O Ministerio atende as alegacións da CIG e suspende a tramitación do convenio estatal do sector téxtil de ARTE

A resolución paraliza o rexistro do texto para a corrección de irregularidades e dálle a razón á central en dous puntos clave: prioridade aplicativa e concorrencia de convenios
Nacional - 09 Xul 2026

O Ministerio de Traballo atendeu finalmente as alegacións presentadas pola CIG contra o rexistro do I Convenio colectivo estatal de grandes cadeas comerciais de comercio téxtil e de calzado promovido pola patronal ARTE -que agrupa as principais transnacionais do sector, entre elas Inditex- e asinado por CCOO e Fetico o mes pasado. De xeito que a resolución paraliza a tramitación do texto e insta a corrixir as irregularidades detectadas, entre eles as que teñen que ver con dous puntos clave: prioridade aplicativa e concorrencia de convenios.

No expediente de 11 páxinas remitido pola Dirección Xeral de Traballo recóllense numerosas irregularidades e erros, “algúns deles bastante relevantes sobre prioridade de aplicación, concorrencia de convenios, modalidade de contratación ou discriminacións graves nos contratos temporais”, enumeran dende a CIG-Servizos. 

Esixímoslle á patronal que abandone a ofensiva contra as condicións e os dereitos laborais das persoas traballadoras galegas

Estas obxeccións do Ministerio constatan e danlle a razón ás reclamacións que a CIG leva expresando dende hai meses, con numerosas mobilizacións e folgas fronte ao ataque que supón este convenio aos dereitos laborais do conxunto das persoas traballadoras do sector en Galiza.

Agora o Ministerio atende estas demandas en dous puntos clave, como son a prioridade aplicativa e a concorrencia de convenios. Cuestións que teñen que ver directamente cos obxectivos principais que pretendía a patronal ARTE: darlle prioridade de aplicación a un convenio estatal con condicións moi inferiores para as persoas traballadoras galegas e prohibir expresamente no redactado do convenio a negociación colectiva en ámbitos inferiores, como o provincial.

Dende a central sindical lembran que o persoal galego das empresas afectadas polo convenio de ARTE pasarían a un convenio moi inferior aos provinciais polos que se rexe agora,” e suporía a perda da capacidade de negociación das persoas traballadoras galegas ao afastala ao ámbito estatal”. Mentres que para o persoal galego das empresas do resto de sectores de comercio vario non afectadas por ARTE tería como consecuencia a progresiva desaparición da negociación dos seus convenios provinciais.

Acordo Marco Galego de Comercio

Ademais destas dúas cuestións -polas que a CIG segue a reclamar a creación dun Acordo Marco Galego de Comercio que dea prioridade de aplicación aos convenios provinciais-, o departamento estatal sinala tamén outras ilegalidades, tanto nas modalidades de contratación como na discriminación ao persoal de nova contratación ou con contratos temporais.

“Se a patronal de ARTE decide, a pesar de todo, continuar adiante con este convenio empobrecedor, a mesa de negociación estatal vai ter que volver reunirse para corrixir estas irregularidades e abrir de novo a negociación. Polo que dende a CIG esixímoslle que desista da súa intención e abandone a ofensiva contra as condicións e os dereitos laborais das persoas traballadoras galegas”.