O ISM comunica que só habilitará de maneira provisional o servizo médico de Corcubión

A CIG demanda que se manteña un servizo que atende a 1400 traballadores/as do mar da Costa da Morte

Corcubión -

A CIG denuncia o deterioro progresivo do servizo de saúde marítima de Corcubión co obxectivo de camiñar cara ao seu o peche definitivo e, previsibelmente, privatizar este tipo de servizos médicos. Así o confirmou a Dirección Provincial do ISM na reunión da Comisión Executiva celebra no día de onte, ao anunciar  que a cobertura da vacante médica só se fará de xeito provisional durante unha única xornada a mediados do mes de febreiro. Así mesmo, o Instituto Social da Mariña tamén avanzou que se procederá a unha reestruturación do servizo e dos centros nos que se viña realizando esta atención.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño, denuncia que unha vez máis o PSOE desmantela servizos que se prestan aos mariñeiros e ás mariñeiras, mentres que o PP dende a Xunta "non realiza ningunha xestión para esixir  o traspaso das competencias do ISM e por conseguinte da sanidade marítima que tan necesaria é para os traballadores e traballadoras do mar". A este respecto, Camiño lembra que a última reestruturación do Instituto Social da Mariña foi executa polo goberno socialista no ano 2009 e supuxo o peche das oficinas de Laxe e Muxía e tamén se prevía o peche da oficina de Fisterra.

Máis de 1400 traballadores/as do mar afectados/as

A falta de actividade na oficina de Corcubión provoca que os/as máis de 1400 traballadores/as do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica se teñan que desprazar á Coruña para facer os recoñecementos  previos obrigatorios para poder embarcar, coa conseguinte perda de tempo, gasto económico e saturación do ISM da Coruña que isto conleva.

A CIG seguirá defendendo a continuidade do servizo de saúde marítima no centro de Corcubión e no resto de oficinas locais e reclama do Ministerio de Seguridade Social que cubra de inmediato a praza de médico e dote de todos os recursos humanos e económicos necesarios ao Instituto Social da Mariña para garantir unha adecuada atención.

Volver