O MEFP anuncia unha moratoria de 3 anos para que o profesorado técnico de FP oposite
O Ministerio de Educación e Formación Profesional anunciou esta mañá unha moratoria de 3 anos para que o profesorado técnico de FP se poida presentar ás oposicións cos requisitos actuais de titulación. Un anuncio que non resolve, segundo a CIG-Ensio, o problema creado coa LOMLOE.
Tras unha Mesa Sectorial na que os responsábeis ministeriais non presentaron ningunha proposta nin axenda de traballo concreta para o desenvolvemento da LOMLOE e as intervencións da CIG-Ensino e doutras organización sindicais, críticas coa falta de negociación, o subsecretario de Educación, Fernando Gurrea, anunciou que enviarán unha proposta de moratoria sobre un dos temas que centrou boa parte da intervención sindical, a extinción do corpo de profesorado técnico de FP e a integración dunha parte no grupo A1.
Neste sentido adiantou que mentres non se resolve como se vai levar a cabo a integración de quen cumpra os requisitos de titulación para integrarse no grupo A1 se permitiría seguir presentándose ás oposicións a quen reúna os requisitos actuais, é dicir, que as persoas con titulación de ciclo superior de FP poidan seguir accedendo á docencia nas 10 especialidades nas que esta titulación é válida actualmente (cociña e pastelaría, estética, carpintaría e moble, mecanizado e mantenemento de máquinas, mantenemento de vehículos, patronaxe e confección, peiteado, artes gráficas, servizos de restauración e soldadura).
A falta de coñecer a proposta concreta, que se comprometeu a enviar ás organizacións sindicais entre hoxe e mañá para a súa comunicación posterior aos grupos parlamentarios que apoiaron a LOMLOE, a CIG-Ensino amosou a súa conformidade pero puxo enriba da mesa as nulas implicacións que tería para Galiza esta moratoria.
Segundo explicou o propio Gurrea esta medida sería de aplicación para as CCAA que aínda teñan pendente convocar as Ofertas de Emprego Público amparadas polo coñecido como “acordo de estabilización do emprego” asinado polo anterior ministro do PP, CristóbalMontoro, e os sindicatos UGT e CCOO e que poderían celebrarse nos próximos tres anos.
O problema é que en Galiza xa se esgotaron todas esas convocatorias polo que a situación a que nos enfrontamos é ben distinta. Tal e como puxo de manifesto Suso Bermello na súa intervención, “este ano, coa ampliación de prazas que fixo a Xunta de Galiza no corpo de PTFP practicamente convócanse nas oposicións todas as vacantes que están ocupadas por persoal interino, polo que o principal risco é que quen non aprobe quedará sen emprego”.
A este respecto a CIG-Ensino lembra que en boa parte destas especialidades hai máis dunha década que non se convocan oposicións e que o número de convocatorias públicas en total foi moi reducido.
Así pois, a eficacia desta medida para o profesorado técnico galego sería practicamente nula porque, tal e como está a redacción da LOMLOE actualmente, para boa parte dos titulados e tituladas superiores de FP esta sería a última posibilidade de presentarse ás oposicións.
Da intervención dos responsábeis ministeriais non se pode extraer ningunha tranquilidade ao respecto do futuro do colectivo de titulados e tituladas en FP porque aínda que indicaron que “seguirían precisando e contratando este perfil de técnicos” non despexaron a dúbida de “se sería como profesorado especialista ou noutra redacción que se lle daría no futuro Estatuto público docente ou na Lei Orgánica de FP”.
Precisamente a estas dúas normativas tamén aludiron cando o secretario nacional da CIG-Ensino preguntou explicitamente polos prazos para levar a cabo a integración das persoas que nestes momentos cumpren os requisitos de titulación para a súa integración e pola situación na que quedaría quen teñadiplomatura, enxeñaría técnica e arquitectura técnica.
O subsecretario de Educación foi claro ao definir que nestes momentos os requisitos para o paso a A1 están fixados no EBEP e se limitan a ter Grao máis Mestrado, Licenciatura, Enxeñaría Superior ou Arquitectura pero que aproveitarían o desenvolvemento dalgunha das dúas normativas mencionadas para buscarlle encaixe á integración tamén no corpo de Profesorado de Ensino Secundario deste profesorado.
Neste sentido matizou que esta problemática estaría resolta antes dos tres anos de moratoria que queren fixar para facilitar que os e as tituladas en FP poidan seguir presentándose ás oposicións pero en calquera caso tanto a aprobación da Lei Orgánica como do tantas veces prometido Estatuto Público do Empregado Docente podería demorarse, nas previsións máis optimistas, varios meses.
Desde a CIG-Ensino, por boca do seu secretario nacional, advertiuse que todos os pasos que se dean a partir de agora teñen que estar negociados coas organizacións sindicais para que non volva acontecer na Lei Orgánica da FP o que pasou na LOMLOE, na que só tivo un peso importante a negociación parlamentaria.
Fondos de resilencia
Na súa intervención, Suso Bermello, tamén se referiu aos chamados fondos europeos de resilencia para contribuír á saída da crise ocasionada pola pandemia e que se van destinar a educación. Neste sentido, amosou a súa preocupación con que “o accidental se coma o estrutural, no sentido de que a súa aplicación se restrinxe a un período transitorio moi concreto e que non aborda os retos que ten por diante o sistema educativo.
Así, lembrou a postura do sindicato maioritario en Galiza, moi crítico con programas como os PROA que non teñen continuidade nos centros educativos e destacou que as medidas que son máis eficaces para reducir o abandono escolar e para mellorar a atención á diversidade e a calidade da educación en xeral pasan pola diminución de ratios, a mellora das condicións laborais e da formación do profesorado, como pode ser a redución dos horarios lectivos e da burocracia, a coordinación pedagóxica, a horizontalidade na toma das decisións nos centros de ensino. E lamentou que boa parte dos fondos non se destinen a estas cuestións para sentar as bases dun sistema educativo máis igualitario dado o escaso tempo de aplicación que vai ter o chamado paquete de resilencia.