
O Ministerio pretende adiar até 2027 os cambios nos corpos docentes das ensinanzas artísticas

O Ministerio de Educación colgou no seu portal web, na sección de trámites abertos para audiencia e información pública, un proxecto de real decreto para estabelecer o calendario de aplicación da Lei 1/2024 pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se estabelece a organización e equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais. Fíxoo despois de ter sido requirida esta información pola CIG-Ensino nas últimas Mesas Docentes estatais e sen obter ningunha información da previsión para tratar este tema, xa de urxencia dado que debe estar aprobado antes do mes de xullo deste ano, nun prazo dun ano que fixa a propia Lei desde a súa publicación.
As datas previstas nese borrador indican un período excesivamente extenso para a implantación das ensinanzas, mais sen dúbida o que máis destaca -desde o punto de vista do profesorado- é a inexplicábel demora proposta para ter aprobada a normativa básica de ordenación dos corpos docentes e a integración dos corpos declarados para extinguir nos corpos de nova creación.
Esa data -antes do 31 de maio de 2027- implica que non habería ningún cambio efectivo para o profesorado, como moi cedo, antes do curso escolar 2028/29, xa que unha vez publicada a normativa estatal aínda debe a Xunta regular todo o desenvolvemento a nivel galego, incluídos os procesos de integración.
Para a CIG-Ensino esa proposta é un despropósito, xa que non hai nada que impida que a nova ordenación do profesorado se faga canto antes. Neste sentido, a central sindical trasladaralle ao Ministerio, en canto se convoque a mesa de negociación, unha proposta que permita que no curso 2026/27 xa poida estar realizada a integración nos novos corpos.
Mal indicativo do que se pode agardar
Se a nova deixará, con certeza, dunha peza ao persoal docente das ensinanzas artísticas de Galiza e de todo o Estado, tamén indica con rotundidade o que a CIG-Ensino concluíu logo da última reunión co Ministerio e tras a proposta de constituír grupos de traballo para a reforma da profesión docente: non hai ningunha intención seria de dar pasos adiante no sentido que a CIG-Ensino e outros sindicatos veñen demandando: mellora das condicións de traballo e integración no subgrupo A1 de todos os corpos docentes.
Se o propio Goberno pretende levar o remate dun proceso xa iniciado hai case un ano para o 2027 cando, se non hai adianto electoral, remata a lexislatura, xa dá boa mostra da nula vontade de facer cambios que afecten a un maior número de docentes.
A que profesorado afectan os cambios nos corpos docentes?
O persoal docente que ten motivos para quedarse de pedra ao coñecer esta previsión temporal é todo o que imparte ensinanzas artísticas (conservatorios profesionais e superiores de música e danza, escolas de arte e deseño, de restauración e de arte dramática).
Os cambios que se terán que facer e que agora o Ministerio adía varios anos son:
-Creación do novo corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores.
-Creación do novo corpo de profesorado de ensinanzas artísticas superiores.
-Creación do novo corpo de cátedras de ensinanzas artísticas profesionais.
-Creación do novo corpo de profesorado de ensinanzas artísticas profesionais.
-Procesos de integración do actual profesorado dos dous corpos existentes (cátedras e profesorado de música e artes escénicas) nos novos corpos.