O Goberno municipal de Miño vota en contra da moción de apoio ás traballadoras da Escola Infantil
Coincidindo coa celebración do Pleno municipal no que se debatía e votaba unha moción sobre o conflito na Escola Infantil "A Ceboliña", a CIG realizou unha nova concentración diante da Casa do Concello de Miño para esixir o cese da persecucións, que se respecten os dereitos das traballadoras do centro e a readmisión da educadora despedida en represalia por reclamar os seus dereitos.
A protesta celebrouse antes de iniciarse o Pleno municipal, no que estiveron presentes varias traballadoras da Escola Infantil para seguir o debate da moción a través da que se demandaba o inicio inmediato da tramitación dun novo expediente de contratación publica para a prestación do servizo, que se sancione á Novo Alicerce (a empresa que xestiona a escola) polos reiterados incumprimentos e que, por este motivo, se lle impida participar na licitación.
Porén, a iniciativa só recibiu o respaldo dos seis concelleiros e concelleiras do PSOE (grupo que presentou a moción), mentres que o PP (tamén con seis edís) e o alcalde (Grupo Mixto) votaron en contra da mesma. Por parte da formación popular nin sequera quixeron intervir no debate, mentres que o alcalde referiuse á importancia que ten para o Concello este servizo no que, afirmou, xa se 'produciron melloras' segundo un informe solicitado á empresa. Informe para o que, cómpre destacar, non se contou co parecer das traballadoras.
Sobre o conflito laboral, recorreu á manida escusa de que a Administración non pode intervir xa que se trata dun problema entre a empresa e as traballadoras. Así mesmo, o alcalde avanzou que o Concello vén de iniciar o proceso para a licitación do novo concurso, "polo que non entendemos o motivo para votar en contra da moción", apunta Alberte Amado, representante da CIG.
Situación de prórroga do contrato
Hai que lembrar que Novo Alicerce se atopa nunha situación de prórroga de contrato e estanse a abonar facturas mensuais con reparos da interventora municipal por incumprir a normativa en materia de contratación publica. Pero ademais, dende hai máis de medio ano estanse producindo situacións de acoso laboral, incumprimentos reiterados do convenio, atrasos no pagamento dos salarios, e a empresa mesmo despediu a unha educadora por ter reclamado os seus dereitos e xusto despois de comunicarse a convocatoria de eleccións sindicais na escola.
Malia terse posto en coñecemento do Concello en reiteradas ocasións a situación laboral e o incumprimento das condicións recollidas nos pregos, até o momento non só non se produciu ningunha mellora, senón que incluso o nivel de presión e acoso se incrementou até o punto de que das sete traballadoras da escola, catro están de baixa médica.
Estas irregularidades tamén foron denunciadas tanto na Inspección de Traballo como na Consellaría de Política Social e na de Educación.