O militarismo da OTAN e o seu camiño en África

Vijay Prashad - 13 Xun 2022

A guerra da OTAN en Libia foi a súa primeira gran operación militar en África, mais non foi a primeira pegada militar europea no continente. Despois de séculos de guerras coloniais europeas en África, xurdiron novos estados despois da Segunda Guerra Mundial para facer valer a súa soberanía

 A preocupación pola expansión da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) cara á fronteira rusa é unha das causas da actual guerra en Ucraína. Mais este non é o único intento de expansión da OTAN, unha organización creada en 1949 polos Estados Unidos para proxectar o seu poder militar e político sobre Europa.

 En 2001, a OTAN levou a cabo unha operación militar "fóra da área" en Afganistán, que durou 20 anos, e en 2011, a instancias de Francia, bombardeou Libia e derrocou o seu goberno. As operacións militares da OTAN en Afganistán e Libia foron o preludio dos debates acerca dunha "OTAN global", un proxecto para utilizar a alianza militar da OTAN máis aló das súas propias obrigas de carta desde o mar da China Meridional até o mar Caribe.

 A guerra da OTAN en Libia foi a súa primeira gran operación militar en África, mais non foi a primeira pegada militar europea no continente. Despois de séculos de guerras coloniais europeas en África, xurdiron novos estados despois da Segunda Guerra Mundial para facer valer a súa soberanía. Moitos destes estados -desde Ghana até Tanzania- negáronse a permitir que as forzas militares europeas volvesen entrar no continente, polo que estas potencias europeas tiveron que recorrer a asasinatos e golpes militares para investir gobernos prooccidentais na rexión.

 Isto permitiu a creación de bases militares occidentais en África e deu liberdade ás empresas occidentais para explotaren os recursos naturais do continente.

 As primeiras operacións da OTAN mantivéronse nos límites de África, sendo o mar Mediterráneo a principal liña de fronte. A OTAN estableceu as Forzas Aliadas do Sur de Europa en Nápoles en 1951 e despois as Forzas Aliadas do Mediterráneo en Malta en 1952. Os gobernos occidentais estableceron estas formacións militares para gornecer o mar Mediterráneo contra a mariña soviética e crear plataformas desde onde puidesen intervir militarmente no continente africano.

 Despois da Guerra dos Seis Días en 1967, o Comité de Planificación da Defensa da OTAN, que foi disolto en 2010, creou a Forza Naval de garda do Mediterráneo para presionar os estados prosoviéticos -como Exipto- e defender as monarquías do norte de África (a OTAN non puido evitar o golpe antiimperialista de 1969 que derrocou a monarquía en Libia e levou ao poder o coronel Muammar Gaddafi; o goberno de Gaddafi expulsou as bases militares estadounidenses do país pouco despois).

 As conversas na sede da OTAN sobre as operacións "fóra da área" producíronse cada vez con maior frecuencia despois de que a OTAN se unise á guerra de Estados Unidos en Afganistán. Un alto funcionario da OTAN díxome en 2003 que os Estados Unidos "desenvolveran un apetito por usar a OTAN" no seu intento de proxectar poder contra posíbeis adversarios. Dous anos despois, en 2005, en Addis Abeba, Etiopía, a OTAN comezou a cooperar estreitamente coa Unión Africana. A UA, que se formou en 2002, e foi a " sucesora " da Organización da Unidade Africana, loitou por construír unha estrutura de seguridade independente. A falta dunha forza militar viábel fixo que a UA se dirixise con frecuencia a Occidente para pedir axuda e pediu á OTAN que axudase coa loxística e o apoio aéreo para a súa misión de mantemento da paz en Sudán.

 Xunto á OTAN, os EUA desenvolveron a súa capacidade militar a través do Comando Europeo dos Estados Unidos (Eucom), que supervisou as operacións do país en África de 1952 a 2007. A partir de aí, o xeneral James Jones, xefe de Eucom de 2003 a 2006, creiou o Mandos dos Estadus Unidos en África (Africom) en 2008, que tiña a súa sede en Stuttgart, Alemaña, porque ningunha das 54 nacións africanas estaba disposta a darlle unha sede. A OTAN comezou a operar no continente africano a través de Africom.

Libia e o marco da OTAN para África

 A guerra da OTAN contra Libia cambiou a dinámica da relación entre os países africanos e Occidente. A UA desconfiaba da intervención militar occidental na rexión. O 10 de marzo de 2011, o Consello de Paz e Seguridade da UA creou o Comité ad hoc de alto nivel sobre Libia. Os membros deste comité incluían o entón presidente da UA, o doutor Jean Ping, e os xefes de estado de cinco nacións africanas: o mauritano Mohamed Ould Abdel Aziz, o presidente da República do Congo, Denis Sassou Nguesso, o malí Amadou Toumani Touré, o sudafricano Jacob Zuma e o presidente de Uganda, Yoweri. Museveni, que debía voar a Trípoli, Libia, e negociar entre os dous bandos da guerra civil libia pouco despois da formación do comité.

 O Consello de Seguridade da ONU, porén, impediu que esta misión entrase no país.

 Nunha reunión entre o Comité ad hoc de alto nivel sobre Libia e a ONU en xuño de 2011, o representante permanente de Uganda ante a ONU durante ese tempo, o doutor Ruhakana Rugunda, dixo: "Non é prudente que certos actores se intoxiquen coa superioridade tecnolóxica e comezan a pensar que eles sós poden alterar o curso da historia humana cara á liberdade para toda a humanidade. Certamente, ningunha constelación de estados debería pensar que pode recrear a hexemonía sobre África".

 Mais isto é precisamente o que comezaron a imaxinar os estados da OTAN.

 O caos en Libia puxo en marcha unha serie de conflitos catastróficos en Malí, o sur de Alxeria e partes de Níxer. Á intervención militar francesa en Malí en 2013 seguiu a creación do G5 Sahel, unha plataforma política dos cinco estados do Sahel —Burkina Faso, Chad, Malí, Mauritania e Níxer— e unha alianza militar entre eles.

 En maio de 2014, a OTAN abriu unha oficina de enlace na sede da UA en Addis Abeba. Na Cimeira da OTAN en Gales en setembro de 2014, os socios da alianza consideraron os problemas no Sahel que se incluíron no Plan de Acción de Preparación da alianza, que serviu como "[o] impulsor da adaptación militar da OTAN ao cambio e evolución do contorno de seguridade".

 En decembro de 2014, os ministros de Asuntos Exteriores da OTAN revisaron a implementación do plan e centráronse nas "ameazas que emanan da nosa veciñanza do sur, Oriente Medio e o norte de África" ​​e estableceron un marco para facer fronte ás ameazas e desafíos aos que se enfronta o Sur, segundo un informe do expresidente da asemblea parlamentaria da OTAN, Michael R Turner.

 Dous anos despois, na Cimeira de Varsovia da OTAN en 2016, os líderes da OTAN decidiron aumentar a súa cooperación coa UA. Eles "[ acolleron con satisfacción ] o firme compromiso militar dos aliados na rexión do Sahel-Sahara". Para afondar neste compromiso, a OTAN creou unha Forza Africana de Reserva e iniciou o proceso de adestramento de oficiais nas forzas militares africanas.

 Entrementres, a recente decisión de expulsar ao exército francés radica nunha sensibilidade xeral que crece no continente fronte á agresión militar occidental. Non é de estrañar entón que moitos dos países africanos máis grandes rexeitasen seguir a posición de Washington sobre a guerra contra Ucraína, coa metade dos países absténdose ou votando en contra da resolución da ONU para condenar a Rusia (isto inclúe países como Alxeria, Sudáfrica, Angola e Etiopía).

 É revelador que o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa, dixese que o seu país "está comprometido coa promoción dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais non só do noso propio pobo senón dos pobos de Palestina, o Sáhara Occidental, Afganistán, Siria e en toda África e o mundo".

 A ignominia das tolemias occidentais e da OTAN, incluídos os acordos armamentísticos con Marrocos para entregar o Sáhara Occidental ao reino e o respaldo diplomático a Israel mentres continúa o tratamento do apartheid aos palestinos, poñen en forte contraste a indignación occidental polos acontecementos que teñen lugar en Ucraína. A evidencia desta hipocrisía serve de advertencia ao ler a linguaxe benévola empregada por Occidente cando se trata da expansión da OTAN a África.

 

[Artigo tirado do sitio web Globetrotter Media, do 2 de xuño de 2022]