O muro de Trump contra América Latina

Ilka Oliva Corado - 27 Xan 2017

Mentres Estados Unidos non deixe a súa inxerencia en América Latina, non haberá muro que sexa capaz de deter a migración forzada. Por máis deportacións masivas, a xente necesita comer e a Estados Unidos vai buscar o sustento que lle nega e rouba o seu país de orixe

Sen ir tan lonxe, o muro que pretende construír Trump non deterá a inmigración forzada de latinoamericanos, porque se debe á política externa de Estados Unidos e á súa inxerencia en América Latina. Primordialmente. O asedio constante, a intromisión en asuntos internos doutros países que toma como propios. O saqueo desapiadado en terras que sempre vulnerou ao seu antollo.

 Se especificamos a migración de centroamericanos e mexicanos cara a Estados Unidos e entramos  un pouco na historia dos últimos 50 anos na rexión, veremos con detemento o papel que xogou o Plan Cóndor e as ditaduras impostas que deron paso á creación de gobernos neoliberais que responden a mandatos estadounidenses.

 As persoas non se van porque é un luxo vivir en Estados Unidos, vanse porque son obrigadas a saír dos seus países de orixe. Obríganas os gobernos corruptos con políticas clientelares e impunes que benefician as grandes corporacións da oligarquía e do estranxeiro.

 Estados fallidos, as grandes mafias que pululan no sistema de xustiza, de educación, de saúde. A carencia dunhas infraestruturas acaídas. As nulas oportunidades de desenvolvemento que ofrezan e apoien unha vida saudábel e integral. As razóns están a flor de pel, son visíbeis e palpábeis, non podemos ser inmunes á traxedia da migración forzada. Nin nós como cidadáns, nin os medios de comunicación e moito menos os gobernos do país de orixe, traslado e chegada.

 Trump sábeo, sabe que si axudaría e bastante eliminar a versión renovada do Plan Cóndor. Terminar de vez co carácter inxerencista das embaixadas estadounidenses ao sur do río Bravo. Devolver o roubado. Deixar de promover, manipular e levar a cabo golpes de Estado.

 Sacar dos países latinoamericanos a bases militares estadounidenses que de misións humanitarias non teñen nada.

 Se Trump realmente quere terminar coa inmigración forzada de latinos cara a Estados Unidos, debe cortar de vez co Plan Mérida, o Plan Fronteira Sur, o Plan Maya-Chortí , o Plan Alianza para a prosperidade, máis ao sur o Plan Colombia. Iso para comezar.

 Terminar co Tratado de Libre Comercio de América do Norte, o Tratado de Libre Comercio entre Estados Unidos, Centroamérica e República Dominicana. O Tratado de Libre Comercio Chile-Estados Unidos. O Tratado de Libre Comercio Perú - Estados Unidos e, por suposto deixar de insistir en que Sudamérica lle dea o si coa Área de Libre Comercio das Américas.

 Porque todos estes tratados son nada máis renovacións do Plan Cóndor disfrazados de políticas de inclusión e irmandade entre países; son inxerencias aceptadas polos gobernos de carácter corporativo que só benefician as oligarquías e a Estados Unidos. Son maquinarias de destrución masiva de vidas humanas e do ecosistema de Latinoamérica. Empobrecen máis a rexión e destrúena.

 Mentres Estados Unidos non deixe a súa inxerencia en América Latina, non haberá muro que sexa capaz de deter a migración forzada. Por máis deportacións masivas, a xente necesita comer e a Estados Unidos vai buscar o sustento que lle nega e rouba o seu país de orixe.

 O triste de todo isto é que, mentres se asinan Accións Executivas e palabras van e palabras veñen, millares seguen morrendo na fronteira da morte, millares seguen sendo secuestrados, torturados e desparecidos, no seu paso por Centroamérica e México buscando chegar a Estados Unidos. Que goberno asinará unha Acción Executiva para deter ese xenocidio de indocumentados? Quen se indignará ante tanta traxedia?

 Non é un muro, é a inxerencia de Estados Unidos en Latinoamérica.

 (Posdata: Xa que estamos nestas, cando asinará unha Acción Executiva para eliminar o Decreto contra Venezuela? Digo, aproveitando o da feira de asinamentos de Accións Executivas).

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 25 de xaneiro de 2017]