• Nova

O Ministerio rectifica: as oposicións docentes non serán por un único sistema de ingreso

CIG-Ensino xa advertira das dúbidas de aplicar o mesmo sistema ás prazas derivadas da lei 20/2021 e ás de reposición
Nacional - 13 Abr 2022

A CIG-Ensino informa que o Goberno español, no marco do despropósito de xestión que o Ministerio de Educación está a facer no relativo aos procesos selectivos que se desenvolverán nos próximos dous anos, vén de aprobar o RD 270/2022, que modifica o RD 276/2007, cun cambio fundamental sobre o texto previsto.

A modificación implica que as prazas de reposición (xubilacións, falecementos etc) non poden ter o mesmo sistema de ingreso que as de “estabilización”, que se ofertan pola vía do concurso oposición extraordinario (vinculadas co artigo 2 da Lei 20/2021). En consecuencia, e no que afecta a Galiza, a Consellaría deberá convocar por separado dúas oposicións con dous sistemas diferentes:

  • Un concurso oposición extraordinario (coas normas do novo RD 270/2022) para as prazas de estabilización derivadas da Lei 20/2021 e que, segundo a os criterios e a proposta inicial da Consellaría, serían 115 co seguinte reparto por especialidades: ligazón.
  • Un concurso oposición ordinario (coas mesmas normas que as oposicións deste ano 2022) que se recollen no RD 276/2007 para todas as prazas de reposición (xubilacións, defuncións, etc) que se produzan neste ano 2022.

A CIG-Ensino xa cuestionara no seu momento a legalidade da proposta de unificar ambos procesos (estabilización e reposición) polo carácter restritivo e limitante da Lei 20/2021 e propuxo que se negociase unha modificación do RD 276/2007 con carácter xeral para os procesos ordinarios.

O concurso de méritos excepcional non se ve afectado

A modificación final só afecta ao concurso oposición extraordinario, polo que todo o relacionado coa convocatoria do concurso excepcional segue o seu curso. Tras a publicación do RD 270/2022, co que se recolle na disposición transitoria 5ª que se incorpora ao RD276/2007, a Consellaría de Educación ten xa todos os recursos legais na súa man para negociar e publicar a OPE vinculada a este proceso que, como é sabido, ten que facerse antes do 1 de xuño e coa convocatoria prevista para setembro ou outubro, cunha oferta inicial de 1.101 prazas, en fase de alegacións.

Convocatoria do concurso-oposición extraordinario

Sobre a convocatoria do concurso-oposición extraordinario, a CIG-Ensino explica que a Consellaría de Educación ten agora dúas alternativas: convocar simultaneamente nas mesmas datas (xuño de 2023) os dous procesos selectivos de concurso oposición (estabilización e reposición) ou facelo en datas diferentes. Os únicos requisitos formais que ten a obriga de cumprir ao respecto do proceso extraordinario son dous: publicar a convocatoria antes de rematar o ano e ter rematado proceso antes de finais de 2024.

"De terse previsto legalmente un único sistema extraordinario, como propuxo a CIG-Ensino,  no que se computasen de partida todas as prazas ocupadas por profesorado interino con antigüidade previa a 2018, a situación sería ben diferente: teriamos neste momento un sistema moi semellante á dobre vía de acceso que defendeu e defende o sindicato", salientan.

En todo caso, e tendo en conta que o proceso extraordinario afectará a un número reducido de prazas, a conclusión é que, fóra deste proceso, as oposicións que se celebren no 2023 e 2024 serán en Galiza polo sistema ordinario.

Situación do profesorado galego

Para a federación do Ensino da CIG, estas mudanzas confirman que o que menos lle interesa ao Goberno e aos sindicatos a nivel estatal "é a situación do profesorado galego, actual e futuro". Unha afirmación "que se sustenta nos datos dos acordos sindicais previos, nas medidas lexislativas deseñadas de costas á realidade galega, e nas posicións na Mesa Docente estatal, tanto da administración como dos valedores dos acordos sindicais: en ningún destes pasos se tivo en conta que a realidade do profesorado galego, e do interino en particular, non se acomoda para nada coa que existe na maioría das CA".

O feito de que a realidade do profesorado interino galego nos leve a unha oferta moi cativa de prazas no concurso oposición extraordinario, con esa cifra actual de 115 prazas (logo de priorizar, como é lóxico, as prazas de concurso) evidencia que a norma se deseñou e apoiou, tanto desde a banda gobernamental como desde a sindical, de costas á realidade galega.

A CIG-Ensino xa alertou durante a negociación de cuestións que, de se teren en conta, nos situarían nun escenario ben diferente. "A formulación das nosas propostas partía, evidentemente, dunha “facilidade”: coñecíamos a situación do profesorado galego e as iniciativas partían desta realidade; non de solucionar outros problemas de carácter xeral (de todos os sectores da administración pública) nin do ámbito educativo estatal (cunhas diferenzas enormes entres as diferentes comunidades autónomas)", apuntan.

Todos os feitos acontecidos nestes últimos meses confirman a denuncia que lanzaba o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en decembro de 2021: “a mellor norma estatal é a que non existe ou, no seu caso, a que non impide que os procesos selectivos se poidan  acomodar á realidade galega. A modificación do RD de ingreso na función docente non o fai nin de lonxe”.