O Ministerio de Educación convocou onte a que prevé que sexa a última reunión do grupo de traballo que durante os últimos meses abordou a baixada das ratios nas ensinanzas non obrigatorias (educación infantil, tanto de primeiro ciclo como de segundo, bacharelato e Formación Profesional) mediante a modificación de dous RD, así como cuestións relativas ao confort climatolóxico ou a escola rural. A partir de agora o proxecto deste RD debaterase coas CCAA -esta mesma semana-, pasará a trámite de audiencia e información pública e pasará polos órganos competentes, incluída a Mesa Sectorial docente, antes da súa aprobación polo Consello de Ministros e Ministras.
A CIG-Ensino lamenta que o Ministerio non sexa máis ambicioso na calendarización da redución das ratios fixando o seu comezo en todas as etapas, obrigatorias e non obrigatorias, para o próximo curso. No que ten a ver coa promesa de que esta ía ser a “lexislatura do profesorado” insistiulle aos responsábeis ministeriais en que é preciso abordar a integración no grupo A1 de todo o profesorado, a reforma do sistema de acceso docente e a xubilación parcial.
A principal novidade deste documento, a respecto do presentado no mes de xullo, é que se atrasa un curso a redución da ratio na FP básica a 15, unha medida que a Xunta non quixo negociar en ningún momento e que foi ben recibida polo profesorado de FP despois do anuncio do Ministerio.
Na proposta de xullo prevíase que tiña que estar implantada na súa totalidade ao inicio do curso 28/29 xunto coa redución a 25 na modalidade presencial dos Ciclos Medios, Superiores e Cursos de Especialización.
Porén, o responsábel ministerial, a preguntas dos sindicatos presentes na negociación, respondeu que a decisión viñera motivada pola petición da Secretaría Xeral de FP para permitir “unha mellor planificación dos centros”.
A este respecto, a representante da CIG-Ensino insistiu en que o alumnado de Ciclos de Grao Básico é precisamente o máis vulnerábel destas ensinanzas e, polo tanto, “o cambio de redacción que indica que esta redución non se fará efectiva en segundo curso até o curso 30/31 converte o que era un avance nunha promesa a longo prazo”.
Polo demais o calendario de aplicación da baixada de ratios nas distintas etapas tanto obrigatorias como non obrigatorias quedou inalterado a respecto da proposta que o Ministerio presentou nos últimos meses.
A CIG-Ensino volveu solicitar “máis ambición” tanto na redución como nos prazos de aplicación, facendo especial fincapé en que se fixe o seu inicio de forma simultánea para o vindeiro curso en todas as etapas e pediu unha baixada maior no Bacharelato, idealmente 25. O representante ministerial defendeu que a marxe de actuación do goberno central non debía ir máis alá e que, unha vez aprobado este RD, serán as CCAA as que teñan que aplicar e mellorar esta normativa.
Posición da Xunta e do Ministerio
Á vista do texto finalmente proposto e do acordo asinado este ano pola Xunta cunha minoría sindical esta é a posición da Xunta e do goberno centrol a respecto das ratios e da proposta que defendeu a CIG-Ensino en todas as negociacións:
Atención á diversidade
A CIG-Ensino volveu propoñer que o alumnado NEAE compute como dobre, non só o NEE, e que se fixe unha ratio máxima para as aulas mixtas que escolarizan a alumnado de distintos niveis ou mesmo etapas, unha realidade moi frecuente en Galiza, e outra para o persoal especialista na atención á diversidade e Orientación, lembrando a recomendación da Unesco de 1 profesional por cada 250 estudantes.
Sobre estas peticións o responsábel ministerial indicou que segundo as últimas estatísticas do MEFPD hai 936.000 estudantes categorizados como NEAE no Estado español fronte a 319.000 como NEE, polo que o cómputo dobre de todo este alumnado con necesidades hai que abordalo desde un punto de vista orzamentario e organizativo e só se limitou a lembrar que o goberno central segue traballando nun Plan estratéxico para a educación inclusiva no que se recollerán melloras neste aspecto.
Sobre a escola rural insistiu en que é a primeira vez que nunha norma se indica que non se poderán pechar centros sen ter en conta criterios cualitativos e non só cuantitativos.
Asuntos pendentes na que ía ser a “lexislatura do profesorado”
A CIG-Ensino tamén aproveitou a súa intervención para preguntar polos prazos para comezar a traballar na reforma do sistema de acceso e a formación inicial docente, dado que o Ministerio se comprometera a convocar a primeira reunión do grupo de traballo no mes de setembro.
Neste sentido, a resposta foi que desde o día 2 de agosto o Ministerio tivo que afrontar a crise emigratoria en Ceuta que tivo moita afectación a nivel educativo relatando que nun primeiro momento houbo que protexer aos menores, fundamentalmente ás nenas, e agora asegurar a apertura e o funcionamento dos centros educativos con normalidade garantindo a escolarización dos menores de 16 e tamén a inclusión no sistema educativo de quen está na franxa entre 16 e 18 anos. Con todo, comprometéronse a non tardar en convocar este grupo de traballo.
Porén, a CIG-Ensino insistiu en que tamén é necesario abordar a integración de todo o profesorado nun corpo único docente no grupo A1 e incrementar os niveis salariais, así como avanzar no Estatuto Docente e abordar a xubilación parcial anticipada para este colectivo que desde 2011 viu como a extinción do réxime de clases pasivas quedaba sen posibilidade de adiantar a idade de xubilación. Non houbo resposta a ningunha destas cuestións.