O novo concurso de seguridade dos edificios xudiciais non corrixe as deficiencias a respecto do persoal necesario

A CIG-Servizos denuncia que a dotación económica é insuficiente para cubrir os gastos e non dá resposta ás necesidades de vixilancia e seguridade das instalacións
Vigo/A Coruña - 22 Ago 2023

A Xunta vén de iniciar un novo procedemento de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade nos edificios da Administración de Xustiza de Galiza que presenta as mesmas deficiencias sinaladas pola CIG con anterioridade a respecto do persoal necesario. Dende a central sindical denuncian que a dotación económica é insuficiente para cubrir os gastos de contratación e que o concurso non dá resposta ás necesidades de vixilancia e seguri-dade das instalacións.

A Administración autonómica optara por desistir do anterior proceso ante as alegacións presentadas pola CIG-Servizos reclamando que se corrixisen as anomalías detectadas nos pregos de condicións. En concreto, nos referente aos lotes 1 (edificios xudiciais da Coruña) e 12 (Cidade da Xustiza e rexistro civil de Vigo). 

A Administración autonómica desistira do anterior concurso ante as alegacións presentadas pola CIG-Servizos

Os pregos de condicións deste último lote volven contemplar unha partida económica insuficiente para afrontar os gastos do persoal que vai ser subrogado, xa que figuran 11 persoas traballadoras para cubrir 10 xornadas. Cando no concurso só se contemplan sete xornadas a contratar, coa correspondente partida económica para esta cantidade de persoal.

Diante disto, Pedro Pérez, responsábel nacional de seguridade privada da CIG insta a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes “a ter en conta a realidade da Cidade da Xustiza de Vigo, na que se fixo investimento millonario nun edificio con 19 andares, cun edificio anexo de catro andares e cun aparcadoiro de tres sotos, e se atendan as necesidades reais para a realización dun servizo de seguridade e vixilancia verdadeiramente efectivo”.

Neste senso, volve a denunciar que se están a aplicar recortes nas quendas de tarde, de noite e de fin de semana a 24 horas. Por iso o responsábel sindical agarda que se corrixan estas deficiencias "e se dea a cobertura adecuada para unha efectiva prestación do servizo de seguridade e vixilancia para os bens e as persoas e non se precarice un servizo realmente necesario e de interese público”.

Modificacións insuficientes

Pérez considera que o convenio coas forzas e corpos de seguridade do Estado presentes no edificio non vai dar cobertura ás necesidades de vixilancia e seguridade necesarias para estas instalacións, non realizándose tampouco o control de persoas, paquetería e accesos, tanto a persoal como a persoas usuarias.

E lamenta que a modificación que se levou a cabo no concurso tan só supuxo engadir un lote 13, correspondente ao edificio xudicial de Lalín, que non figuraba no anterior, “mais non se deu resposta á problemática do lote 12”.

En canto ao lote 1, correspondente aos edificios xudiciais da Coruña, critica que sigan sen figurar todas as persoas traballadoras que teñen dereito de subrogación e que contemple unha partida económica insuficiente para o custe do servizo.