O modelo capitalista alemán entra en crise

David Karas - 28 Set 2023

A UE podería ser unha unión de vinte e sete modelos nacionais diferentes de capitalismo, mais Alemaña non só é a primeira entre iguais en virtude do seu tamaño: é o Estado capitalista cuxas institucións internas deron forma en gran medida ao marco regulatorio de toda a unión

 O sistema de acumulación capitalista alemán pode colapsar: o acceso a insumos como man de obra, tecnoloxía estranxeira, enerxía e recursos naturais verase drasticamente restrinxido para as empresas europeas atrapadas na rivalidade global entre os Estados Unidos e China.

 Cando os grandes defensores (neo)liberais como The Economist, Der Spiegel, Politico ou Financial Times se aprestan a enterrar o seu legado político laiándose das “oportunidades perdidas”, pódese entender, sobre todo, que se están a escribir acerca de Angela Merkel, a quen Time a coroou como a “Chanceler do Mundo Libre”.

 Os dezaseis anos de Merkel á fronte de Alemaña amosaron o seu control sobre unha Unión Europea de impasíbel resiliencia neoliberal. O seu longo reinado perfeccionou a arte de disimular un bucle interminábel que abrangueu a crise financeira mundial, a crise de débeda europea, o referendo de Syriza, a crise de refuxiados de 2015, o Brexit, Donald Trump e a COVID-19.

 Como se fose un sinal, o drama político estalou tan axiña como abandonou o escenario a finais de 2021: cando Vladimir Putin empezou a operación militar en Ucraína, o capitalismo alemán impulsado polas exportacións chocou contra un muro e o seu sistema político agora parece ingobernábel. En termos máis xerais, o consenso político europeo que algunha vez apoiou a integración neoliberal do continente está hoxe en ruínas.

 Un ano e medio despois da era post Merkel, o goberno alemán encabezado por Olaf Scholz está tan fondamente dividido que os ministros se contradín entre si en practicamente todas as iniciativas políticas importantes.

 Chámase coalición “semáforo”, en referencia ás cores respectivas do SPD (Socialdemócratas) “vermello”, o FDP (Demócratas Libres) neoliberal “amarelo” e mais os Verdes. Cada partido apoia diferentes estratexias para xestionar o legado de Angela Merkel. Xa sexa na eliminación gradual dos combustíbeis fósiles dos motores de combustión ou nos sistemas de calefacción dos fogares, na reactivación ou enterramento da austeridade en Europa ou, como era de esperar, en como xestionar o conflito en Ucraína, o goberno parece NON estar de acordo en nada.

 Os Demócratas Libres son polo menos coherentes: o seu teimudo apego á austeridade fiscal e a política de competencia ordoliberal convérteos nun inimigo natural dos subsidios públicos utilizados para apontoar as axendas de descarbonización alemá e europea. Tales dogmas mesmo están a levar o partido libremercadista cara a unha alianza de facto cos lobbys dos combustíbeis fósiles e as revoltas populistas contra a descarbonización.

 Se os compromisos dos Verdes co lobby enerxético alinearon a parte da súa base, o seu desprezo polos efectos da transición enerxética na clase traballadora alemá tamén logrou alienar a capas máis amplas da poboación preocupada que terán que pagar a factura da descarbonización.

 En canto aos socialdemócratas, baixo o liderado vacilante de Scholz, o partido seguiu comprometido co statu quo herdado de Merkel, abalando esquizofrenicamente entre a necesidade dunha política industrial verde e manter competitivos os sectores exportadores alemáns xunto con concesións á ortodoxia do rigor fiscal.

 O apoio de cada un deste tres partidos hoxe está por detrás do apoio ao partido de extrema dereita “Alternativa para Alemaña”, que nas enquisas alcanza ao redor do 20 por cento a nivel nacional.

 Non se trata dun asunto simplemente partidista nin estritamente alemán: detrás do banal espectáculo das disputas “democráticas” en Berlín agóchase unha crise existencial para o capitalismo alemán, un capitalismo impulsado polas exportacións á Unión Europea, que durante moito tempo funcionou como un recipiente para os alemáns.

 Así como Alemaña cambiou a orde merkeliana pola anarquía scholziana, a Unión Europea tamén enfronta o colapso das coalicións políticas que sustentaron a fase neoliberal da integración europea durante os últimos corenta anos.

 Os dogmas políticos que encarnaban o neoliberalismo europeo (política de competencia reducida ao “benestar do consumidor”, austeridade fiscal, obxectivos de inflación, desregulación e unha crenza relixiosa na eficiencia dos mercados na asignación de recursos) foron cuestionados durante a última década.

 Mentres os marcos ideolóxicos se desintegran, a coalición política entre o capital organizado, os gobernos nacionais e as institucións da UE que durante moito tempo sostivo un modelo de integración europea sixiloso, tamén está murchando.

 As ramificacións xeoeconómicas da acción militar en Ucraína, a crise do modelo capitalista baseado nas exportacións de Alemaña e a propia integración da UE forman en conxunto un arco interconectado para o que o neoconservador Robert Kagan e o equipo de Bungacast chamaron “A fin da historia”.

 O que ocorreu é exactamente o contrario: un espectacular rexurdimento de conflitos (xeo)políticos e ideolóxicos despois de décadas de consenso neoliberal ancorado á hexemonía estadounidense.

 Se estes conflitos marcan o canto do cisne do neoliberalismo ou a aplicación dunha escalada de violencia para sostelo é unha cuestión divisiva: en ambos os lados do espectro, o debate neoliberal entre morte e continuidade é reducionista cando supón un sistema internamente coherente, que: a diferenza do gato de Schrödinger, está vivo ou morto.

 A realidade é que baixo o capitalismo, neoliberal ou non, varios subsistemas, institucionais, políticos, ideolóxicos, poden seguir (e de feito fano) diferentes traxectorias de cambio, estimulando unha variedade de tensións e contradicións.

 A teoría da regulación francesa propuxo toda unha taxonomía de crises capitalistas que xorden das friccións entre un sistema dado de acumulación capitalista e o modo de regulación que o sustenta.

 Resistindo a tentación de se sumar ao florecente xénero de artigos de opinión que reciclan a mesma cita evasiva de Antonio Gramsci sobre o “novo mundo que loita por nacer”, un exercicio máis produtivo para avaliar o estado actual do neoliberalismo europeo é identificar estas crises emerxentes con rigorosidade, haberá que polo menos: desenmarañar o cambio e a continuidade a nivel de institucións concretas, configuracións políticas e ideoloxías que durante moito tempo estabilizaron o modelo alemán liderado polas exportacións no corazón da Unión Europea (UE).

Modelo fráxil

 A estratexia de acumulación de Alemaña baseada nas exportacións desenvolveuse durante moito tempo en tres elementos centrais: en primeiro lugar, unha coalición de partidos dominantes, pequenas e medianas empresas (PeME) conservadoras, pero tamén grandes conglomerados industriais orientados á exportación, así como segmentos cooptados de man de obra organizada nos sectores manufactureiros.

 En segundo lugar, as institucións internas de Alemaña que regulaban o diñeiro, o traballo e as empresas foron elevadas ao nivel da UE, impondo ao resto da UE o modelo alemán de represión salarial e compromisos ordoliberais de rigor fiscal e baixa inflación.

 En terceiro lugar, os sistemas comerciais rexionais e globais deron ás multinacionais alemás acceso a insumos baratos (man de obra de Europa do Leste, enerxía rusa barata), así como a mercados de exportación estábeis en China e Estados Unidos. Hoxe, todos estes alicerces están fracturados.

 Para a súa estabilización política interna, o capitalismo alemán baseouse nun compromiso ideolóxico e político de longa data entre unha á ordoliberal vinculada á PeME (as chamadas Mittelstand) e grandes conglomerados industriais exportadores, que se beneficiaron da globalización e a integración de Europa central na UE.

 Este compromiso rompeuse: a á ordoliberal segue comprometida coa austeridade a pesar de que a á industrial orientada á exportación está a presionar para que se levanten as restricións fiscais para que os subsidios poidan axudar a industria alemá a competir cos seus rivais estadounidenses e chineses.

 Durante os últimos catro anos, o Ministerio de Asuntos Económicos utilizou iniciativas de política industrial como ferramentas para recalibrar o bloque social de Alemaña marxinando estratexicamente o Mittelstand.

 O que podería parecer un conflito político entre o ministro de Finanzas liberal Christian Lindner (FDP) e os seus socios de coalición é máis ben unha fractura entre diferentes faccións do capital alemán vinculadas a diferentes segmentos do Estado e do electorado.

 Estudos recentes demostraron que os éxitos exportadores de Alemaña levaron paradoxalmente a un divorcio entre o capital financeiro e industrial alemán: mentres que as empresas industriais alemás adoitaban depender dos bancos nacionais, agora fináncianse nos mercados de capital internacionais, mentres que os bancos alemáns tamén prefiren investir no estranxeiro.

 En segundo lugar, aínda que a UE proporcionou durante moito tempo unha andamiaxe externa á capacidade de crecemento das exportacións alemás, o consenso neoliberal sobre a forma, o contido e o propósito da integración europea hoxe está esgotado.

 A UE podería ser unha unión de vinte e sete modelos nacionais diferentes de capitalismo, mais Alemaña non só é a primeira entre iguais en virtude do seu tamaño: é o Estado capitalista cuxas institucións internas deron forma en gran medida ao marco regulatorio de toda a unión.

 Entre a Acta Única Europea de 1986 e a crise financeira global de 2007, o consenso neoliberal prevaleceu sobre a forma, o contido e o propósito da integración da UE, reconciliando os intereses do capital organizado, os estados membros centrais da UE e a Comisión.

 A mediados da década de 1980, esta alianza forxouse arredor da idea compartida de que a privatización, a desregulación e as fusións transnacionais eran as mellores esperanzas para revitalizar o morno crecemento e a competitividade en toda Europa.

 Ademais do capital organizado, dous actores se beneficiaron considerabelemente: o primeiro foi Alemaña, cuxas preferencias de política interna para a xestión do diñeiro, os salarios e as empresas se elevaron ao nivel da UE a través da austeridade fiscal, a política monetaria antiinflacionaria, a supresión salarial e a política de competencia ordoliberal.

 Isto efectivamente europeizou o modelo de capitalismo alemán baseado nas exportacións. O segundo beneficiario foi a Comisión: o mandato de impulsar a integración da UE mediante a identificación e eliminación de restricións á competencia aumentou substancialmente a súa autonomía relativa.

 Hoxe, en cambio, o consenso sobre a austeridade fiscal foi substituído por un campo de batalla entre revoltas populares contra os freos austeritarios ao gasto público da UE e unha ortodoxia que loita por reimpoñer o rigor fiscal e pechar o capítulo do «keynesianismo de emerxencia».

 A política de competencia da UE, que algunha vez foi o corazón palpitante do consenso neoliberal de Europa, foi espectacularmente repudiada polos gobernos francés e alemán que agora o consideran unha camisa de forza para a competitividade europea.

 O que é máis fundamental, o federalismo “furtivo” que ampliou os poderes da Comisión agora conta coa oposición vehemente dos principais estados membros: aínda que Berlín, París e Bruxelas falan de soberanía europea e “autonomía estratéxica”, existe un tirapuxa aberto, definir quen é o soberano lexítimo en Europa e cuxa autonomía debería, en definitiva, mellorarse: a da Comisión, o Consello Europeo de Xefes de Estado e de Goberno, ou os propios Estados membros.

 Unha visión dominante asumiu durante moito tempo que as crises levarían mecanicamente a UE cara a un camiño federalista ao obrigar os Estados-nación soberanos a axuntar competencias e recursos mentres se esforzaban por superar os problemas de acción colectiva.

 Con todo, a idea dunha Unión Europea capaz de implementar un futuro federal púxose duramente posta a proba polo Brexit, a COVID-19 e a actual guerra no continente. En todo caso, a xestión permanente da crise dos últimos quince anos marxinou a Comisión e consolidou o Consello Europeo –e polo tanto aos líderes nacionais– como o goberno efectivo da UE (con Merkel como presidenta de facto).

 O consenso da década de 1980 que prevía a integración europea a través dunha converxencia regulatoria tecnocrática confiada á Comisión desgastouse. Hoxe o chamado a profundar as competencias da UE para xestionar os desafíos vai unido a unha forte oposición nas capitais europeas a outorgar poderes adicionais á Comisión.

 Por último, o acceso de Alemaña a insumos baratos e mercados de exportación estábeis está materialmente limitado. As cadeas de abastecemento industriais alemás son redes transnacionais, coa participación dun notábel grupo centroeuropeo: ao longo dos anos 1990 e 2000, Alemaña adaptouse á presión competitiva da industria do leste asiático subcontratando segmentos de produción de menor valor engadido a países postsocialistas de Europa central para comprimir os salarios e os custos de enerxía.

 Para as multinacionais alemás, Europa central proporcionou non só man de obra barata senón tamén unha infraestrutura enerxética de baixo custo que dependía dos combustíbeis fósiles rusos.

 Hoxe en día, os impactos do shock dos prezos da enerxía son evidentes: tras a acción militar rusa en Ucraína, os prezos da enerxía aumentaron dramaticamente máis en Europa que nos Estados Unidos ou China, afectando a competitividade dos sectores exportadores de manufacturas que usan enerxía de forma intensiva.

 Ou novas configuracións institucionais, políticas e ideolóxicas a nivel alemán e da UE finalmente encontran unha maneira de manter sen afundir o crecemento impulsado polas exportacións, ou este sistema de acumulación colapsa nun lapso relativamente curto.

 Un segundo problema ten que ver coa grave escaseza de man de obra, en Alemaña e Europa central. Segundo estimacións recentes, Alemaña necesitaría un saldo migratorio neto estábel de 400.000 persoas ao ano (é dicir, máis persoas chegando das que saian) para frear a escaseza de man de obra no país. O despoboamento , o avellentamento demográfico e os baixos salarios son hoxe o perfil típico dos países de Europa central e oriental, que funcionan como o interior da industria alemá.

 Sorprendentemente, unha consecuencia do despoboamento en Europa central foi un aumento secular dos salarios, que socava unha vantaxe comparativa clave da rexión. En teoría, isto debería significar unha maior influencia para os traballadores organizados; con todo, na práctica, Europa central converteuse nun laboratorio de medidas desesperadas para encerrar o capital alemán redobrando a explotación da man de obra e os recursos naturais: unha lexislación antiobreira radicalizada, unha a carreira á baixa nas taxas impositivas corporativas e a proliferación de tratados bilaterais para importar man de obra dócil e mal paga desde fóra da UE.

Curso cambiado

 Cada vez máis voces advirten agora que o sistema de acumulación alemán baseado nas exportacións podería non ser sostíbel na súa forma actual. Despois de todo, as institucións, alianzas políticas, ideoloxías e infraestruturas que apoiaron tanto na casa como en Europa, enfróntanse a crises profundas.

 Hai dous escenarios principais por diante: ou novas configuracións institucionais, políticas e ideolóxicas a nivel alemán e da UE, ou este sistema de acumulación colapsa.

 No primeiro escenario, unha restauración neoliberal non será dabondo para superar os desafíos existentes: de Budapest a Berlín ou Roma, a actual normalización de novos marcos legais para importar masas de traballadores temporais a curto prazo e non sindicados do Sur Global con salarios baixos, dereitos laborais mínimos e exclusión explícita dos dereitos de cidadanía é só un exemplo das innovacións distópicas que serán necesarias para revitalizar o modelo euroalemán impulsado polas exportacións.

 O segundo escenario é que este sistema de acumulación colapse: o acceso a insumos como man de obra, tecnoloxía estranxeira, enerxía e recursos naturais poderíase ver drasticamente restrinxido para as empresas europeas atrapadas na rivalidade global entre os Estados Unidos e China.

 O acceso europeo aos mercados de exportación chineses e estadounidenses tamén se podería ver severamente restrinxido ou, pola contra, se estes mercados son demasiado atractivos e hai unha compensación, as empresas da UE poderían preferir sacrificar a súa presenza en Europa.

 Politicamente, a dereita en Europa xa está comprometida na creación das condicións para o primeiro escenario: corresponde á esquerda contraatacar e propor unha alternativa.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 22 de setembro de 2023]