A sección sindical da CIG en Stellantis vén de informar de que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) determinou a responsabilidade empresarial na enfermidade profesional dun traballador, establecendo un recargo do 30 % nas prestacións. A resolución sinala como causa determinante da doenza non cambiar o afectado, afiliado da central, dun posto que non estaba adaptado ás súas condicións, poñendo en evidencia as deficiencias da política preventiva da compañía de automoción viguesa.
A CIG leva tempo denunciando a situación de desprotección que sofren as persoas traballadoras da fábrica ante uns ritmos e unhas cargas de traballo que favorecen a aparición de lesións músculo-esqueléticas, especialmente pola elevada frecuencia de movementos repetitivos e a falta de tempos de recuperación suficientes.
Dende a CIG-Stellantis animan a todas as persoas traballadoras que padezan lesións ou enfermidades relacionadas co seu posto de traballo a que non renuncien aos seus dereitos
Xa que mentres noutras empresas do sector do automóbil se adoptan medidas para controlar os ritmos de traballo e evitar o incremento das cargas nos postos, en Stellantis continúan producíndose situacións que evidencian graves deficiencias na prevención de riscos laborais. Unha realidade que contrasta co elevado índice de absentismo por incapacidade temporal existente na fábrica.
En xullo de 2024, a sección sindical da CIG facía público o recoñecemento polo INSS dunha enfermidade profesional a un afiliado, despois de tramitar un cambio de continxencias. O traballador decidiu ir máis alá e presentar unha solicitude de recargo de prestacións contra a empresa, ao considerar que a enfermidade tiña a súa orixe na falta de medidas adecuadas de seguridade e saúde no traballo.
A Inspección de Traballo resolveu inicialmente en contra da solicitude, asumindo a versión presentada polo Departamento de Prevención de Stellantis e sen formular proposta de recargo. Porén, o INSS chegou a unha conclusión diferente e declarou a existencia de responsabilidade empresarial por falta de medidas de seguridade e saúde laboral.
O máis significativo da resolución é que establece expresamente que <<La causa determinante en el desarrollo de la enfermedad profesional es no cambiar de puesto al trabajador. Puesto de trabajo que no se adapta al trabajado>>. En consecuencia, o INSS resolveu incrementar nun 30 % as prestacións da Seguridade Social derivadas da enfermidade profesional, con cargo a Stellantis, que tivo que asumir recentemente o pago correspondente.
A produción fronte á saúde
Para a sección sindical da CIG, esta resolución pon de manifesto as contradicións entre os obxectivos produtivos da dirección e a protección efectiva da saúde das persoas traballadoras. “Consideramos especialmente preocupante o papel do Servizo de Prevención propio, que debería actuar con independencia e priorizar a seguridade e a saúde do persoal, pero cuxas actuacións, en determinados casos, parecen estar condicionadas polas directrices empresariais e polo obxectivo de manter uns índices de sinistralidade próximos a cero”.
Neste senso, lembran que Lei de Prevención de Riscos Laborais establece que o traballo debe adaptarse á persoa, e non obrigar as persoas traballadoras a asumir postos estándar que non teñen en conta as súas condicións físicas e necesidades. “Non podemos aceptar que as lesións e enfermidades derivadas do traballo acaben sendo asumidas polas propias persoas traballadoras ou polo sistema público da Seguridade Social, mentres a empresa evita asumir as responsabilidades que lle corresponden”.
Ao mesmo tempo, consideran contraditorio que a dirección manifeste preocupación polos elevados índices de absentismo por incapacidade temporal e, ao mesmo tempo, non aborde as condicións de traballo que poden estar detrás de boa parte das baixas.
Recoñecemento de enfermidades profesionais
Dende a CIG-Stellantis animan a todas as persoas traballadoras que padezan lesións ou enfermidades relacionadas co seu posto de traballo a que non renuncien aos seus dereitos. “É fundamental reclamar o recoñecemento das continxencias profesionais cando corresponda e, naqueles casos nos que existan incumprimentos preventivos, solicitar tamén o recargo de prestacións”.
Ademais, inciden en que esta resolución demostra a importancia de defender os dereitos individuais e colectivos e de esixir que as empresas asuman as consecuencias dos incumprimentos en materia de prevención.
Finalmente, esíxenlle á empresa unha revisión real dos ritmos e das cargas de traballo, tempos de recuperación suficientes e adaptacións dos postos que respecten as condicións e limitacións de cada persoa. “Non queremos unha fábrica que xere persoas enfermas ou con discapacidades como consecuencia do traballo. Queremos unha fábrica na que producir non signifique poñer en risco a saúde de quen a fai funcionar cada día”, rematan.