O Movemento Galego pola Saúde Mental demanda “contencións cero” de doentes
O Movemento Galego pola Saúde Mental conmemoraba este xoves o Día Internacional dos Dereitos Humanos cun acto en repulsa dos métodos de contención mecánica de doentes. Métodos utilizados de forma abusiva no Hospital Pisquiátrico de Conxo e que foron denunciados nesta última semana. No decurso do acto deuse lectura a un manifesto baixo o título “Saúde Mental sen ataduras. Contencións Cero” no que se abonda nesta cuestión mais tamén se denuncia que a situación empeoreou por mor da pandemia.
SAÚDE MENTAL SEN ATADURAS. CONTENCIÓNS CERODía Internacional dos Dereitos Humanos 2020
Hai xa máis de sete décadas dende a proclamación por parte da Asamblea Xeral da ONU da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e máis de catro dende a súa firma por parte do estado español. Pero a pesares disto a vulneración dos dereitos humanos no noso país segue a ser moito máis habitual do que debería.
Esta situación é especialmente preocupante no caso das persoas en situación de maior vulnerabilidade ou desprotección, e por tanto nunha posición de maior ameaza para a súa integridade ou dignidade persoal e dunha menor posibilidade de desenvolvemento autónomo. A protección dos dereitos sempre ha de ser algo fundamental, pero debe selo máis nestes casos.
Por outra banda, os tempos de pandemia nos que vivimos non contribúen á protección destes dereitos. En demasiadas ocasións, a defensa dun suposto ben maior serve de escusa ou ten como resultado a maior vulneración de determinados dereitos individuais e sociais. Estas circunstancias tamén propician a exacerbación de inxustizas recorrentes e sistemáticas que se veñen dando previamente, e que poden chegar a ser percibidas como normais, axeitadas e incluso inevitables.
Neste día dos dereitos humanos, dende o ámbito da saúde mental máis que celebrar temos que denunciar. Denunciar o atropelo sistemático que dende o noso estado, a nosa comunidade e o noso sistema sanitario se realiza dun xeito frecuente e con graves consecuencias para as persoas que o sofren e os profesionais que o aplican.
Falamos da contención mecánica. Esa acción mediante a cal se inmobiliza a unha persoa con correas, e que supón unha grave limitación á súa autonomía, reducindo a quen a sufre á mínima expresión, ao lugar que ocupa o seu propio corpo.
O emprego desta técnica supón graves riscos, creando un sufrimento innecesario, e implica un elevado potencial traumático a nivel psicolóxico e físico, podendo chegar a producir lesións permanentes e incluso a morte. A contención contribúe tamén ao mantemento do estigma social asociado aos problemas de saúde mental, sinalando innecesariamente á persoa, quen pode quedar marcada de xeito negativo para o resto da súa existencia. En definitiva, o emprego da contención mecánica supón unha clara e grave vulneración da dignidade e dos dereitos fundamentais da persoa que a sufre.
Escoitamos en numerosas ocasións que este procedemento se realiza pola seguridade e benestar do paciente. Pero este suposto ben, desexable para todos, non pode buscarse a través da vulneración dos dereitos humanos. Porque o fin nunca xustifica os medios.
E isto é especialmente grave cando sabemos que hai alternativas á contención mecánica. As experiencias en numerosos países e ámbitos de traballo así o veñen demostrando dende hai tempo.
E aínda que é certo que, moi excepcionalmente, atar a alguén pode evitar un mal maior, o simple feito de facelo supón un rotundo fracaso nas medidas terapéuticas implementadas previamente. Porque atar nunca é terapéutico. É, porén, sempre indigno e supón un claro exercicio da violencia sobre a persoa que se encomenda ao noso coidado.
Por iso debemos avanzar urxentemente e de xeito inexcusable cara a redución das contencións, buscando o obxectivo da súa abolición total. Cómpre que dende xa nos poñamos a traballar conxuntamente, coa administración á cabeza, en alternativas que respecten a dignidade dos nosos pacientes, situando os dereitos humanos nun primeiro plano. Porque a contención, en si, é un instrumento perverso e denigrante para a dignidade da persoa que é atada e tamén da que se ve obrigada dalgún xeito a exercer esta violencia sobre outro ser humano.
Por todo isto debemos deixar claro que calquera xustificación da contención ou a non promoción de medidas dirixidas cara a súa eliminación será entendida como complicidade, activa ou pasiva, na vulneración dos dereitos humanos,.
Neste sentido resulta inadmisible que a día de hoxe continuemos sen ter datos acerca de canto, durante que tempos e por que motivos se emprega a contención mecánica nos dispositivos de atención á saúde mental do Sergas. Preocúpanos tremendamente a posición do Partido Popular de Galicia, quen en xaneiro de 2019 se opuxo a unha proposición non de lei sobre contención mecánica presentada polo Bloque Nacionalista Galego e apoiada polo resto da oposición.
Tamén nos parece grave a resposta, aínda hoxe parcial e tenue da Xunta ao informe realizado polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura no 2017 respecto á atención no Hospital Psiquiátrico de Conxo e á vulneración de dereitos dos residentes, e que nestes últimos días soubemos será investigada polo Parlamento Europeo a instancias de Esquerda Unida. Porque está claro que o primeiro paso para abolir a contención é querer facelo.
Por todo isto no Día dos Dereitos Humanos vémonos na obriga moral de continuar esixindo ao Goberno de España, á Xunta de Galicia e ao Sergas:
- O cumprimento das normativas dos diferentes organismos e convencións internacionais dos que forma parte e que ten asinadas nos últimos anos en relación á promoción dun trato digno ás persoas con discapacidade e no eido da saúde mental, e que veñen vulnerando de xeito sistemático. E especificamente da Resolución do Consello de Dereitos Humanos da Organización de Nacións Unidas sobre Saúde Mental e Dereitos Humanos (2017), a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade (2006) e as recomendacións realizadas polo Comité Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (2017).
- O desenvolvemento lexislativo da cuestión relativa aos ingresos psiquiátricos e concretamente á contención mecánica, recolléndose a mesma como unha medida de seguridade (non terapéutica) de carácter excepcional ante riscos inminentes non evitables con outras medidas de menor intensidade, e na cal toda actuación deberá ser guiada pola preservación da dignidade da persoa. Neste sentido a proposición de lei presentada o ano pasado polo BNG e apoiada polo resto da oposición pode ser un bo punto de partida. Cómpre a súa aprobación inmediata por parte da totalidade do Parlamento de Galicia e o seu desenvolvemento posterior en forma das correspondentes leis e normas.
- A revisión de toda a acción e funcionamento da atención á saúde mental dende a perspectiva da súa adecuación ao respecto e protección dos Dereitos Humanos, promovendo a autonomía e a liberdade das persoas afectadas, así como o seu empoderamento, garantindo a súa participación efectiva na elaboración e avaliación de plans e normas e no funcionamento dos dispositivos asistenciais postos ao seu servizo. O chamado Plan Contención Cero recollido no Plan de Saúde Mental de Contención debe desenvolverse dun xeito prioritario e inmediato, con obxectivos e indicadores operativos, un plan exhaustivo de seguemento e a implicación de tódolos axentes implicados.
- A creación ou promoción dun sistema sinxelo e sistemático de recollida de información e rexistro de contencións de carácter obrigatorio que permita coñecer directamente a magnitude do problema e as variables que contribúen ao seu mantemento, así como a evolución da súa práctica, que debería tender a desaparecer. Esta esixencia xa foi recollida no informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, trala visita realizada ao hospital psiquiátrico de Conxo en 2017, sen que aínda fose resolta por parte da administración.
- A dotación urxente dos recursos humanos mínimos necesarios para poder producir un cambio real neste tipo de prácticas e ofrecer unha atención pública digna á saúde mental na nosa comunidade.
Por unha atención digna á saúde mental. Por unha saúde mental sen ataduras.