O naval vigués agoniza ante o desleixo da Xunta e a pasividade das centrais estatais

Vigo/Ferrol -

A CIG leva anos advertindo, en contra do discurso oficial que repetían até a saciedade os medios de comunicación, que o naval da Ría de Vigo atravesa unha situación crítica que pode rematar coa desaparición dun sector fundamental para a comarca e estratéxico para o país. A Xunta do PP fixo bandeira desta industria para tirar rendibilidade política en períodos electorais.

O anuncio da entrada de Pemex no accionariado de Barreras foi vendido no seu día como un o gran triunfo do propio Núñez Feijóo, unha manobra que garantiría o futuro da compañía e relanzaría o sector. Pero na práctica, dos 24 buques que Pemex supostamente ía traer só chegou un. E a dirección de Barreras continuou nas mans dos responsábeis do seu declive a pesar de que a empresa mexicana era a máxima accionista. 

A CIG tivo que tomar unha vez máis a iniciativa no sector

Neste contexto, sucedíanse as noticias de grandes proxectos e novas contratacións, de falta de persoal cualificado para facer fronte á enxurrada de encargos que debían asumir os principais estaleiros.

Mais a CIG continuaba a alertar, coma unha voz no deserto, sobre o proceso de descomposición no que se atopaba o sector (pasou de máis 10.000 a 2000 traballadores/as nos últimos anos). E trataba de organizar, fronte aos atrancos das empresas e ás resistencias do sindicalismo de concertación, a resposta dos traballadores/as.

Pouco tempo despois a realidade puxo a cada quen no seu sitio. A ilusión amplificada pola propaganda institucional a través dos seus voceiros mediáticos privados e polos medios públicos ao servizo do PP foise abaixo coma un castelo de naipes. O resultado, o segundo maior estaleiro privado do Estado español (Vulcano) pechou as portas deixando a todo o cadro de persoal na rúa; e o primeiro (Barreras), vén de presentar a súa disolución no Xulgado.

Sector en perigo de desaparición

A resposta dos sindicatos estatais, maioritarios nas dúas empresas (CCOO en Vulcano e UGT en Barreras) non se saíu do guión habitual: actitude pasiva e agardar acontecementos. Tivo que ser a CIG a que tomase a iniciativa propoñendo mobilizacións e organizando protestas, incluso en solitario como no caso de Barreras.

O obxectivo, que se saiba o que acontece e forzar as administracións a buscar solucións, que pasarían pola convocatoria da mesa do naval, pola elaboración dun plan galego do sector e por tomar o control público das empresas cuxas xestións privadas fracasaron (non hai que esquecer que Barreras foi público até a súa privatización polo Goberno de Aznar).

Porque a perda definitiva destas dúas empresas suporía a práctica desaparición do naval vigués (entre as dúas contrataban máis do 50% do persoal do sector), e en consecuencia a morte da industria auxiliar. Ademais, pecharíase a porta á construción de grandes buques na ría de Vigo, xa que non existen outras instalacións coa capacidade necesaria.

No caso de Vulcano, a CIG reclamáralle á Xunta que entrase no accionariado da empresa, xa que un dos seus principais problemas era a falta de confianza dos armadores. Pero non o fixo, e hoxe atopámonos coa súa liquidación. Agora, ante o suposto interese dun empresario do sector en facerse coas instalacións, resulta sospeitoso que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, anuncie que lle vai retirar a concesión pública ás instalacións.

Ferrol, en crise continuada

Ferrol e as súas comarcas padecen unha crise continuada dende a mal chamada reconversión naval, con evidentes consecuencias nas elevadas taxas de desemprego, a perda constante de poboación, o incremento do número de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión ou o peche de empresas. Unha crise social, económica e laboral agravada porque sectores fundamentais como o naval ou a produción de enerxía están a punto de entrar en subactividade ou sen futuro certo.

Volver