O novo convenio de Serradoiros da Coruña acaba coa desregulación na actividade da tala

Garante o poder adquisitivo dos salarios e protexe o persoal de ETTs
A Coruña - 29 Xun 2017

Logo da próxima publicación do novo convenio de Rematantes e Serradoiros da provincia da Coruña, o primeiro no que a CIG ostenta a maioría absoluta da representación no sector, as empresas que teñen por actividade principal a tala, saca e entresaca de madeira no monte deberán respectar este convenio en todas as súas condicións laborais e salariais; rematando así cos abusos que determinadas empresas madeireiras desenvolvían aproveitando os baleiros normativos do Convenio Estatal da Madeira.

Até o momento, explica Mario Maceiras, da Federación de Construción e Madeira da CIG, moitas destas empresas viñan aplicando o Estatuto dos Traballadores/as, é dicir, abonando o Salario Mínimo Interprofesional (707,60€). Co novo convenio, os traballadores e as traballadoras que se atopen afectados por esta situación verán incrementados os seus salarios entre un 60 e un 70%. A suba pode ir desde un 63,54% no caso dun Oficial de Primeira, até o 68,89% no caso dun peón.

Porén, engade a FCM-CIG, resulta difícil precisar o número de traballadores/as afectados/as por esta circunstancia, dadas as características da actividade e a inexistencia de datos estatísticos das empresas que estaban desreguladas. Por esta razón, "a CIG porá en marcha unha campaña de vixilancia específica no sector para velar porque esta adaptación se leve a cabo de inmediato e dignificar o traballo no sector, reducindo a súa alta sinistralidade".

Garantía do poder adquisitivo e protección para o persoal de ETTs

O novo convenio colectivo, ao que finalmente se sumaron tamén UGT e CCOO, garantirá o mantemento o poder adquisitivo dos traballadores/as até 2018, que experimentarán un incremento salarial de, como mínimo, un 1,5% anual durante a vixencia do convenio, debendo percibir tamén atrasos equivalentes ao 1% do seu salario en compensación polo ano 2016. Así mesmo, garántese a aplicación dos convenios para todo o persoal desta actividade que preste servizos na provincia, incluíndo o de ETTs e o posto a disposición por terceiras empresas ás propias do sector.

Porén, e a pesar das sensíbeis melloras, o convenio de Rematantes e Serradoiros segue a ser o de inferiores condicións salariais de todos que negocia a Federación de Construción e Madeira da CIG na provincia, polo que o obxectivo no futuro é dignificar a situación económica e laboral do persoal "dun dos sectores produtivos con máis potencial en Galiza, e que se atopa seriamente ameazado pola proliferación masiva de eucaliptos nos nosos montes. Isto  ameaza, nun medio e longo prazo, unha actividade moi dependente do piñeiro e doutras especies en franco retroceso por mor das políticas forestais do PP na Xunta de Galiza".