No que atinxe á afiliación media mensual, rexístranse 697 afiliacións menos, unha baixada do 0,1 %, situándose o total en 1.127.270. A evolución galega contrasta coa do conxunto do Estado, onde a afiliación aumenta un 0,8 %, mentres o paro medra un 1,8 %, por baixo do incremento galego.
A CIG reclama unha nova lexislación laboral que restitúa os dereitos perdidos, reforce a protección fronte ao despedimento e recupere as garantías da negociación colectiva, para avanzar cara a un emprego estábel e con dereitos
A comparación co mesmo mes do ano anterior tamén amosa diferenzas: en Galiza o paro aumenta un 1,3 %, fronte ao descenso do 0,9 % no Estado. E a afiliación galega medra un 2,2 %, por baixo do 3,6 % estatal.
O paro aumenta tanto entre os homes como entre as mulleres. A medra porcentual é máis elevada entre os homes, un 2,5 %, fronte ao 1,9 % das mulleres; porén, en termos absolutos son as mulleres as que rexistran un maior incremento, con 1.287 persoas máis. As 67.899 mulleres inscritas representan o 59,1 % do paro galego.
O sector servizos concentra o 83,5 % do incremento neto do paro, con 2.013 persoas máis inscritas. Tamén aumenta o desemprego no sector primario, na industria e na construción. Só descende lixeiramente entre as persoas sen emprego anterior, con nove menos.
O paro medra en todos os grupos de idade. As persoas de 45 anos ou máis concentran o maior incremento absoluto, con 1.432 máis, o 59,4 % da medra total. Este grupo suma 68.683 persoas e representa o 59,8 % do paro rexistrado. En termos relativos, o maior incremento corresponde ás persoas de 25 a 29 anos, cun 3,3 %.
Afiliación á Seguridade Social
A caída da afiliación concéntrase no Sistema Especial Agrario, que perde 1.287 afiliacións, un 16,2 %. Tamén descenden as persoas autónomas do sistema especial agrario e a afiliación ao Réxime do Mar por conta allea. Os incrementos nos restantes réximes non abondan para compensar estas perdas.
No que atinxe á modalidade de contrato e á xornada, as afiliacións fixas descontinuas aumentan en 2.375, un 6,4 %, e as indefinidas a tempo parcial en 1.465, un 1,2 %. O incremento das indefinidas a tempo completo é moito menor, de 206 afiliacións. Ao mesmo tempo, descenden as temporais: 3.957 menos a tempo completo e 1.214 menos a tempo parcial.
Centrándonos no Réxime Xeral, a educación rexistra o maior incremento, con 5.923 afiliacións máis, un 10,9 %. Pola contra, continúa a caída na hostalaría, con 2.689 afiliacións menos, e no comercio, con 1.370 menos. Tamén descenden as actividades sanitarias e de servizos sociais, a Administración pública e as actividades administrativas.
O diferente comportamento da educación e das actividades vinculadas ao período estival volve amosar o importante compoñente estacional do emprego galego. A medra nunhas ramas compensa as perdas noutras e deixa o Réxime Xeral cun incremento neto de apenas 153 afiliacións.
No que atinxe á modalidade de contrato e á xornada, as afiliacións fixas descontinuas aumentan en 2.375, un 6,4 %, e as indefinidas a tempo parcial en 1.465, un 1,2 %. O incremento das indefinidas a tempo completo é moito menor, de 206 afiliacións. Ao mesmo tempo, descenden as temporais: 3.957 menos a tempo completo e 1.214 menos a tempo parcial.
A lectura por sexo amosa que as mulleres concentran o 87,4 % do aumento neto das afiliacións fixas descontinuas, con 2.076 máis, mentres perden 133 afiliacións indefinidas a tempo completo. Ademais, representan o 69,5 % das afiliacións a tempo parcial, sumando as indefinidas e as temporais. Estes datos evidencian a desigual distribución das modalidades do emprego e da xornada.
Tipos de contratación
En outubro rexistráronse 65.770 contratos en Galiza, 11.160 menos que en setembro, un descenso do 14,5 %. Deles, 20.285 foron indefinidos e 45.485 temporais. A contratación temporal representa o 69,2 % do total; o peso da indefinida queda no 30,8 %, fronte ao 43,3 % no conxunto do Estado. O elevado peso da contratación temporal e o medre das afiliacións fixas descontinuas e a tempo parcial manteñen a preocupación pola estabilidade do emprego e pola garantía de ingresos durante todo o ano.
O fracaso das políticas de emprego, tanto do Goberno central como da Xunta, demostra que sobran razóns para ir á folga xeral
Neste contexto, a CIG reclama unha nova lexislación laboral que restitúa os dereitos perdidos, reforce a protección fronte ao despedimento e recupere as garantías da negociación colectiva, para avanzar cara a un emprego estábel e con dereitos.
“Ás portas dunha folga xeral e dunhas eleccións, constátase unha vez máis o fracaso das políticas de emprego, tanto do Goberno central como da Xunta, o que demostra que sobran razóns para ir á folga”, afirma o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.
O responsábel sindical pon o foco na alta rotación no emprego e no feito de que aínda que aumenta a indefinida, o 94% dos contratos son a tempo parcial e fixos descontinuos. “En consecuencia, hai cada vez máis persoas con contrato indefinido pero sen salario completo, sumidas na incerteza e na pobreza laboral porque os baixos salarios baixos impiden chegar a fin de mes”.
A elevada rotación do emprego fai que as 5923 altas rexistradas no ensino se perdan na hostalaría, no comercio e nos servizos sociais, “polo que vemos como os sectores máis precarizados padecen sempre esta oscilación no emprego”. Unha vez máis, as mulleres maiores de 45 anos son o colectivo máis castigado polo desemprego e pola precariedade, con maioría de contratos fixos descontinuos e a tempo parcial.
Ademais da parcialidade, salienta a alta temporalidade do emprego, que ten que ver coa non derrogación das reformas laborais e coas facilidades para despedir, sobre todo nas modalidades máis baratas, como por causas obxectivas ou por non superar o período de proba (sen indemnización, polo que se trata de facto dun despido libre).
Fronte a isto, Sío aposta por uns servizos públicos de calidade (educación, sanidade e sistema de atención ás persoas) que permitan a contratación a esas persoas de maior idade que se atopan no desemprego. “Hai que cambiar o actual marco lexislativo para mellorar a calidade do emprego, con xornadas suficientes e salarios dignos, e garantir na negociación colectiva a prevalencia dos convenios con mellores condicións”.
Máis tamén aplicar políticas específicas para facilitar o acceso das persoas maiores e das mulleres ao mundo do traballo. “Así como actualizar o SMI ao 60% do salario medio e garantir o acceso á vivenda para que a maioría do salario non teña que ser destinado a este fin, o que está a provocar un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora”.