O imperio norteamericano: unha economía de guerra e as súas tres ameazas á paz mundial

Aníbal Garzón - 05 Abr 2022

Máis aló das ameazas de Estados Unidos contra Rusia e China, dous países que teñen hoxe unhas relacións de amizade e cooperación que non tiveron durante a Guerra Fría, existe outra fronte expansionista do imperio; bloquear a unha potencia rexional en Oriente Medio, Irán

 En agosto de 2021, Estados Unidos puña fin á súa retirada de tropas militares de Afganistán. O que era visto como unha derrota do imperio deixaba de lado unha lectura profunda dunha mudanza súa estratexia expansionista. Uns meses despois, en decembro do mesmo ano, Joe Biden asinou un orzamento militar de 778.000 millóns de dólares mediante a aprobación da Lei de Autorización de Defensa Nacional 2022, aumentándoo un 5% respecto ao ano anterior con Donald Trump na Casa Branca. O aumento do gasto militar non remata aquí. Xustamente este 28 de marzo Biden presentou unha solicitude para o orzamento militar de 2023 coa cifra de 813.000 millóns de dólares, un medre dun 4%. Segundo o Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (SIPRI), en 2020 o orzamento militar norteamericano era o 39% do gasto mundial.

 Entre os seus custos está manter os seus permanentes 840 bases militares en máis de 70 países do mundo, segundo datos recompilados polo profesor David Vi da American University de Washington; os seus 173.000 soldados esparexidos en 159 países do mundo en 2020, como reflicte un informe do Conflict Management and Peace Science Journal; o mantemento da súa macro sede central militar do Pentágono; a súa Armada de máis de 490 barcos e 3.900 aeronaves; as súas armas nucleares; ou as súas infraestruturas tecnolóxicas, comunicativas e satelitais, entre outros compoñentes da súa andamiaxe militar. A dúbida é, se finalmente Estados Unidos se retiraba de Afganistán e ao mesmo momento aumentaba o seu gasto militar de xeito exponencial, cales son os novos obxectivos do imperio norteamericano? Existen hoxe tres frontes do imperio norteamericano que ameazan a paz mundial.

Estados Unidos apunta a Rusia para dominar Europa

 A primeira fronte é cara a Rusia. Cunha Rusia de volta ao escenario internacional como potencia, tras os seus anos de transición desde a caída da URSS, convértese nunha ameaza para a unipolaridade que defende de xeito ferreño Estados Unidos. A diferenza da URSS, Putin levou a cabo unha política máis pragmática nas relacións internacionais de Moscova, estreitando lazos comerciais e políticos con países do “Eixe do Mal” do imperio, desde Cuba, Belarús, Venezuela, Irán, Nicaragua, Corea do Norte ou Siria, entre outros; con países membros da OTAN como Turquía ou Hungría; con réximes aliados de Estados Unidos como Israel ou Arabia Saudita; con países africanos con relacións históricas desde a URSS como Alxeria, ou críticos actualmente co xugo neocolonial francés como o caso de Malí e outros países da rexión do Sahel; pero, sobre todo, coas potencias emerxentes mundiais a favor dunha nova orde mundial, os países BRICS (Brasil, Rusia, A India, China, Sudáfrica). Por todo isto, non é casualidade que 5 países (sumando a Venezuela como sexto ao non poder votar na Asemblea Xeral da ONU) se negasen a condenar a Rusia na Asemblea Xeral da ONU pola súa operación militar en Ucraína, ademais de 35 abstencións, entre elas China e A India, dun total de 181 votos. Rusia non está soa no mundo, como din medios occidentais.

 Máis aló das relacións de Rusia con América Latina, África, ou Asia, a maior preocupación para Estados Unidos foi os seus crecentes vínculos co seu principal aliado, a Unión Europea, a maioría dos seus países membros tamén integrantes da OTAN. Por proximidade continental as relacións comerciais entre Rusia e a Unión Europea aumentaron considerabelmente desde a caída do Muro de Berlín, chegando mesmo a concluír megaproxectos entre Alemaña e Rusia, como o Nord Stream 2 de Gazprom para ampliar a exportación de gas ruso a Europa. Cunha Rusia e Europa máis interconectadas isto ameaza a unipolaridade e hexemonía do imperio norteamericano, e mesmo a mesma existencia da OTAN, xa que en 2018 Merkel e Macron empezaron a falar timidamente de crear un exército europeo común.

 O principal obxectivo xeopolítico de Estados Unidos foi romper esa relación entre Europa e Rusia, e Ucraína (ben coñecida polo fillo de Biden, Hunter Biden, que traballou na principal empresa de gas ucraína, Burisma, entre 2014 a 2019) era a mellor peza para facer o xaque. Un país lindeiro con Rusia e con dúas culturas políticas con posibilidades de enfrontamento, a pro-rusa de Oriente e a pro-europea de Occidente. O Golpe de Estado da extrema dereita en Ucraína en 2014 apoiado por Estados Unidos contra o goberno pro-ruso de Victor Yanukóvich, coñecido o golpe en Occidente como Euromaidan, sería o inicio dunha sinerxía de sucesos que levarían ao empeoramento de relacións da UE con Rusia; sancións económicas e comerciais, restricións políticas, e sobre todo a inestabilidade xeopolítica e militar en Europa despois dos acontecementos de Crimea e a guerra na rexión de Donbass. A Estados Unidos faltáballe conseguir a ruptura total de relacións entre a UE e Rusia, para consolidar a súa dominación, unha vez máis, sobre unha Europa perdida. O proxecto de anexionar Ucraína na OTAN, pasando por riba unha vez máis o imperio norteamericano do discutido Acordo Baker-Gorbachov de 1990, sería a clave para provocar a Rusia e xerar un conflito armado en chan europeo. Un conflito armado que levaría á pedra angular, a suspensión do proxecto Nord-Stream 2 para provocar un aumento da dependencia enerxética de Europa do gas natural licuado de Estados Unidos, e poder aumentar Estados Unidos o seu investimento no fracking. Un conflito armado que finalmente borraría a ilusión dalgúns líderes europeos de crear un exército común propio e comprometería a todos os países da OTAN a investir o 2% do seu PIB no orzamento militar ao ver agora a Rusia como unha ameaza próxima. Unha xogada da economía de guerra de Estados Unidos para illar máis a Rusia, pero finalmente unha gran derrota para Europa. Mentres Rusia mirará agora máis para Asia (aliados como a India ou China) Europa quedará máis subxugada ao imperio norteamericano.

Estados Unidos ameaza a China para non perder a súa hexemonía mundial

 O país que disputa hoxe o papel de superpotencia mundial económica con Estados Unidos non é Rusia, que é máis potencia militar, senón China segundo indicadores e estimacións do PIB polo FMI. O xigante asiático é actualmente o maior socio comercial do mundo. Non só quedou claro que China está no punto de mira dos Estados Unidos cos aberrantes chíos e discursos sinófobos de Trump durante a súa presidencia entre 2016 a 2020, senón que hoxe se confirmou cunha maior e agresiva escalada armamentística de Biden contra o país asiático. O mesmo crecemento exponencial do orzamento militar de Biden está enfocado en disuadir a China contra o proxecto da Nova Orde Mundial. China vén dun paradigma histórico a favor do multilateralismo pola súa participación na Conferencia de Bandung de 1955, onde se criticou os dous bloques hexemónicos na Guerra Fría, o soviético e o norteamericano.

 Xustamente hoxe existe a pugna entre a cada vez máis vella Orde Mundial (unipolar tras a caída da URSS e a consolidación de Estados Unidos como única superpotencia) e a Nova Orde Mundial (multipolar, con bloques rexionais non só occidentais). Como dixo Gramsci, estamos na fase transitoria do “vello non acaba de morrer e o novo non acaba de nacer”.

 Estados Unidos fixo dous movementos militares que puxeron en ameaza a China. En primeiro lugar, en setembro de 2021, asinouse entre Estados Unidos, Australia e o Reino Unido, o coñecido pacto militar AUKUS. Un pacto da carreira armamentística de Estados Unidos para construír en Australia submarinos de propulsión nuclear para ameazar a influencia de China no Indopacífico. Un pacto que volveu deixar fóra de xogo a Europa ao quedar caduco un acordo de 50.000 millóns de dólares australianos para fabricar submarinos franceses para Australia. En segundo lugar, a confirmación da presidenta de Taiwán, Tsai Ing-wen, sobre o adestramento de tropas norteamericanas na mesma illa. Unha inxerencia que xera unha crise política entre China e Taiwán para beneficio, finalmente, de Estados Unidos. Este movemento, ademais, foi fortalecido por un novo plan entre Estados Unidos e o seu aliado asiático, Xapón, de levar a cabo unha operación conxunta contra China se se acentúa un conflito entre o xigante asiático e Taiwán.

 Todos estes movementos de Estados Unidos en Asia buscan cercar a China ao aumentar tensións e problemas rexionais para evitar así a súa consolidación como potencia emerxente, tanto política como militar a nivel mundial, e o imperio norteamericano non perder a súa hexemonía no escenario internacional.

Estados Unidos e a Cimeira do Mal contra Irán

 Máis aló das ameazas de Estados Unidos contra Rusia e China, dous países que teñen hoxe unhas relacións de amizade e cooperación que non tiveron durante a Guerra Fría, existe outra fronte expansionista do imperio; bloquear a unha potencia rexional en Oriente Medio, Irán.

 Estados Unidos en maio do 2018 abandonou o pacto multilateral coñecido como o G5 1 e iniciado en xullo de 2015 polos membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU (Francia, Rusia, China, Reino Unido, Estados Unidos) ademais de Alemaña, para levar a cabo un proceso de desnuclearización da República Islámica de Irán co fin de levantar o bloqueo económico. Irán e Israel son dous países en disputa permanente desde 1979, e Estados Unidos é o aliado histórico de Israel. Coa saída do pacto multilateral, Estados Unidos deixou claro que non acepta o novo mundo multipolar e iniciou o seu proceso expansionista unilateral na rexión contra Irán.

 En xaneiro de 2020, Trump e o líder do réxime sionista de Israel, Benjamin Netanyahu, asinaron un acordo coñecido como “Pacto do Século”, un suposto plan de “paz” para Israel e Palestina onde incoherentemente non participou ningún representante de Palestina. Máis que un plan de paz é un plan de provocación cara a Irán, aliado de Palestina, e Siria, ao considerar o mesmo acordo que os territorios do Alto Golán, pertencentes a Siria e ocupados por Israel, son parte do réxime sionista. Unha decisión que viola a Resolución 242 do Consello de Seguridade das ONU.

 Tras este pacto producíronse diferentes movementos de Estados Unidos para conseguir que Israel establecese relación con países árabes da rexión, unha estratexia de ameaza cara a Irán. En agosto de 2020 Israel asinou un acordo histórico, a formalización de relacións cun primeiro país no Golfo Pérsico, os Emiratos Árabes, tras un acordo negociado polos Estados Unidos. Un novo pacto que rompía co convenio histórico dos países árabes da rexión de non atar lazos con Israel até a creación dun Estado Palestino. Até o momento, na rexión, só Exipto formalizara relacións con Israel en 1979, e Xordania en 1994. Un mes despois, pronunciouse a onda expansiva da estratexia de Estados Unidos conseguindo tamén a normalización de relacións entre Israel e Bahrein. A mensaxe de Estados Unidos contra Irán quedou claro co protocolo do asinamento dos acordos de Israel con Emiratos Árabes e Bahrein, coñecidos como os Acordos de Abraham, asinados o mes de setembro no mesmo escenario da Casa Branca.

 O plan non quedaría aí, en decembro de 2020 Estados Unidos aceptou o Sáhara Occidental como territorio autónomo marroquí, violando tamén criterios da comunidade internacional. En concreto a Resolución 690 da ONU de 1991 que recoñece o dereito do pobo saharauí á súa libre determinación ao ser un dos 17 territorios do mundo en proceso de descolonización. Tras este agasallo do imperio norteamericano á monarquía de Marrocos, o réxime de Mohamed VI, dous días despois Marrocos restableceu relacións co réxime sionista de Israel. Un acordo de base que levou uns meses despois, en novembro de 2021, a outro acordo histórico militar, tanto en intelixencia como seguridade, entre Marrocos e Israel. Co xesto de Estados Unidos a Marrocos, España, que é segundo a ONU o responsábel do territorio do Sáhara Occidental no seu proceso de descolonización como ex metrópole antes da ocupación de Marrocos en 1975, acabou obedecendo as ordes de Washington, o seu xefe na OTAN, e traizoando o pobo saharauí e a comunidade internacional.

 Mentres a República Islámica de Irán buscou manter e fortalecer relacións con países da rexión como Qatar, Siria, Palestina, ou o Líbano, e mesmo con Arabia Saudita, malia as súas disputas no conflito de Iemen, como fenda rexional ao bloqueo de Estados Unidos e as ameazas de Israel ao país persa, o imperio norteamericano respondeu con achegar a Israel a estreitar cooperación con Emiratos Árabes, Bahrein, e Marrocos. Non soamente foron relacións de xeito bilateral, senón que se deu un paso máis aló, establecer unha nova entidade rexional contra un inimigo común, Irán. Esta semana fundouse a histórica Cimeira de Neguev, chamada por Irán a “Cimeira do Mal”, entre 4 países árabes, Emiratos, Bahrein, Marrocos e Exipto, ademais de Israel, e Estados Unidos coa presenza do secretario de Estado Anthony Blinken. Unha cimeira que busca configurar unha ameaza rexional contra Irán como presión para conseguir non formalizar o “Plan de Acción Integral Conxunta” ou Acordo de Viena entre o G4 1, acordo do que se retirou Estados Unidos (antes G5 1) como boicot para seguir bloqueando a Irán.

 Estados Unidos segue o seu expansionismo contra Rusia, China e Irán, sen esquecer endexamais a súa inxerencia constante no Patio Traseiro de América Latina, aínda que non sexa o tema central, por non aceptar que a súa hexemonía está en decadencia nunha Nova Orde Mundial multipolar. Non veñen bos tempos na xeopolítica internacional. A agresividade unipolar do imperio norteamericano co crecemento do seu negocio da economía de guerra demóstranolo hoxe. A dúbida é, con todo isto, que futuro próximo temos diante toda, e digo toda, a comunidade internacional?

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 1 de abril de 2022]