O IX Congreso da CIG-Administración Pública reelixe a Luís Carballo Pose como secretario nacional

No proceso tamén se renovou a Executiva federal, aprobouse o informe de xestión e definíronse as liñas de acción sindical
Nacional - 29 Nov 2025

O IX Congreso da CIG-Administración celebrado este sábado en Compostela reelixiu a Luís Carballo Pose como secretario nacional con 125 votos a favor, 13 en branco e 1 nulo. No proceso, ao que concorreu unha candidatura única para todos os órganos a renovar e que se desenvolveu co lema “A túa voz, os teus dereitos, o noso servizo público”, tamén se escolleu a nova Executiva federal e se definiron as liñas de acción sindical que guiarán a CIG-Administración nos vindeiros anos.

A Executiva federal, que recibiu 133 votos a favor, 3 en branco e 2 nulos, quedou conformada polas seguintes persoas:

  1. Luís Carballo Pose
  2. Rosa María Fernández Muñoz
  3. Carmen Viso Rubín
  4. Henrique del Río Otero
  5. Manuel Gallardo Canitrot
  6. Manuel González Fernández de Tejada
  7. Catia Vázquez Cortiñas
  8. Consuelo Fernández Fernández
  9. Gonzalo Méndez Mosquera

Para o Consello Confederal -con 134 votos a favor, 5 en branco e 1nulo- resultaron elixidas as seguintes persoas:

  1. Luís Carballo Pose
  2. Manuel Gallardo Canitrot
  3. Marta Regueiro Abel
  4. Ana Pintos Pérez
  5. Zeltia Burgos Tortosa
  6. José Blanco Pichel
Carballo reivindica un modelo de administración pública ao servizo do pobo galego

No acto de clausura, xa reelixido secretario federal, Luís Carballo reafirmou o modelo de acción sindical da CIG “de firme defensa dos dereitos da clase traballadora galega nas administracións públicas” e da capacidade de decisión propia. Reivindicou un modelo de administración pública ao servizo do pobo galego, “non sometido a intereses alleos nin condicionado por dinámicas centralizadoras que ignoran a nosa realidade”, exixiu o recoñecemento efectivo da identidade galega no ámbito institucional e a normalización plena do galego, e uns servizos “directos, universais e de calidade”.

Carballo alertou que cada recorte, externalización, e privatización encuberta constitúe “un ataque directo ao ben común” que compromete “a igualdade das persoas, a cohesión das comarcas, o futuro da sanidade, da educación, da dependencia, da xustiza ou da administración local”. “E fronte a iso, afirmou, non imos calar nin aceptar que se disfrazan intereses privados de suposta eficiencia”.

Fronte ás prácticas sindicais de pacto e renuncia, puxo en valor a aposta da CIG “pola mobilización, pola organización desde abaixo e polo enfrontamento político e social” cando é preciso para asegurar avances “medíbeis, dereitos reais e dignidade para todo o persoal público galego”.

Apuntou á responsabilidade dos gobernos galego e estatal na temporalidade estrutural, a precariedade salarial, a falta de persoal, a sobrecarga de traballo, os recortes continuos, a privatización de servizos e o desmantelamentos da administración baixo o pretexto da dixitalización; e valorou que a “loita polo emprego público digno é tamén unha loita polo país”.

“A nosa forza está na organización, na mobilización e na convicción de que Galiza merece máis. Seguiremos denunciando, propoñendo e confrontando, con independencia, con conciencia de clase e con sentido de país. Porque un futuro digno para Galiza só é posíbel con servizos públicos fortes, emprego estable e un sindicalismo nacional galego que non se dobra nin se vende”, concluíu.

O secretario xeral insta a ter atrevemento e decisión para xerar dinámica mobilizadora

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen tomou a palabra na clausura do congreso, chamou a intensificar a loita para conseguir políticas alternativas e melloras reais nos centros de traballo “con atrevemento e decisión no día a día de xerar dinámica mobilizadora e ir á folga para gañar dereitos”, sen perder de vista a cuestión nacional “e de termos a capacidade de decidir nós sobre nós”.

Instou a “revitalizar o sindicato como un instrumento de solidariedade e de unidade de clase”, cuestión de especial relevancia tratándose de persoal da función pública “porque o neoliberalismo ten posto o punto de mira dende hai moito tempo na privatización e mercantilización dos dereitos sociais” e na conversión dos servizos públicos nunha gran oportunidade de negocio para o capital.

Carril puxo énfase na importancia do modelo sindical da CIG que neste contexto non se limita a mellorar as condicións de traballo, senón que é fulcral na defensa dos servizos públicos como elemento de cohesión social e redistribución da riqueza, é dicir, da xustiza social. Esta é a razón, valorou, pola cal este modelo de confronto que representa a CIG “está a ser atacado con dureza polo poder, e sometido a un intento de desacreditación e deslexitimación como instrumento de loita e mobilización”.

Fronte ao modelo asembleario, participativo e de resposta que representa a CIG, contrapuxo o modelo de pacto e diálogo social que representan as centrais estatais e que ten no “indigno acordo” salarial para o persoal empregado público asinado estes días co Goberno español o seu último exemplo.

“Só dende a confrontación poderemos avanzar”, aseverou Carril, apuntando que a CIG non é un sindicato que pretende xestionar, senón que "a nosa acción sindical ten como obxectivo transformar a realidade”. Para conseguilo, analizou, cómpre colectivizar, ter ampla capacidade de análise, de proposta, ter atrevemento na mobilización e ser un instrumento útil á clase traballadora galega.

Porque, concluíu, “ou hai máis sindicato e poder sindical, ou corremos o perigo de que a precariedade, a pobreza e a inxustiza social alimenten o crecemento do fascismo”.

Defensa dos dereitos e dos servizos públicos

As persoas asistentes debateron e votaron o Informe da Executiva saínte  (aprobado por unanimidade) que recolle o traballo desenvolvido neste período, marcado pola xeneralización do traballo a distancia, a implantación da administración electrónica e as dificultades no acceso á atención presencial, a continuada perda de poder adquisitivo, o desmantelamento dos servizos públicos, o mantemento da taxa de reposición, ou a persistencia nos recortes de dereitos, agravados polos acordos asinados polos sindicatos estatais no chamado “diálogo social”.

Por iso as principais campañas na federación estiveron centradas na defensa dos dereitos laborais e retributivos do persoal público, reclamar o recoñecemento da identidade galega, a independencia sindical, a normalización do galego, o dereito a unha xubilación digna, a prestación pública dos servizos, por unha atención á cidadanía presencial e sen discriminacións, e a soberanía social e económica de Galiza.

A esta acción de ámbito nacional sumáronse as iniciativas, propostas e mobilizacións centradas nas problemáticas propias de cada un dos sectores que integran a federación, e na defensa dos dereitos das mulleres e o traballo pola igualdade real e efectiva. Denunciando que neste período se produciu “un avance formal pero non real nas políticas de igualdade das administracións públicas” e que alén da demora na negociación, “os plans aprobados carecen de avaliación, recursos e vontade transformadora”.

“As campañas que impulsamos amosan que promovemos mobilizacións locais, sectoriais e estatais, e ofrecemos respostas que non dependan dos pactos cos sindicatos estatais que non garanten dereitos reais”, saliéntase no informe. Tamén se apunta ao medre na afiliación do 6,40% con respecto ao ano 2021

Como desafíos apúntase á necesidade de garantir a renovación xeracional, consolidar a acción sindical nas rúas e nos centros de traballo, reforzar a mobilización, potenciar a comunicación ou “garantir que as reivindicacións se traduzan en acordos reais, non en promesas”.

Aposta polo sindicalismo comabativo e participativo

Este IX Congreso tamén debateu e definiu as liñas de traballo dos vindeiros anos recollidas no Relatorio de Acción Sindical que foi aprobado por 133 votos a favor, 0 en contra e 1 abstención. O documento recolle demandas básicas da federación para o conxunto das administracións como o establecemento dunha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei, a acordos salariais anuais ou plurianuais que garantan gañar poder adquisitivo.

Así mesmo, avanzar cara a xornada de 32h semanais como única vía para garantir o emprego; o recoñecemento dunha xubilación digna en anticipada; o uso normalizado e pleno da lingua galega en todas as administracións; e a eliminación das taxas de reposición e de toda lexislación restritiva que impuxo os recortes nas administración públicas; ou a transformación dixital ao servizo da cidadanía e do interese colectivo, que respecte os dereitos laborais, preserve o emprego público, e asegure a transparencia, a equidade e a protección de datos

Fronte ao modelo do diálogo social, chama a apostar por un sindicalismo combativo, participativo e ao servizo da clase traballadora, “reforzar esta alternativa, difundir o noso modelo e continuar a loita por un cambio real do sistema”.