O Goberno municipal de Fene expresa o seu apoio as reivindicacións do persoal de Veolia-Viaqua

O comité intercentros está desenvolvendo unha rolda de contactos cos concellos que teñen o servizo de auga concesionado coa empresa, de cara á folga do 30 de xuño
Fene - 26 Xun 2026

O Goberno municipal de Fene trasladou a o seu apoio ás reivindicacións do persoal de Viaqua no decurso da xuntanza celebrada onte coa súa alcaldesa, a nacionalista Sandra Permuy, e fai un chamamento á empresa para que intensifique o diálogo co obxectivo de acadar un acordo que permita resolver o conflito laboral aberto.

Esta mostra de apoio prodúcese no marco da rolda de contactos que o comité intercentros está a manter cos preto de 50 concellos nos que Veolia-Viaqua presta o servizo de abastecemento e saneamento de auga. Unha iniciativa coa que a representación do persoal pretende explicar ás administracións locais a situación da negociación do convenio colectivo e as razóns que levaron á convocatoria de paro para o vindeiro día 30 de xuño.

O executivo local considera fundamental que as diferenzas entre as partes se resolvan mediante o diálogo e a negociación, garantindo unhas condicións laborais dignas para o persoal e a prestación dun servizo público de calidade á veciñanza.

Negociación bloqueada

O comité intercentros denuncia que a negociación do convenio permanece practicamente bloqueada pola actitude da dirección de Veolia-Viaqua, á que acusa de manter unha posición inflexible e de rexeitar melloras laborais baixo o argumento de que os salarios do persoal reducen a competitividade da empresa nos concursos públicos. Unha xustificación que a representación sindical considera inaceptable tratándose dunha multinacional.

Entre as principais reclamacións do persoal figuran o mantemento da xubilación parcial, a recuperación e garantía do poder adquisitivo mediante incrementos salariais vinculados ao IPC, a equiparación da antigüidade e dos salarios entre áreas de actividade, a mellora das condicións do persoal administrativo, o incremento das compensacións por gardas, traballos penosos e festivos, así como a redución da xornada laboral para adaptala ás novas realidades do sector.