O novo concurso de ambulancias non vai solucionar o colapso de Pontevedra e do Salnés

A CIG estuda impugnar a convocatoria e iniciar mobilizacións para esixir melloras no servizo
Pontevedra/Salnés - 06 Mai 2019

O concurso público para adxudicar o servizo de transporte sanitario urxente que a Sergas presentou hai unha semana non vai rematar co histórico colapso no que se atopan as ambulancias das comarcas de Pontevedra e do Salnés. Dende a CIG anunciaron hoxe que barallan impugnar a convocatoria e iniciar mobilización para reclamar melloras no servizo.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa en Pontevedra e Vilagarcía para denunciar que o concurso de adxudicación das ambulancias do 061 que se vén de coñecer non vai servir para rematar cos problemas existentes dende hai anos nas dúas comarcas. Aboi explicou que no caso de Pontevedra demandábase unha ambulancia básica a maiores que estivese operativa 12 horas, así como que a de Marín prestase servizo durante 24 horas.

“Pero atopámonos que o concurso contempla que Marín se quede como está, a pesar de que a ambulancia ten que desprazarse continuamente a Pontevedra porque alí non dan feito, mentres que en Pontevedra meten un híbrido entre a ambulancia medicalizada e a básica e redúcenlle o persoal, pasando de levar dous técnicos/as a só un”.

No que respecta á comarca do Salnés, o responsábel da FGAMT-CIG lembra que dende hai anos existe un clamor social para que se dote a zona dunha ambulancia medicalizada durante todo o ano. “Hai dous anos meteron unha básica en Vilagarcía durante 12 horas, que axudou a mellorar moito o día a día, pero que agora quitan”.

Sostén que a maior comarca turística do país segue a precisar unha medicalizada. “Agora o concurso contempla esta opción, pero reservando unha ambulancia de segunda división, xa que tamén lle reducen persoal, pasando de catro traballadores/as (dous técnicos/as, un médico/a e un enfermeiro/a) a tres (un técnico, un médico/ e un enfermeiro/a”.

Impugnación e mobilizacións

Polo tanto, lamenta que o novo concurso non vaia servir para mellorar o servizo nas zonas que máis o precisan, ao tempo que critica que contemple a maior puntuación para as ofertas económicas en lugar de para as melloras en vehículos e material. “Como a Xunta quere aforrar custes pídelle ás empresas que paguen elas as oito horas de Marín, por exemplo”.

Finalmente, anunciou que esta mesma semana solicitarán unha xuntanza cos responsábeis do 061 para abordar esta problemática e adiantou que están a estudar a posibilidade de impugnar o concurso e de convocar mobilizacións durante a campaña electoral para esixir melloras no servizo de transporte sanitario urxente.