O Ministerio de Educación presenta un documento que apunta importantes reformas para o profesorado sen concretar detalles

A CIG-Ensino incide na necesidade de pactar un calendario e unha metodoloxía que impliquen unha negociación real

Nacional -

Na Mesa Docente estatal que tivo lugar este xoves, o Ministerio de Educación presentou un documento que foi remitido ás comunidades autónomas na mañá do mesmo día. A reunión limitouse, polo tanto, a unha presentación por parte dos responsábeis ministeriais das que denominaron “24 propostas para a  mellora da profesión docente”. Para presentar esta “batería de ideas” o Ministerio esgotou o prazo dun ano que fixaba na LOMLOE.

O documento, explica a CIG-Ensino, inclúe consideracións desde a formación inicial á formación permanente pasando por unha reforma do sistema de acceso á función pública docente a partir de 2024, así como a cambios na fase de prácticas posterior a superar as oposicións. No texto hai referencias a poder efectuar cambios nas especialidades docentes ou a incorporar procedementos de avaliación do desempeño da función docente.

O que non aparece en ningún momento, e niso incidiu a CIG-Ensino na súa intervención, que non entrou no detalle dun texto que só foi remitido por correo electrónico con media hora de antelación ao comezo da reunión, “é na necesidade de articular medidas para mellorar as condicións de traballo do conxunto do profesorado e a calidade do sistema educativo ou formular propostas como a regulación dun corpo único docente”.

Respecto ao ámbito galego de negociación

A CIG-Ensino foi clara tamén á hora de reiterar a súa defensa de que calquera norma que se negocie e, de ser o caso, se aprobe no marco estatal, se limite a cuestións básicas que non coarten a capacidade para negociar no ámbito galego. A experiencia das últimas modificacións legais, co recente exemplo da aínda non finalizada do Real Decreto 276/2007, confirma que as normas de ámbito estatal impiden ou dificultan enormemente dar solucións aos problemas e retos que como sistema educativo e profesorado galego debemos afrontar.

Calendario e metodoloxía

A CIG-Ensino demandou non saír da reunión sen unha proposta clara dun calendario de temas a tratar no seo da Mesa Docente así como, sobre todo, dunha metodoloxía clara sobre que normas pretende abordar o Goberno: desde o cambio de lexislación específica á posíbel negociación de normas básicas xerais.

O Ministerio non deu ningunha resposta concreta e limitouse a solicitar das organizacións sindicais que remitamos propostas de calendario e de “ideas forza”. A CIG-Ensino considera que este non é o procedemento e que debe ser o Ministerio que formule propostas concretas de negociación, con textos e cuestións concretas.

Volver