O Ministerio de Educación presenta unhas liñas para as futuras OPES que non garanten a estabilidade

CIG-Ensino denuncia que a taxa de reposición impide recuperar os postos destruídos
Nacional - 29 Xun 2017

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) presentou ás organizacións sindicais, este mércores, día 28 de xuño, na mesa sectorial estatal as liñas básicas das futuras ofertas de emprego. A CIG-Ensino considera que non responden ás necesidades de estabilidade do persoal e de mellora de calidade do ensino público e non permitirán recuperar os postos de profesorado destruídos nos últimos anos.

Aplicación dun mal acordo a unha realidade complexa

A CIG-Ensino amósase crítica co acordo subscrito entre o goberno do PP, CCOO, CSIF e UGT, tal e como fixo cando se asinou, porque implica a limitación da reposición da taxa de efectivos ao 100% na actual oferta de 2017 e enmarca o debate e calquera posíbel concreción á contención do gasto e ao persoal total actualmente existente.

Entende que isto implica a renuncia expresa a que nas ofertas de emprego que poida haber nos próximos anos se superen os efectos dos recortes nas administracións públicas e no ensino público en particular. “O importante recorte en postos de traballo dos últimos anos co goberno Feijóo estaría así bendicido por este acordo dado que en ningún caso se poden ampliar os postos estruturais que agora mesmo existen”, asegura o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.

Bermello denuncia ademais que “ese acordo responde a vellas prácticas de pactos entre cúpulas sindicais e poder político, sen ter en conta o parecer do profesorado e nin sequera das administracións que teñen que xestionar os recursos humanos dos que estamos a falar, xa que o MECD só xestiona directamente Ceuta e Melilla”.

Nese sentido, reitera a defensa da CIG-Ensino dun marco galego de negociación, máxime en terreos como o educativo, con competencias transferidas. “O lóxico e normal sería que a negociación se producise nos respectivos países e comunidades”, afirma.

A CIG-ENSINO entende que hai que ir máis alá do texto asinado e reclamar unha negociación real que permita a recuperación dos dereitos e condicións de traballo previas ao inicio da crise. Unha recuperación que debe implicar tamén unha mellora substancial da calidade educativa: redución de ratios, ampliación de cadros de persoal, redución de carga lectiva ás 18 horas en secundaria e 21 no corpo de mestres, desdobres en determinadas materias, negociación e regulamentación das afíns cara a súa desaparición, etc…

Incremento de postos de traballo

Todo isto implica, para a CIG-Ensino, un plan de incremento de postos de traballo que desborda o acordado entre os sindicatos estatais e o goberno do PP. “As liñas expostas hoxe na Mesa Sectorial de Educación polo MECD non permite esa superación dos marcos prefixados e impide falarmos de auténtica consolidación de postos de traballo”, asegura Suso Bermelle quen matiza que “así o entende o propio MECD cando claramente diferenza entre estabilidade -conversión de emprego temporal en fixo mais sen atender á realidade do persoal interino- e consolidación -que parta do persoal existente, diferenciando convocatorias de consolidación e de libre acceso-“.

O secretario nacional da CIG-Ensino explica que na presentación feita polo Secretario do Estado do MECD ficou claro que o acordo supón recoñecer a existencia dunha taxa de reposición do 100% no persoal docente. Unha taxa que non existía antes do 2010 e a que CIG-ENSINO se opón radicalmente, ao entender que se deben ofertar en cada convocatoria todas as vacantes realmente existentes e non só as que se producen por xubilación.

De feito o MECD aclara, por se alguén tiña dúbidas, que nos próximos anos haberá unha oferta ampla porque se permitirá transitoriamente superar ese 100%. É dicir, “abondaba con eliminar a taxa permanentemente, como reclamou a CIG, para que se puidese falar de ofertas amplas sen necesidade de estaren limitadas no tempo, como faino acordo”, explica Bermello.

Orzamentos xerais do Estado

O MECD avanza que os orzamentos que se veñen de aprobar no Congreso dos deputados supón un problema no marco educativo ao vincular esa oferta de emprego a tres OPEs que serían até 2019. Así as cousas, adiantan que o seu propósito é desenvolver esas tres ofertas de emprego en cinco convocatorias, rematando no ano 2022, diferenciando oferta de emprego de convocatorias. Mesmo comentan a posibilidade de que neses cinco anos se puidesen alternar as convocatorias dos diferentes corpos.

Desde a CIG-Ensino chaman a atención ao MECD sobre un feito fundamental como é a plena competencia na xestión do persoal que a Xunta de Galiza ten, como o resto das administracións educativas, polo que falar sobre cantas prazas, de que corpos e especialidades ou en que anos se poden ofertar nun órgano como a Mesa Estatal está fóra de lugar ao non ser competencia do Estado.

Xuntanza coas organizacións sindicais

A intencionalidade do Ministerio é reunirse coas administracións educativas e posteriormente de novo coas organizacións sindicais., fixando un calendario de negociacións. As intervencións do altos cargos do MECD foron suficientemente ambiguas sobre cales son as súas auténticas intencións mais todo apunta, ao entender da CIG-Ensino, a que poderían optar por manter para a convocatoria do 2018 o actual sistema (sistema ordinario do RD 276/2007) e nos primeiros meses do curso 2017/18 decidir se negocian un novo sistema de ingreso, tamén con novos temarios para os seguintes anos (desde 1991), ou se manteñen o actual.

Nese sentido a CIG-Ensino insiste en que, para alén da súa proposta de acceso diferenciado, “non nos plantexamos ningún marco onde non se leve ao máximo a valoración do traballo docente desempeñado, para o que o actual RD 276/07 é claramente insuficiente”. Alerta, asemade, duns temarios maioritariamente obsoletos que deberían actualizarse canto antes. “Non estamos de acordo en xerar incertezas ás persoas que opositarán nos próximos anos, e entendemos que as negociacións deben ser inmediatas, comezando xa no mes de xullo, para que a principio de curso as persoas opositoras coñezan as regras de xogo”, demanda Bermello.

Por iso interpela directamente ao MECD sobre tres cuestións básicas que se deberían coñecer  canto antes: se vai haber ou non cambio do real decreto; se pretenden modificar ou non os temarios e se están dispostos a articular un sistema transitorio. “É o menos que unha administración debe confirmar canto antes”, di Bermello.

Xunto a isto sinala que malia recoñecer a obsolescencia dos temarios, o MECD alega que ten que falar coas administracións educativas e que, con case total seguridade, as organizacións sindicais non serán convocadas  até mediados de setembro. Para a CIG-Ensino ese calendario é “impresentábel xa que nos leva a que ou ben non se produzan cambios ou ben a que, de se produciren, estes cheguen tarde, mal e arrastro”, denuncia o seu secretario nacional.

Garantías para o persoal interino

A CIG-Ensino explica que o goberno do PP fala de reducir a taxa de interinidade, absolutamente disparada polos efectos dos recortes dos gobernos, primeiro do PSOE e posteriormente do PP, e denuncia que “co que en realidade nos atopamos é cunha situación na que quen causaron os problemas veñen agora a vender que traen as solucións cando non se fala de recuperar os postos de traballo perdidos”. Pon o acento ademais en que reducir a porcentaxe de persoal interino non implica buscar unha solución a quen durante anos serviu, en situación precaria, a manter o sistema educativo, xa que non se presenta ningunha proposta conducente a consolidar ao persoal que actualmente traballa.

A CIG-ENSINO lembra que sempre defendeu a vía do acceso diferenciado para facer fronte a dúas realidades que entran en conflito e que merecen unha atención distinta: a do persoal con servizos  prestados e quen accede sen experiencia previa. “Pór como escudo permanentemente a cuestión da legalidade vixente como un mantra non é a solución. As limitacións existentes a nivel xudicial poden ser salvadas con cambios normativos do máximo nivel. Só hai que ter vontade política de facelo”, sentenza Suso Bermello.

O secretario nacional da CIG-Ensino engade que “é obvio que calquera medida, e sobre todo en ofertas amplas tras anos de paralización e redución de emprego, deben vir acompañadas de plans de estabilidade, especialmente para quen leva tempo traballando e quen se atopa nunha idade xa avanzada. Mais de novo facemos fincapé, fronte a algunhas voces sindicais que parecen máis centralistas que o propio PP, que iso só se pode facer no ámbito autonómico, e será nel onde como CIG-ENSINO insistiremos en camiñar cara un acordo que garanta a estabilidade, cando menos das persoas maiores de 55 anos”.