O metal pontevedrés quenta motores para a folga por un convenio digno cunha protesta diante de Asime en Vigo

A CIG celebrará unha asemblea aberta de traballadores/as o martes para analizar as propostas que achegue a patronal o luns
Vigo - 09 Xun 2023

Traballadores/as do sector do metal da provincia de Pontevedra mobilizáronse hoxe para quentar motores de cara á folga convocada para os vindeiros días 15, 20 e 22 co obxectivo de reclamar un convenio digno ante as propostas “insultantes” do empresariado. A concentración tivo lugar a partir das 11:00 horas diante da sede da patronal Asime en Vigo, onde clamaron por unha mellora das súas condicións laborais.

“Convenio digno para o metal”,“Asime, escoita, estamos en loita”, e “Folga, folga no metal” foron as consignas máis coreadas durante unha protesta que se iniciou primeiro no exterior do recinto que acolle as oficinas de Asime e que logo se trasladou ao interior para continuar na entrada principal do edificio.

Dende as tres organizacións sindicais convocantes da protesta e das tres xornadas de folga denunciaron que tras nove xuntanzas co empresariado “non se produciu ningún avance” que permita vislumbrar a posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán. E todo como consecuencia das propostas “insultantes” que “raian a provocación” ao contemplar unha suba de soldos “ridícula” e a introdución das ETT no sector.

De feito a patronal ofrece un incremento salarial do 0,5%, 2% e 2% para cada un dos tres anos de vixencia do convenio e pretende tamén reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.

Diante disto o sector está chamado á conflitividade, comezando pola protesta desta mañá e polos tres días de folga previstos. Unha conflitividade que a CIG xa iniciou o pasado 11 de maio cunha manifestación polas rúas de Vigo e posterior concentración diante das patronais ATRA e Instalectra “ao percibirmos a nula vontade do empresariado de encarar a negociación con seriedade e pretendendo unicamente dilatar o proceso”. Posteriormente a central trasladou as protestas até a empresa do presidente de Asime en Valga.

Asemblea aberta

Dende a CIG-Industria anuncian a celebración dunha asemble aberta ao conxunto dos traballadores/as do sector do metal da provincia de Pontevedra que terá lugar en Vigo este martes 13 para abordar as propostas que achegue a patronal na xuntanza da mesa de negociación prevista para este luns 12. A asemblea, convocada unicamente pola CIG -que hoxe antes do inicio da protesta reuniu a un bo número de delegados/as no local do sindicato para abordar o estado das negociacións-, terá lugar na Praza da Estrela ás 19:30 horas.