O metal da Coruña irá á folga o 19 de maio ante o bloqueo patronal á negociación do convenio

CIG, CCOO e UGT chaman a dar unha resposta firme e contundente para conseguir un convenio digno e avanzar en dereitos
A Coruña - 12 Mai 2026

As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT acordaron convocar unha primeira xornada de folga no siderometal da provincia da Coruña para o vindeiro 19 de maio en resposta ao secuestro patronal á negociación do novo convenio. O sector dá así un paso adiante, seguindo o camiño xa iniciado polo metal de Pontevedra, e advirte que, de non mudar o empresariado a súa postura de bloqueo, as medidas de presión intensificarse até lograr un convenio digno.

Esta convocatoria foi acordada polas asembleas de traballadoras e traballadores celebradas na Coruña, Compostela e Ferrol logo do "esperpento" sucedido o 6 de maio, data na que estaba fixada unha reunión da comisión negociadora que a patronal suspendeu alegando como escusa unha protesta do persoal do comercio na sede da CEC.

“O metal quere que negociar o seu convenio e quere unha negociación real", aseveran as tres centrais sindicais. Subliñan que nun contexto de medre da carestía e empobrecemento dos salarios derivado da guerra no Irán, a patronal pretende dilatar de maneira intencionada a sinatura dun acordo "mentres os traballadores e as traballadoras perden dereitos e capacidade adquisitiva”.

Neste senso, CIG, CCOO e UGT reiteran que non van tolerar que sexa o persoal quen pague esta conxuntura nin un retroceso nos dereitos laborais conquistados tras moitos anos de negociación e loita, “mentres as empresas continúan incrementando os seus beneficios”.

Os sindicatos lembran que as demandas sociais son “realistas e razonábeis” e pasan por cuestións tan básicas como un incremento salarial digno, reducir a xornada laboral, regular os pluses, combater a precarización a través das ETT e dos contratos fixos descontinuos, mellorar os complementos das baixas médicas, limitar a subcontratación en cadea, etc.

Porén, coa súa postura inmobilista, “a patronal non nos deixa outra saída que convocar folga”. Por iso, as tres centrais sindicais fan un chamamento a todas as persoas traballadoras do siderometal da provincia (que emprega a unhas 15.000 persoas) a dar unha resposta unitaria e contundente, secundar a folga do día 19 e participar nas mobilizacións que se convoquen para esa xornada, “porque non nos queda outra, temos que loitar polos nosos dereitos”.