O golpe en Bolivia: cinco leccións

Atilio A. Boron - 12 Nov 2019

A seguridade e a orde pública non deberon ser nunca confiadas en Bolivia a institucións como a policía e o exército, colonizadas polo imperialismo e os seus lacaios da dereita autóctona

 A traxedia boliviana amosa con elocuencia varias leccións que os nosos pobos e as forzas sociais e políticas populares deben aprender e gravar nas súas conciencias para sempre. Aquí, unha breve enumeración, sobre a marcha, e como preludio a un tratamento máis polo miúdo no futuro.

 Primeiro, que por máis que se administre de xeito exemplar a economía como o fixo o goberno de Evo, garántase crecemento, redistribución, fluxo de investimentos e se melloren todos os indicadores macro e microeconómicos, a dereita e o imperialismo endexamais van aceptar un goberno que non se poña ao servizo dos seus intereses.

 Segundo, hai que estudar os manuais publicados por diversas axencias de EEUU e os seus voceiros disfrazados de académicos ou xornalistas para poder percibir a tempo os sinais da ofensiva. Eses escritos invariabelmente salientan a necesidade de devastar a reputación do líder popular, o que na linguaxe especializada se chama asasinato do personaxe (“character assassination”) cualificándoo de ladrón, corrupto, ditador ou ignorante. Esta é a tarefa confiada a comunicadores sociais, autoproclamados como “xornalistas independentes”, que a favor do seu control case monopólico dos medios tradean o cerebro da poboación con tales difamacións, acompañadas, no caso que nos ocupa, por mensaxes de odio dirixidos en contra dos pobos orixinarios e os pobres en xeral.

 Terceiro, cumprido o anterior chega a quenda da dirección política e as elites económicas reclamando “un cambio”, poñer fin á “ditadura” de Evo que, como escribira hai uns días o impresentábel Vargas Llosa, aquel é un “demagogo que se quere eternizar no poder”. Supoño que estará brindando con champagne en Madrid ao ver as imaxes das hordas fascistas saqueando, incendiando, encadeando xornalistas a un poste, rapando a unha muller alcalde e pintándoa de vermello e destruíndo as actas das pasadas eleccións para cumprir co mandato de don Mario e liberar a Bolivia dun maligno demagogo. Menciono o seu caso porque foi e é o inmoral portaestandarte deste ataque vil, desta felonía sen límites que crucifica liderados populares, destrúe unha democracia e instala o reinado do terror a cargo de bandas de sicarios contratados para escarmentar un pobo digno que tivo a ousadía de querer ser libre.

 Cuarto: entran en escena as “forzas de seguridade”. Neste caso estamos falando de institucións controladas por numerosas axencias, militares e civís, do goberno de Estados Unidos. Estas adéstranas, ármanas, fan exercicios conxuntos e edúcanas politicamente. Tiven ocasión de comprobalo cando, por invitación de Evo, inaugurei un curso sobre “Antiimperialismo” para oficiais superiores dos tres corpos armados. Nesa oportunidade quedei abraiado polo grao de penetración das máis reaccionarias consignas norteamericanas herdadas da época da Guerra Fría e pola non disimulada carraxe causada polo feito que un indíxena fose presidente do seu país. O que fixeron esas “forzas de seguridade” foi retirarse de escena e deixar o campo libre para a descontrolada actuación das hordas fascistas -como as que actuaron en Ucraína, en Libia, en Iraq, en Siria para derrocar, ou tratar de facelo neste último caso, a líderes molestos para o imperio- e dese xeito intimidar a poboación, a militancia e as propias figuras do goberno. Ou sexa, unha nova figura sociopolítica: golpismo militar “por omisión”, deixando que as bandas reaccionarias, recrutadas e financiadas pola dereita, impoñan a súa lei. Unha vez que reina o terror e ante a indefensión do goberno o desenlace era inevitábel.

 Quinto, a seguridade e a orde pública non deberon ser nunca confiadas en Bolivia a institucións como a policía e o exército, colonizadas polo imperialismo e os seus lacaios da dereita autóctona. Cando se lanzou a ofensiva en contra de Evo optouse por unha política de pacificación e de non responder ás provocacións dos fascistas. Isto serviu para lles dar azos e subir a aposta: primeiro, esixir segunda volta electoral; despois, fraude e novas eleccións; enseguida, eleccións pero sen Evo (como en Brasil, sen Lula); máis tarde, renuncia de Evo; finalmente, ante o seu rexeitamento a aceptar a chantaxe, sementar o terror coa complicidade de policías e militares e forzar a Evo a renunciar. De manual, todo de manual. Aprenderemos estas leccións?

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 10 de novembro de 2019]