cara a demanda das plataformas. A xestión algorítmica substitúe o control laboral directo por un sistema de control virtual que, mediante rankings ou puntaacións personalizadas, condiciona os pedidos que recibe o traballador e as tarifas que cobra. Como contrapartida, para a maioría dos traballadores as xornadas de traballo son de oito ou nove horas diarias de media durante varios días á semana. Moitos deles afrontan este ritmo intenso con escasa cobertura fronte a accidentes e riscos laborais. No seu carácter de traballadores independentes, non teñen garantida unha retribución mínima e deixan de percibir ingresos fronte a continxencias como enfermidades e/ou accidentes.

 Isto constitúe unha alerta sobre as consecuencias que pode ter a expansión destas modalidades de emprego, na medida en que se tenda cara a unha polarización extrema nas condicións dos traballadores, cun polo altamente cualificado e amparado polas proteccións do dereito laboral e outro con baixos requirimentos de cualificación, doadamente substituíbel e excluído da normativa laboral. No contexto da pandemia de covid-19, a situación de precariedade dos traballadores quedou dramaticamente exposta. Aínda que a actividade foi declarada esencial na maioría dos países nos que se estableceron restricións á circulación, os traballadores continuaron desenvolvendo as súas tarefas sen protocolos adecuados nin provisión de materiais suficientes para o coidado e hixiene persoal por parte das empresas.

 En resposta a esta situación, organizacións que representan a estes traballadores convocaron xa a tres paros internacionais de repartidores de Rappi, Glovo, Pedidos Ya e Uber Eats, que contaron coa adhesión de organizacións en Brasil, Chile, Ecuador, Costa Rica, Arxentina e México, co obxectivo de visibilizar a flagrante contradición que implica que un colectivo altamente precarizado sexa á súa vez considerado entre os traballadores esenciais. As demandas dos traballadores apuntan a dereitos laborais básicos como un ingreso mínimo e adicionais por traballo esencial, límites á extensión da xornada laboral, recoñecemento do covid-19 como enfermidade profesional, provisión por parte das empresas de elementos de hixiene e seguridade, e cobertura en caso de accidentes e enfermidade.

 Estas experiencias organizativas obtiveron a súa fortaleza da súa capacidade de convocatoria e mobilización a través de redes sociais a escala internacional, capitalizando os beneficios que, paradoxalmente, trae a conectividade dixital nunha actividade que se desenvolve en forma atomizada e dispersa. Así e todo, no terreo local as accións dos traballadores ven limitadas pola ameaza latente de bloqueo que as plataformas exercen sobre quen se prega ás medidas, dado que son facilmente substituíbeis debido á facilidade de entrada que as empresas permanentemente ofrecen a quen estean interesado, un número crecente de persoas nun contexto crítico como o actual. Se un traballador rexeita un pedido, hai unha fileira en liña esperando para collelo no seu lugar. Esta situación agrávase pola falta de recoñecemento do vínculo laboral que une os traballadores coas empresas, como así tamén do seu dereito a organizarse sindicalmente.

 Así mesmo, no marco das urxencias que presenta a actual conxuntura, a Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires aprobou unha normativa para regular a actividade dos repartidores a través de plataformas dixitais que deu resposta a algunhas demandas. Entre elas, a extensión da cobertura de seguros, a imposición de límites aos sistemas de incentivos e castigos impostos polas plataformas e que redundan nunha intensificación do traballo e o consecuente perigo de experimentar accidentes viarios. Como un signo de época, a normativa incluíu a obriga de entregar aos repartidores elementos de seguridade e hixiene como cascos, máscaras e xel hidroalcólico. Porén, indo a unha cuestión máis de fondo, esta normativa podería implicar un antecedente negativo en materia regulatoria, xa que valida a figura de intermediarias das plataformas, eximíndoas das obrigas laborais e depositando en maior medida as responsabilidades sobre os traballadores, que deben tramitar eles mesmos, de xeito independente, un permiso para desenvolver a actividade.

 A determinación do status destes traballadores é chave para establecer dereitos e prestacións en termos de protección social, representación colectiva, tempo de traballo e descanso, extensión da xornada laboral, fixación de escalas mínimas de ingresos, cobertura fronte a riscos laborais e licencias pagas. Queda en axenda de debate a necesidade (ou non) de introducir estatutos especiais para regular estas novas formas de emprego, que incorporen esquemas de traballo flexíbeis que impliquen o dereito a se conectar e desconectar das aplicacións co fin de lograr unha maior compatibilidade entre o traballo e outras dimensións da vida persoal. Este é, sen dúbida, outro dos temas de axenda das novas formas de traballo que xeran as tecnoloxías dixitais.

 O impacto do cambio tecnolóxico no mundo do traballo non se reduce, logo, a un simple exercicio de contabilidade entre empregos que se destrúen e empregos que se crean, senón que á vez pon en xogo ou interpela, entre outros, os modos en que se organiza o traballo e as normas que regulan as relacións laborais. En definitiva, estamos a falar sobre a cantidade e calidade do emprego, dous aspectos que están intimamente vinculados.

 A tecnoloxía non é mala nin boa per se. Á vez que pode liberar á humanidade de traballos monótonos e perigosos, pode xerar maiores niveis de eficiencia na produción e nas transaccións. Pode ser utilizada cun gran potencial de comunicación e organización para os traballadores, pero tamén redundar en procesos de control, atomización dos colectivos laborais e enfraquecemento das redes de protección social. O que si está claro é que sen intervención regulatoria, os beneficios da dixitalización da economía recaerán sobre uns poucos gañadores.

 

[Artigo tirado do sitio web Nuso, de agosto de 2020